01:41 Domingo, 18 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-08-2019

O único obxecto que non nos somete e que nos fai máis libres e nos pon saídas diante para vivir realmente a nosa vida con personalidade e protagonismo é el, o libro

Historias de libros

Valorar (12)

LOIS DIÉGUEZ


O autobús aínda ía ben cargadiño. Unha morea de xente dándolle ás sufridas pantallas. Ninguén miraba pola xanela. Outros con cara de aburridos. Dúas señoras, divertidas elas, berrando sobre unha historia graciosa que lle pasara á máis vella. Emocionábase cos cartaces de propaganda ciscados polas rúas cando neles aparecía un mozo guapo e chiscáballe o ollo á compañeira, rindo más alto aínda, que?, dicíalle. Todos soubemos que aínda a animaba un bo mozo. E de súbito, sen dalo crido, vexo unha rapaza duns trinta e tantos, allea ao tumulto, cos ollos fixos nun libro e cun sorriso a piques de estoupar en riso aberto. Foi o momento en que se fixou en min e as miradas animáronme a lle dicir, encántame ver alguén lendo nun libro; eu tamén leo moito. E ela contestou aguda, bueno, iso de moito... pero leo cando podo, iso si.

Outro conto ocorreu argallando unha composición fotográfica cun libro de Novoneyra, unha poliña de castiñeiro con ourizos, unhas cantas noces e un fondo de toxo e uz floridos ao pé da Torre de Hércules. A verdade que quedou fermosísima e daba para editala no fb (acabei por facelo). Non me decataba de que mentres colocaba as cousas, un mozo da mesma idade que a do autobús, me entregaba unha das noces que caeran, ao tempo de dicir, que lindo isto, e con esta paisaxe. Podo fotografalo? Por suposto. Era de Cuenca e vivía nun lugar aberto á natureza. Que quería coñecer o poeta do libro. Non fomos tomar un vaso porque a el o agardaban uns colegas alí ao lado. Ficamos amiguísimos, intercambiándonos teléfonos e mails.

Teño varios contos máis destas historias con libro ao fondo, pero, obviamente, non volas vou contar todas; mais non me resisto á última que me ocorreu onte no Festival de Pardiñas. (Oe, que mar de xente gozando da música, dos contos e da carballeira que sempre nos acolle con sorrisos e alegría (unha aperta de montaña a Afonso Blanco e esa xente que organiza cada ano o folión e a fesa)). Pois nun momento morto, feliz eu á sombra dos carballos, saquei do bolso o libro que levo sempre precisamente para aproveitar momentos así. Tratábase, no caso, dunha antoloxía de poemas de Mario Benedetti, o poeta uruguaio que releo estes días. Engaiolado estaba nel cando sinto unha pregunta como se caera do ceo, non será vostede uruguaio? Ría con certa sorna o home que falaba polo que axiña me decatei de que se refería ao autor que andaba a ler por se ter fixado na capa do libro. E detrás del apareceu unha muller así como satisfeita de topar cun lector coincidente cos seus gustos literarios. Resultou que era uruguaia e lía a Benedetti desde os anos setenta, ou antes. A conversa foi cumprida e satisfeita e deixou tamén contactos e comunicación interesada de futuro.

Así que un protagonista mudo e locuaz a un tempo, perigoso obxecto a bater arreo por quen non quere que pensemos, imaxinemos, fantasiemos, aprendamos, dialoguemos, riamos ou choremos ou nos sintamos felices e dispostos a nos enfrontar cos espellos; ese obxecto con tanto poder e mesmo gloria, que para o seu desfrute necesita horas e días e anos entregados a el como un amor sempre cultivado; ese obxecto, talismán e perla e tesouro abourado hoxe polos que queren a persoa calada, inculta e sen criterio, pasiva, xa que logo, é dicir, sometida; ese obxecto protagonista de tantas vidas e pasados e futuros, anda arredor de min, de nós, día a día, clamando polo seu uso e caricia das nosas mans. Porque doutro xeito non sentiría arreo os contos, historias e mesmo aventuras que me ocorren arreo con el, acaso porque se fixo tan compañeiro meu pola axuda prestada que sempre o levo a man para abrir. Sempre sempre para comunicarme, falarlle, e darlle prioridade do eu, do Nós, do pensamento, fronte ao control xa enfermizo dese outro obxecto, espía camuflado que os que negan ao noso protagonista de hoxe están impoñendo pola brava e mesmo de xeito inhumano e cruel: o móbil. O único obxecto que non nos somete e que nos fai máis libres e nos pon saídas diante para vivir realmente a nosa vida con personalidade e protagonismo é el, o libro, compañeiro fiel, sabio maior da nosa experiencia, e festa grande e continuada da nosa existencia.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña