Onte pola mañá erguiámonos coa nova da volta ás armas dun reducido grupo de combatentes das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Pobo (FARC-EP).
Se ben no vídeo que anuncia esta decisión apenas se aprecian unhas vinte persoas, quen encabeza o movemento son dous antigos líderes do Bloque Caribe, Iván Márquez e Jesús Santrich, que negociaron na Habana os acordos de paz das FARC co Estado, e foron nomeados senador e congresista respectivamente en virtude deses acordos.
Márquez desaparecera hai un ano e Santrich abandonou os seus gardacostas o 30 de xuño. O primeiro, foi de feito o candidato máis votado a Dirección Nacional do congreso fundacional da Forza Alternativa Revolucionaria do Común, o partido político no que se reconverteron as antigas FARC-EP, e durante a negociación dos acordos estivo case tan presente como Rodrigo Londoño, derradeiro comandante en xefe das FARC-EP.
No vídeo no que proclaman a volta as armas argumentan que o estado colombiano non está a cumprir os acordos de paz, lembrando a morte de centos de líderes sociais e de máis de cen excombatentes das FARC desde que se asinaron os acordos de paz vai dous anos e medio.
A Forza Alternativa Revolucionaria do Común reaccionou con rapidez e sinalou por medio do seu voceiro, Rodrigo Londoño, que “romperon publicamente co partido, protocolarizaron a súa renuncia e asumiron as consecuencias dos seus actos; non compartimos ningún dos termos da alocución. Proclamar a loita armada na Colombia de hoxe constitúa un erro delirante”.
Tamén apuntou que “os acordos de paz encarnan a culminación da vella aspiración do pobo colombiano por poñer fin ao conflito armado e sementar a esperanza de consolidar definitivamente a paz con xustiza social no noso país”.
En 1964, cando se fundan as FARC-EP, tanto os efectos provocados pola fallida reforma agraria como a imposibilidade de actuar políticamente nunhas mínimas condicións de seguridade polo intervencionismo de Estados Unidos e a violencia exercida pola oligarquía -con especial énfase polos latifundistas- xeraban unhas condicións nas que a loita armada posuía toda a lexitimidade a nivel social.
Despois da tregua de 1984, motivada polos acordos de paz co goberno de Belisario Betancour, fúndase a Unidade Patriótica, que abranguen politicamente ás FARC-EP, o resultado: dous candidatos presidenciais, once deputados, 109 edís, oito alcaldes, oito ex alcaldes e arredor de 3 mil militantes foron asasinados. Con esas condicións a loita armada podía seguindo ser una vía coherente.
No 2006 o goberno de Álvaro Uribe asina un acordo de paz coas autodefensas, as antigas bandas pagadas polos terratenentes e narcotraficantes, nunhas condicións moi favorábeis moitivadas pola afinidade ideolóxica con Uribe, isto xerou un blanqueamento da violencia das autodefensas -que asinaros os crímenes máis brutais da historia de Colombia-.
A pesar que eses acordos remataron por ser unha “reconversión” das autodefensas en bandas criminais que continúan a servir aos mesmos amos mantivo e mantén o control do territorio produtivo en mans dos capitalistas, isto puxo o foco as FARC a hora de buscar unha saída política ao conflito.
Mais a situación actual, cos acordos da Habana xa asinados e en marcha, permite levar a ras do chan na sociedade as problemáticas e contradicións que antes só avanzaban ou se afrontaban desde o plano militar; aínda que o estado colombiano vaia avanzando na implementación dos acordos pinga a pinga, aínda que continúen a existir as bandas criminais coma un brazo armado do terratenentes e, aínda que a violencia aínda siga a ser de carácter sistémico.
Despois dunha nova serie de asasinatos de excombatentes en xullo deste ano, Rodrigo Londoño aclaraba que o fío condutor desta violencia había que buscalo nos sectores que ven no proceso unha ameaza aos seus intereses, os que lle teñen medo a verdade e a reconciliación; e é precisamente a eles a quen hai que cargar o peso da responsabilidade a hora de non ceder aos cantos de serea das armas.
Vai custar aplicar a reforma agraria ou os avances de dereitos sociais que os acordos da Habana impoñen ó estado, cando máis Iván Duque, presidente de Colombia e aliado de Uribe, adícase a cuestionar e tentar tombar uns acordos que neste momento se sosteñen pola férrea decisión do estamento xudicial. Esta situación de confusión e de continua deslexitimación da actividade políticas das FARC xera o caldo perfecto para a violencia dos que non queren ceder os seus privilexios, mais da outra banda tamén hai un pobo que non está disposto a ceder na conquista dunha vida digna e en paz por moitas dificultades que xurdan polo camiño.
O acontecido, que tamén clarifica unha situación até certo punto previda pero non definida no tocante ás excombatentes que volven as armas, ten que ser un chamado a implementar canto antes, con transparencia e respecto ao asinado, os acordos da Habana, e son unha proba das situacións que xeran os impedimentos que pon o goberno para a súa implementación.
Esta estratexia, apoiada pola inmensa maioría das FARC-EP e do partido FARC, así coma polo pobo colombiano, e tamén a vía máis rápida para crear o escenario no que a esquerda colombiana poida converterse no elemento determinante que de saída ás inquedanzas dun pobo que cada día pula por vivir nunha realidade mellor.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.