15:47 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-06-2010

Teño a convicción de que Victorino Núñez lamentou aquela entrega de armas e bagaxes a un PP necesitado imperiosamente dos votos “centristas” para se instalar no goberno da Comunidade Autónoma

A indecisión galega

Valorar (18)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Faleceu, no pasado día 19, Victorino Núñez, que foi durante dúas lexislaturas Presidente do Parlamento de Galiza, antes e despois do desempeño doutros cargos públicos. Non pertenzo ao gremio dos que se dedican a poñer a feder o adversario político, en  vida, para, unha vez finado, enchelo de louvores. O que vou evocar aquí e agora tiven ocasión de llo agradecer a el directamente e así o vou contar. Coincidimos ambos na arribada a aquela institución na súa III Lexislatura, a que derivou das eleicións celebradas en Decembro de 1989 e que, grazas á colaboración directa de "Centristas de Galicia", grupo por el liderado, permitiu a primeira investidura como Presidente de Fraga Iribarne. Daquela data, o 5 de Febreiro de 1990, gardo dous recordos contrarios: a mención da palabra "nación", aplicada a Galiza polo novo Presidente da Cámara galega, e o lacrimóxeno final que Fraga tivo a ben darlle ao seu discurso, cando declarou que toda a súa vida política fora unha preparación para aquel acto. Tal exhibición de cinismo oportunista desagradárame especialmente.

Victorino Núñez presidiu o Parlamento galego na III, como xa dixen, e mais na IV Lexislaturas. Nas miñas numerosas intervencións en Pleno, sempre gocei de benevolencia cronométrica pola súa parte. Se eu tivese  -que non é o caso-  intención de mentir, desmentiríanme axiña os Diarios de Sesións, que están cheos de recordacións do tempo concluído que eu ampliaba unha e outra vez. Esta é a verdade. Como tamén o é  que tiven nel, en moitos asuntos, un interlocutor atento, afábel e, desde logo, sensíbel á cultura galega. Porei varios exemplos. Ante a compra por parte da institución dunha colección de literatura galega dunha editora privada, para os seus volumes seren entregues aos deputados e deputadas, eu reclamei o uso dunha ecuanimidade que atendese a compra dunha outra moderna e actualizada. Así se fixo, como non houbo inconveniente en dotar aos membros da Cámara con cadanseu exemplar das Actas do magno I Simpósio Internacional de Línguas Europeas e Lexislacións, celebrado en Santiago de Compostela en Outubro de 1992, ou de acoller coa mellor das vontades e nunha sala ad hoc a biblioteca de don Ricardo Carvalho Calero, en vida da súa viúva, dona María Ignacia Ramos.

Fun vítima, baixo a súa Presidencia, dun episodio lamentábel, que el xulgou tal, actuando en consecuencia. Debeu de ser polo ano 1991, aínda que non o recordo con exactitude. Por volta das dez da noite, dispóñome a entrar co meu vehículo no aparcamento de superficie do Parlamento ao que tiñamos direito os deputados e deputadas do mesmo. Agardo a que os guardas abran a porta e estaciono. Ao saír, páranme para me pediren a identificación (que xa eu dera verbalmente ao solicitar a entrada). Antes de amosar a miña credencial, requírolles eu a súa, compróboa e anótoa. Só despois amoso a miña, que examinan atentamente. A seguir, un deles pergúntame: "deputada, de que partido?". Por suposto, non respondín e marchei. A primeira hora do día seguinte, puxen o sucedido en coñecemento de Victorino Núñez, como máxima autoridade do Parlamento. Non daba creto ao acontecido, sendo o seu maior escándalo o ser eu interrogada polo "partido" a que pertencía. Tomou as decisións correspondentes e o tal policía foi sancionado coa suspensión de emprego e soldo por tres días. El recordaba, como faría despois o gobernador civil, a obriga de estes funcionarios recoñecérennos. Mais a cousa, delirantemente, non acabou aquí. Comecei a padecer unha "campaña" de chamadas telefónicas anónimas, no meu domicilio, con todas as obscenidades típicas da cobardía machista, até que, cansa, denunciei o feito perante unha indolente xuíz que pouco caso me fixo, fóra de ordenar a intervención legal do meu teléfono durante quince días. Quince días, onde, oh milagre!, non se produciu nengún telefonema anónimo, que si volveron unha vez levantada a intervención e que cesaron cando averiguamos (nas dependencias do Grupo Parlamentar, onde tamén se recebían)  que tais chamadas proviñan dun lugar do proprio Parlamento, isto é, eran a vinganza engadida á prepotencia e inquisición primeiras. O interfecto, isto é, o policía ofendido,  como é habitual nestes casos, tivo a ben denunciarme por desacato (!!!), co cal fun amabelmente convocada ao despacho do gobernador civil da Coruña, na altura o sr. Berra Pereira, xa finado tamén, que tivo a ben comprobar de visu a miña nula fereza e impulsos violentos. Como dixen, Victorino Núñez portouse con toda a necesaria enerxía. Dirase que formaba parte do seu traballo e facultades, e é así, mais outros non o farían ou tomarían o asunto a beneficio de inventario.

Díxome a min, e díxoo en entrevista radiofónica, que Bautista Álvarez era dos mellores deputados que pasaran nunca pola Cámara galega ou outras por el coñecidas. Naquelas eleicións citadas, as de 1989, o Bloque Nacionalista Galego obtén por primeira vez Grupo Parlamentar, padece o furto ilegal do seu deputado por Ourense, e realiza un traballo, naturalmente dentro e coa propria organización, que permite case triplicar o número de representantes nos seguintes comicios autonómicos, isto é, en 1993, onde fomos trece deputados e deputadas, a piques de sermos quince por pouco, o maior aumento rexistado polo BNG.

Victorino Núñez tivo interese en presidir el proprio a Ponencia disposta, após a miña petición, para conseguir, reforma da Lei de Símbolos mediante, a recuperación textual da letra do Himno Galego, fixada e reproducida adoito con erros que alteran o seu sentido[1] ("ao raio transparente" por ó raio trasparente,"cinguido" por cinxido; "chan" por clan; "ronco" por rouco; "mais sóo os iñorantes" por mas sós os ignorantes; "féridos" por férridos), e sei que era, vistas e comprobadas as manipulacións de que tan importante texto fora obxecto, inteiramente favorábel á restauración da letra verdadeira e, por tanto, á modificación da Lei só neste aspecto, para que tal restauración ficase selada legalmente. Mais tal corrección e tal recuperación da nosa historia, nun elemento emblemático como o Himno, non foron posíbeis: por falta de vontade clara dos representantes do PP e do PSOE na Ponencia e, por suposto, por falta de apoio de institucións convocadas para emitiren o seu ditame, como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega. Esta é a razón de que continuemos, no século XXI, co Himno, na súa letra legal, confundido, malia ter sido esta debidamente fixada polo profesor e compañeiro nacionalista Manuel Ferreiro vai para quince anos...

No remate da III Lexislatura, Victorino Núñez, en obediencia a ordes do xefe supremo do PP, don Manuel Fraga, dispón a modificación do Regulamento da Cámara, que debía entorpecer, na súa nova versión, os traballos do nacionalismo galego e simplificar, en fotografía bipartidista, a Cámara galega. Ficou, penso, queimado e ben queimado de semellante encomenda anti-democrática, mais no pecado está a penitencia. Refírome a como, no ano 1990, o agasallo da Presidencia do Parlamento galego, que, desde logo, apetecían elementos significados do PP, fora a contraprestación polo apoio dos catro deputados ourensanos, os de Centristas de Galicia, á investidura de Fraga. Estes, procedentes da ruptura de Coalición Galega, proviñan dun habitat político-cultural con máis sensibilidade do que a media do PP e do PSOE á cultura galega (Daniel Barata e Pérez Varela representarían os dous extremos case antitéticos como conselleiros de Cultura), mais foron debidamente absorbidos polo peixe grande, a cambio da súa instalación-consolidación biográfica.

Eu vexo aquí, por cima da anécdota e do episodio histórico concreto, máis unha mostra do que Castelao denominou a indecisión amorosa galega. O noso inmenso compatriota utiliza a expresión para, na historia medieval, caracterizar a vacilación galega entre Castilla e Portugal, con, segundo el, nefastas consecuencias para a propria Galiza. Eu utilízoa agora para caracterizar situacións contemporáneas, que levaron unha parte da nosa burguesía empresarial autóctona a tentar unha autoorganización política que, por unhas ou outras razóns, fracasou. Por aí, unha parte pequena entra loxicamente no BNG, mentres a maioría entrega os seus intereses aos partidos estatais, a cambio, tantas veces, dun acomodo persoal.

Teño a convicción de que Victorino Núñez  -á vista de acontecementos posteriores-  lamentou aquela entrega de armas e bagaxes a un PP necesitado imperiosamente dos votos "centristas" para se instalar no goberno da Comunidade Autónoma (o goberno da Galiza ten outras batutas, lamentabelmente, onte como hoxe), instalación que se alongou durante dezaseis anos e que, após tres e medio de goberno bipartito, ensaia hoxe as súas piores artes, perpetra desmontaxes ilegais do pouco conseguido e agrede directamente as mesmas bases da fandela autonomía galega. Hoxe, no PP actual, non se ven nen se senten elementos herdeiros daquela mínima sensibilidade galega que aboiara nos tempos evocados neste artigo.

Indecisión galega: a que, nunha cidade como A Coruña, fai que vexamos xanelas coa bandeira española e mais a brasileira (inmigrantes, supomos) e algunha que exhibe timidamente as dúas, a española e a galega, en canto outras só amosan a española, á espera das grandes maravillas que para a Galiza e para tan confundidos defensores de España, esta gañe o Mundial de Futebol e, automaticamente, premie os seus propagandistas galegos con toda clase de favores. E nesas estamos... Confundir, podémonos confundir en moitas cousas, mais confundirse de patria é grave abondo. O día en que podamos ver a bandeira galega en Ribadeo para celebrar un éxito real ou desexado de Tui (e os amábeis leitores e leitoras substitúan, por favor, estas dúas localidades en diagonal do mapa galego por caisquer outras), daquela terá triunfado a verdadeira revolución que nos falta: decatármonos de que somos galegos e de que queremos exteriorizalo.


[1] As formas en negrita son as auténticas. Recórdoas aquí para ver de conseguir que deamos cantado o Himno tal cal foi escrito e pensado por Eduardo Pondal. Ánimo, todas e todos!: a pesar do difícil que é, conseguirémolo unha década destas!


[22-06-2010 10:23] Ceive comentou:

Unha preciosa homenaxe a un home xusto e cortés, á marxe do ideario que defendea. Un precioso acto de agradecemento á cortesia parlamentar. Resulta ler a un rival falar das virtudes de un opoñente político, denota a grande sensibilidade da articulista. Noraboa por un artigo de xustiza.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña