19:33 Xoves, 05 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-07-2019

E como a monarquía, subsisten outras institucións forxadas na Ditadura que se manteñan incrustadas no sistema de 1978 como resultado dunha sucesión da lei franquista á constitucional

Monarquía pola graza de Franco

Valorar (12)

EDUARDO ÁLVAREZ


Existen datas que o Sistema celebra con fasto e nas que os medios de comunicación inciden na súa conmemoración. O 20 de xullo de 1969, hai cincuenta anos, os americanos puxeron os pés na superficie da lúa e, desde ese momento, hai quen afirma que a Humanidade entrou nunha nova era. Estes días, a prensa, as radios, as televisións e o cine recórdanos esa efeméride. Mais, nin a Casa Real nin o Poder executivo nin as Cortes Xerais nin os medios de comunicación do Sistema celebraron o cincuentenario doutro acto transcendente, solemne e histórico que tivo lugar nas Cortes franquistas o 22 dese mesmo mes de xullo de 1969, dous días despois de que os astronautas realizasen o paseo pola superficie luar:  o Ditador designa a Juan Carlos I sucesor na xefatura do Estado baixo o título de Rei.  

No seu discurso, o xeneral Franco afirmou con rotundidade que se trataba da instauración da monarquía e non dunha restauración. E, entre outras cousas, considerou tamén necesario naquel momento recordarlles aos españois que o seguían na televisión e aos procuradores nas súas Cortes que el Reino que nosotros, con el asentimiento de la nación, hemos establecido, nada debe al pasado; nace de aquel acto decisivo del 18 de julio, que constituye un hecho histórico trascendente que no admite pactos ni condiciones… e o propio Caudillo afirmou tamén que esta decisión contribuirá en gran manera a que todo quede atado y bien atado para el futuro. Sometida a votación esta proposta, o resultado foi o seguinte: 491 votos afirmativos, 19 negativos e 9 abstencións. E, significativamente, os 19 votos negativos, entre eles o do xornalista Torcuato Luca de Tena, procederon de procuradores monárquicos que non estaban de acordo coa instauración da monarquía dese xeito nin coa persoa escollida polo Ditador.  

Ao día seguinte, publícase no BOE a Lei 62/1969, de 22 de xullo, pola que se provee o concernente á sucesión na Xefatura do Estado, cuxo artigo primeiro indica que ao producirse a vacante na Xefatura d Estado, instaurarase a Corona na persoa do Príncipe Don Juan Carlos de Borbón y Borbón, que a transmitirá segundo a orde regular de sucesión... Lei 62/1969 que endexamais foi derrogada e que serviu de fundamento legal para o Decreto 2938/1975, de 20 de novembro, polo que se convocou a sesión conxunta do Pleno das Cortes españolas e do Consello do Reino para recibir o xuramento e proclamar Rei a Juan Carlos I. E así sucedeu. Mentres estivo enfermo o Ditador no verán de 1974, o novo Rei asumiu durante 43 días a xefatura do Estado e presidiu consellos de ministros, un deles, por certo, celebrado no Pazo de Meirás. Nada máis morrer o Xeneral, o 22 de novembro de 1975 asume de novo a xefatura do Estado, cargo no que continúa na actualidade o seu fillo por transmisión segundo a mesma orde regular de sucesión. A monarquía instaurada por Franco perdura na actualidade.  

E como a monarquía, subsisten outras institucións forxadas na Ditadura que se manteñan incrustadas no sistema de 1978 como resultado dunha sucesión da lei franquista á constitucional sen a existencia da ruptura necesaria. O reino de España, igual que sucedeu coa monarquía, asumiu o acervo xurídico do franquismo malia a existencia das reformas que permitisen a homologación do Estado aos modelos occidentais.  

O réxime franquista e as súas elites económicas conseguiron o que pretendían na década dos anos setenta cando deron todos os pasos moi premeditadamente para deseñar a transición a formas democráticas respectando sempre a legalidade anterior. As reformas necesarias para a homologación que o novo sistema necesitaba foron conducidas desde o poder por medio de transaccións coa denominada oposición democrática, que aceptou que a nova lexitimidade ficase para sempre asentada nas bases xurídicas e económicas do franquismo. Isto explica, por exemplo, que o Tribunal Constitucional siga considerando que as condenas por motivos políticos que ditaron os tribunais da Ditadura gocen hoxe de lexitimidade impedindo que poidan ser anuladas e explica tamén que acumulacións de capitais, espolios e incautacións executadas en beneficio da persoa do Ditador e doutras vinculadas a aquel réxime continúen integrando o seu patrimonio.

Todo quedou atado e ben atado. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña