18:30 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-09-2019

Esta é a cuestión, como se presentan os feitos que se nos ofrecen ao público afeito xa até o máis morboso, as aberracións máis grandes que xa non lle afectan por ser, ademais, tan reiteradas.

Miserias

Valorar (18)

LOIS DIÉGUEZ


Son recorrentes nos medios de comunicación os sucesos referentes a xente que aparece morta, ou mata ou rouba, ou comete unha morea de delitos que na mente da maioría das persoas son difíciles de imaxinar, ficando asombradas, estrañadas ou alarmadas. Quizá magoadas tamén, aínda que a este respecto non coido que a proporción de sentimentais vaia moi aló. En moitos casos eses medios móstrannos con imaxes duras e efectistas os lugares onde viven, pisos, casas ou tugurios ateigados de lixo, sen luz, nin auga, nin coas mínimas condicións sanitarias. E en xeral, con nenos e nenas de poucos meses ou anos e comestos polas enfermidades.    

E así, as noticias de sucesos complétanse cada día con pais ou nais que abandonan os seus fillos nun contedor ou nunha bolsa de plástico, mortos. As cámaras van detrás dos protagonistas destas miserias para ofrecerlle ao público en carne viva unha especie de monstros insalvábeis. Póñenlle rostro a estes condenados da terra (como estou seguro que hoxe lle chamaría tamén Frantz Fanon) mais polo xeral, non á súa voz e explicacións, de xeito que o que quedará na xente será a idea de que son raros, moi ignorantes e con vicios propios, verdadeira  causa do grao de deterioración ao que chegaron.   Esta é a cuestión, como se presentan os feitos que se nos ofrecen ao público afeito xa até o máis morboso, as aberracións máis grandes que xa non lle afectan por ser, ademais, tan reiteradas. Búscase o chorro de sangue onde hai unha feridiña, e o insulto e o ton exaltado onde hai unha palabra de cansazo ou desespero ou impotencia. E nunca, practicamente en todas as noticias, e máis se teñen relación con política, con grandes masacres, con guerras ou exterminios, ou con graves problemas sociais; nunca, digo, se vai ás causas de por que se producen; ás súas causas de raíz, esas que nos axudarían a comprender moitos dos sucesos da Nosa Terra e do mundo, da súa xustiza ou inxustiza, porque daquela teríamos a capacidade de reaccionar para que, no caso, o mesmo suceso tivese unha solución, un cambio no que todos e todas poderíamos participar, asumindo as responsabilidades que a cada quen, persoa ou institución, lle correspondese.  

Por iso as desgrazas de persoas ou familias ou pequenos grupos de xente que nos mostran na miseria máis absoluta, aparecen apenas nuns segundos nas imaxes ou na letra impresa ou pronunciada. Só uns segundos ou minutos no telexornal do día e esa pobre xente fica outra vez alleada da nosa vida. Os medios de comunicación, verdadeira escola de formación (ou deformación?) da sociedade de hoxe, foxen, polo xeral, de sinalar os feitos que explicarían o seu fatal desenlace. Non é atrevido pensar nas causas, fundamentalmente económicas que os producirían. Na falta de traballo e educación, na pobreza que se non se remedia socialmente sobre todo, rematará así, na miseria, na fame, no embrutecemento da persoa. Non pode ser vicio ou deterioro persoal en exclusiva, senón situacións que dalgún xeito teñen que ver con todas as lacras que este capitalismo voraz, deshumanizado e criminal, e con tanto servidor comprado, utiliza en moitos casos como unha arma mortal, porque o leva así no seu propio corazón.  

Por iso cando vexo ou sinto unha noticia sobre a miseria na que se afundiu alguén, un ser con dereitos sociais que non puido gozar, penso sempre en como sería a vida deses homes, desas mulleres, de nenos e nenas desafiuzados obxectivamente polos responsábeis políticos dunha sociedade que non foi capaz de atallar ese conflito. Non foi quen ou non quixo. Acaso non puido? Se nos din que esas persoas representan unha proporción moi baixa da nosa sociedade, daquela, por que non se atalla? Sería fácil. Sería, pois, o normal por parte dos responsábeis directos e indirectos (acaso nós estamos neste grupo tamén). Esta tería que ser a posición dun medio de comunicación que traballase para informar con veracidade e profesionalidade sobre un feito que aparece culpando só  a propia vítima de todo os seus males. E con esa  investigación, a noticia tería un sentido completo con suxestións que non ficarían só nos intereses do propio medio, senón que axudarían a que os espectadores participásemos con algún tipo de resposta. Activos e activas, pois, conscientes dos problemas que nos rodean.  

Falo dos condenados da terra, pero tamén deses que non teñen ingreso económico algún, ou é, xa de xeito xeneralizado, moi baixo; tanto que non lles chega para vivir, e fican, ante situacións extremas, sen alternativa. Que alternativa lles queda a eses centos de milleiros de homes e mulleres que non teñen o futuro asegurado? Acabarán roubando, deteriorándose, vivindo na rúa, entrando nunha casa deshabitada? Acabarán enfermos, destruídos, sen gana de vivir? Acaso esta, lectoras e lectores, sexa a biografía oculta deses que nos presentan nun piso con toneladas de lixo, pero que está a beira doutros equipados ao menos coas mínimas necesidades. A miseria é a gran pobreza, tamén na conciencia. E miserábel quen fai grandes maldades.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña