09:36 Sabado, 19 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2019

A presión da sociedade era forte de máis para favorecer que as mozas puidesen tocar a gaita coa mesma normalidade con que o facían os seus parentes masculinos.

A gaita, tamén feminina

Valorar (28)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Na tradición musical europea houbo instrumentos que ficaron asociados a un determinado sexo ou mesmo a un grupo social, ás veces inxustamente. A pensarmos na zanfona ou nos violinos na Galiza, por exemplo, véñennos rapidamente á mente os cegos que interpretaban nas romarías e feiras do país os seus fermosos e arcaicos cantos, estudados polo clérigo Santiago Tafall (1858-1930), un dos músicos pioneiros en se dedicar á compilación e análise deses cantares; se reparásemos, por súa vez, na pandeireta, a primeira imaxe que talvez teñamos sexa a dunha muller de certa idade a marcar co puño un dos ritmos tradicionais galegos e a entoar unha melodía asociada a esas pautas de tempo. Mais sabemos hoxe en día que houbo mulleres violinistas e zanfonistas que, como os seus compañeiros de profesión invidentes, percorreron os principais mercados e as máis importantes romaxes galegas a interpretaren os seus característicos cantares: segundo o blogue de Xoán Manuel Díaz Branco (http://bartolodasaceas.blogspot.com), a famosa Pepa do Queixo da Bretoña, da zona de Mondoñedo, andou polas feiras e festas das comarcas próximas en finais do século XIX; tamén é digna de nota Dolores Gómez, “A Cega da Pereda” ou “A Cega de Miranda”, en Castroverde; e mesmo unha outra cega, “A Pachacha” do Couto de Outeiro, chegou a ser contratada no decembrar oitocentista non só na Galiza, mais tamén no norte de Portugal e en varias rexións da España. A este respecto, Marica Campo, unha das máis brillantes escritoras da literatura galega actual, recrea no seu precioso libro Memoria para Xoana (2002) a curiosa historia dun violino que pasa de xeración en xeración polas mans de varias mulleres galegas que tocaban, sen o saberen, un exemplar construído por Antonio Stradivarius…  

A gaita tamén se viu vernizada cun groso e case impenetrábel óleo andróxino. Secularmente, foi un instrumento asociado ao xénero masculino, con escasas mostras de gaiteiras (á excepción da musette, un tipo de aerofone da aristocracia que tamén era tanxido por mulleres). Isto aconteceu na maior parte dos países en que a cornamusa posúe unha roburenta tradición: varios dos cadros do pintor flamengo Pieter Brueghel “O Vello” (1525-1569), por exemplo, representan festas camponesas en que adoito hai un home a tocar a gaita. Ao mesmo tempo, mudando de contexto cultural e de nación, as imaxes e as fotografías dos séculos XVII-XIX en que se ven individuos a tanxeren unha gaita escocesa das Terras Altas ou Piob Mhor recollen unha figura masculina. Similares costumes son os que se observan para outras culturas gaiteirís, como a bretoa, a occitana ou a portuguesa, nas cales é case exclusiva a imaxe dun gaiteiro, cando menos con algunhas tipoloxías de gaitas.  

Frecuentemente, en moitas tradicións musicais veciñas, o oficio de gaiteiro era herdado de pais a fillos e rarísima ou nula vez de pais a fillas ou de nais a fillas. A presión da sociedade era forte de máis para favorecer que as mozas puidesen tocar a gaita coa mesma normalidade con que o facían os seus parentes masculinos. Afinal de contas, pensemos que se até non hai moito non podían ser arquitectas, catedráticas de universidade, mariñeiras, mineiras ou ministras, tamén non debían ser gaiteiras. Hai que ter en conta que en certas épocas, en especial despois da Guerra Civil, a imaxe social do gaiteiro tamén non pasaba polos mellores momentos, ao contrario do que acontecera nos séculos precedentes, en que o prestixio de tales instrumentistas era digno de nota, como ben souberon cantar Rosalía de Castro ou Curros Enríquez. E reparemos en que se iso acontecía cos homes, as consecuencias pexorativas para o caso das mulleres tórnanse ben evidentes para as podermos imaxinar con facilidade.  

Porén, isto non impediu que houbese excepcións nesta liña androcéntrica ao longo do século XX, pois tense constancia de mulleres gaiteiras que chegaron a ter sona pola súa calidade co instrumento nacional galego por excelencia. O xornalista e escritor Óscar Losada, no seu interesante libro Alento de gaita. O sopro dun pobo (2000), non hesitou en se referir a esas mozas pioneiras como “intrépidas”, pois con efecto foron capaces de se adiantaren ao seu tempo e de interpretaren melodías cun instrumento asociado tradicionalmente aos homes: tal é o caso de María Áurea Rodríguez (1897-19??), pertencente ao grupo “Os Maravillas” de Celanova e que foi alcumada na prensa de inicios do século XX como “a raíña da gaita” polo seu grao de virtuosismo. Igualmente, foi coñecida Felisa Vidal Nogueira (1904-1994), a “gaiteira de Bendilló”, da rexión lucense de Quiroga. Por súa vez, Regina Capelo foi a primeira nena gaiteira que actuou nun escenario no coro coruñés “Cántigas da Terra”, fundado en 1916. Tampouco nos esquecemos do cuarteto “Os Celtas” de Maside (Ourense), cuxa imaxe aparece no rotativo El Pueblo Gallego (15.08.1931) e na cal se aprecian tres mulleres (gaita, caixa e tambor) e un home (clarinete). E, coas palabras de Óscar Losada, tamén foron “intrépidas” sen dúbida as integrantes da banda “Meniñas da Saudade”, de Ribadeo, alumnas do gaiteiro Primitivo Díaz Pérez (1900-1979), o primeiro grupo de gaitas formado exclusivamente por raparigas en 1961, das cales moito gostaban ilustres gaiteiros e artesáns como Xosé Manuel Seivane Rivas (1921-2012).  

Os tempos, felizmente, mudaron neste sentido e hoxe, para alén do suceso internacional de gaiteiras como Cristina Pato ou Susana Seivane, é totalmente habitual que as mulleres toquen a gaita ou que sexan membros de formacións en que este instrumento é indubitábel protagonista. Deixándomos de parte as bandas de gaitas, en que a presenza feminina é notoria ou mesmo maioritaria face á masculina, estamos a nos referir a gaiteias actuais como Ana Carnota (da asociación “Xiradela”), Adriana Rivas, Belém Tajes, Carme López Fernández (do grupo “Os Minhotos”), Conchiña Castro, Erea Estévez (de “Cántigas da Terra”), Guadi Galego, Isabel Mouzo, Laura Burgué, Lorena Freijeiro, Luísa Sarmiento, Magoia Bodega (de “Treixadura”), María do Carme Santiso Medín, María Xosé López (do grupo “Muxicas”), Mercedes Peón, Patricia Gamallo e Sandra Tamayo (de “Habelas Hainas”), Pilar Ramallal (de “Cántigas da Terra” e “Os Melidaos”), Raquel Domínguez, Rebeca Carrera, Xiana Teixeiro… e a outras moitas, talvez non tan coñecidas como estas, mais que tocan cunha calidade idéntica ou superior á de moitos compañeiros masculinos.  

Esa mesma calidade foi a que fixo que no concurso internacional de gaita McCrimmon, que pasa por ser un dos máis prestixiosos do mundo e que se celebra anualmente no marco do Festival Intercéltico de An Oriant ou Lorient, na Bretaña, a moza galega María López, alumna do virtuoso gaiteiro de Ferrolterra Daniel Bellón, gañase o primeiro premio na edición correspondente a 2019; foi a segunda muller na historia en conseguir ese cobizado galardón e recibiu a “Mención de Honra” ao ser a persoa máis nova en o gañar (14 anos). Na edición do ano 2018 foi igualmente digna de nota Raquel Vilas, de Teo, a cal tamén resultou gañadora empatando con Javier Menéndez, que, ao ser máis xoven que aquela, acabaría finalmente levando o trofeo.  

Outrosí, a construción deste tipo de instrumentos foi un oficio desempeñado exclusivamente por homes, o que coñeceu o seu paralelismo noutras culturas próximas. Na Galiza, as mulleres, de se adentraren no mundo da artesanía na música de orixe tradicional, ficaban normalmente reservadas para outros labores, cal a confección dos vestidos e farrapos para as gaitas, a elaboración de traxes para diversas formacións (cuartetos, coros etc.) etc. Até hai uns anos, o oficio de artesán de gaitas non dispuña de exemplos en que unha muller comezase a aprender as técnicas básicas para despois as desenvolver e mellorar como parte da súa profesión. E, infelizmente, temos de sinalar que corresponde actualmente a unha dedicación en que a escaseza da presenza feminina se torna unha das súas características máis notorias. Unha visita á páxina web da actual Escola de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), por exemplo, pode corroborar esa pouca dedicación consultando os datos dos últimos tempos. A este respecto, Carlos Corral, mestre da antecitada EMAO na sección de artesanía da gaita e coñecido fabricante deste instrumento, indicounos hai un tempo que noutros anos ten habido máis alumnas e que mesmo algunha chegou a montar o seu propio obradoiro, mais que a maioría do estudantado sempre foi masculino.  

Perante este estado de cousas, véñennos á cabeza algúns poucos nomes que, por desgraza, constitúen numericamente excepcións. Un deles é o de Patricia Cela, formada na antiga Universidade Popular de Vigo (hoxe EMAO), onde estudou con Antón Corral. E outro é o de Saínza Seivane, que traballa no obradoiro xunto ao seu pai Álvaro, ao seu tío Xosé Manuel e tamén cos outros operarios. Ela, co resto de integrantes, representa a continuidade familiar na construción de gaitas, mais enforma tamén –e isto non é menos importante– como unha muller é capaz de desenvolver con igual brillantismo que os homes unha profesión historicamente case en exclusiva desempeñada por estes. Saínza non ten constancia de ter recibido un trato diferencialmente sexista desde que está no Obradoiro Seivane, aínda que si lembra como algúns gaiteiros ficaban algo perplexos ao vérena traballar coas madeiras. Nunha ocasión, algúen, estrañado por ver unha muller nun torno en que se constrúen gaitas, manifestou o seu interese polas habilidades desta neta de Xosé Manuel Seivane Rivas, ao que ela respondeu: “Ponte aí no torno. Se tanto sabes, a ver se o fas mellor ca min”. Obviamente, aquel gaiteiro optou prudenciosamente por a deixar traballar en paz e recusou probar as propias destrezas na máquina.  

As primeiras lembranzas de Saínza dunha gaita remontan a Barcelona, cando a súa familia directa vivía alí, mais sinala que os seus contactos iniciais co proceso de fabricación do instrumento foron xa en Cambre, no momento en que o seu pai Álvaro instala nos baixos da casa o Obradoiro. Ao comezar a traballar nas actuais dependencias, remarca que algunhas tarefas lle resultaron bastante fáceis, porque xa as vira facer na casa durante moitos anos; certamente, segundo ela nos dixo, todo aquilo viña sendo “como o pan de cada día”. Tamén nos comentou que o seu avó estaría ben orgulloso, “contentísimo”, de ver como a súa propia familia, agora xa tamén incluíndo a terceira xeración, continúa coa aventura que principiara no ano de 1939 nas chairas da Fomiñá cun torno de bésta, cando o patriarca construíu a súa primeira gaita. Entre os consellos que lle deu, lembra algunha recomendación, como por exemplo aquela que dicía que para facer ben o labor “hai que ter moita paciencia, pois as présas non serven de nada”. Saínza tamén garda con especial clareza na memoria cal foi a súa tomada de contacto nos labores diarios da feitura do instrumento: o primeiro traballo que levou a cabo foi lixar unha gaita, aínda que ela nos afirmou que gosta de todo o relativo á construción, desde as primeiras tarefas para seleccionar a madeira até lle colocar os farrapos cando xa está totalmente concluída e pronta para ser entregue ao gaiteiro ou á gaiteira que a encarregou.  

En síntese, podemos reclamar tamén que a gaita, na actualidade, é un instrumento tamén feminino, e non unicamente polo número de mozas instrumentistas, mais tamén porque hai mulleres que garanten a feminidade na súa elaboración. Entre elas sobresae Saínza Seivane por corresponder á única muller que na actualidade se dedica na Galiza ao oficio de fabricación de gaitas, unha profesión tradicionalmente masculina plural e, no caso desta xoven artesá, desenvolvida con brillantismo en feminino singular no Obradoiro familiar dos Seivane no lugar de Cecebre, en Cambre, a poucos metros da famosa fraga.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña