04:47 Xoves, 19 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-07-2019

As institucións que supostamente deberían velar pola promoción e normalización da nosa lingua non se preocupan de explicar a utilidade do galego

Odio el gallego

Valorar (56)

ROBERT NEAL BAXTER


Hai cousa dun mes fun facer os exames de español para estranxeir@s, obrigatorios para quen queira solicitar a nacionalidade española. Durante a pausa, aproveitei para falar un pouco con algunhas das outras persoas inscritas e fiquei francamente abraiado coa actitude dunha delas, que xa levaba varios anos asentada en Lugo.  

A conversa foi algo así:

Ela: ¿Como ves el examen oral?
Eu: Bueno, no hablo español normalmente.
Ela: ¿Qué hablas entonces?
Eu: Pues gallego.
Ela: ¡Ah! ¡Odio el gallego! ¡No quiero que entre en mi cabeza ni en la de mis hijos!  

Confeso que o primeiro que pasou pola miña cabeza foi: “Vaia exemplo de integración!”. Mais, ao reflectir un pouco sobre o desgusto inicial que me causou esta súa reacción tan visceral, comecei a cavilar sobre de quen é realmente a culpa de que chegase a pensar deste xeito.  

Obviamente, a esmagadora maioría das persoas que emigran non deciden marchar do seu país para outro porque queren, mais por necesidade, na procura dunha vida digna que lles é negada no seu país de orixe, moitas veces directa ou indirectamente debido à acción do imperialismo e do colonialismo occidentais.    

Non veñen co propósito de coñecer novos horizontes culturais: a súa primeira preocupación non é outra que sobreviver. Así, ao aterraren nun país como o noso, integrado noutro estado, o máis lóxico é supor que non saben nen sequer da nosa existencia, nen moito menos que temos unha lingua propria. A culpa non é súa: é da situación anormal en que se achan sumidos o noso país e a nosa lingua.  

Ao igual que os milleiros de compatriotas espallad@s por todo o mundo na diáspora galega, estas persoas non chegan predispostas a non aprenderen a lingua do seu novo país de acollida. Resulta difícil imaxinar estas mesmas persoas a exclamar: “Odio o francés” no momento de se instalaren na Franza, por exemplo.

Mais, à diferenza do francés, a falta absoluta de normalidade e a diglosia que seguen a pesar sobre a nosa lingua fai que perciban o galego como algo superfluo frente ao español. E se chegan a odiar o galego, considerándoo unha pexa no seu camiño, é que hai factores alleos a el@s que fan que así sexa.   O problema de fundo radica en que as institucións que supostamente deberían velar pola promoción e normalización da nosa lingua en todos os ámbitos da vida non se encarregan de lles explicar a utilidade de saberen galego, nen poñen ao seu dispor as ferramentas precisas para o aprenderen.  

Está moi ben que se organicen desde 1988 os Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia dirixidos especificamente ao alumnado e profesorado universitarios para difundir a nosa lingua máis amplamente no estranxeiro, no ámbito académico. Mais u-los cursos específicos para as persoas vindas de fóra que viven no noso país e con que interactuamos decote?  

Estáselles a negar, en definitiva, a posibilidade de se inseriren plenamente na sociedade en que viven, transformándoos involuntariamente en axentes desgaleguizadores.

Acontece algo similar a outros níveis tamén, como é, por exemplo, o caso de moit@s d@s estudantes Erasmus, ou as riadas de turistas para quen a Galiza non é máis que o curruncho verde de España; este espazo amorfo que abranxe calquer territorio que non se conforma co clixé de flamenco, paella e touradas que tantos anos se leva fomentando. Dentro desta representación deturpada da nosa realidade, a Galiza fica reducida a unha región co seu correspondente traje regional, bosques que cheiran a eucalipto (chamuscado) e marisco baratísimo.

Non seríamos máis do que o lado verde complementar da España do sun, sea and sand. Unha imaxe que desde a Xunta non se combate, mais ben todo o contrario.  

Nesta orde de cousas, o pior é, sen dubida, o caso da promoción de El Camino (dino así en inglés e francés tamén...) e os anos xacobeus que traen un inxente influxo de peregrin@s de todo tipo que a TVG non cansa de entrevistar e que perturban a vida diaria de quen vive en Compostela. Lamentabelmente, na súa meirande parte, déixannos coa mesma ignorancia con que chegaron. Teñen preocupacións máis urxentes: colgar algunha prenda suxa na entrada da cidade, dar unha volta à catedral, comprar un botafumeiro de souvenir e queimar algo de roupa –preferentemente botas con sola de borracha– en Fisterra para rematar.  

Obviamente, non tod@s son así, mais moito me temo, polo que vexo acotío, que esta é a tónica xeral. Porén, máis unha vez, o problema non radica en que cheguen ignorantes da nosa realidade, mais que se lles deixe marchar con esta ignorancia non só intacta, senón reforzada.  

E o pior é que moit@s galeg@s tamén acaban por interiorizar esta imaxe del@s proprios que ven reflectida nos ollos de quen os mira, reforzando cada vez mais o sentimento de auto-odio.   Son tantos os indicios de que vivimos nun país totalmente falto de normalidade... Un país que ficou reducido no imaxinario de moitas persoas que nos ven desde fóra à caricatura plana dunha rexión de España calquera, sen identidade propria e sen lingua de seu.  

Unha Galiza falseada, radicalmente diferente da que reivindicamos as decenas de milleiros de persoas que desfilamos polas rúas de Compostela baixo a chuva ou baixo o sol cada 25 de xullo con motivo do Día da Patria Galega.

[31-07-2019 17:22] Vicente Alonso comentou:

Lamentablemente é o habitual. Os meus veciños inmigrantes (latinos) non falan nen unha palabra de galego (e levan máis dunha década longa en Galiza) e os seus fillos tampouco. O máis triste é que os amigos dos seus fillos (galegos nativos) tampouco falan galego porque os seus pais (galegofalantes) non llo falan. Telos escolarizados en escolas "vaticanistas" tampouco axuda ó seu amor polo galego (de feito, Galiza non é digna de ser considerada nen como autonomía, para eles é unha "provincia española máis).

[31-07-2019 12:36] Joám comentou:

Parabens polo artigo. O cerne do problema é a falta de poder económico tras o projeto nacional galego. Somos parte da classe trabalhadora quem apoiamos dito projeto.

Constatar mais uma vez as nossas profundas diferenças com os povos vasco e catalá, dotados de uma classe dominante proclive à emancipação nacional. Na Galiza , acho que a infraestrutura socio-económica dominante é de natureza colonial, sendo muito difícil que as mentes se alinhem com o feble. A malta sempre quer parecer-se ao "rico".

O projeto dos partidos coloniais na Galiza sigue a ser oferecer-nos em sacrificio em prol dos interesses espanhóis. O nacionalismo de esquerda a única esperança de termos um futuro nosso.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña