14:55 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-07-2019

É necesario na nosa nación, incrementar a xestión pública dos montes

Datos e cifras do monte galego; as contas interesadas da Consellaría do medio rural.

Valorar (4)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


A Consellaría do medio rural ven de publicar o Anuario de Estatística Forestal de Galiza do ano 2018. Del pódense tirar datos interesantes e comprobar  o uso perverso que fai dos mesmos a Consellaría do medio rural  para levar adiante  a súa política de montes o servizo das industrias forestais e madeireiras .  

O monte público en Galiza, ocupa unha superficie de 55 mil hectáreas, repartidas entre montes de utilidade pública, montes patrimoniais de concellos e entidades locais menores e montes patrimoniais do estado. É certo que a superficie de monte público en Galiza e cativa .Mais isto, non é  exactamente así, a estas 55mil hectáreas de monte público, hai que engadirlle 276 mil hectáreas de monte veciñal, xestionados pola Consellaría do medio rural mediante as figuras dos consorcios e dos convenios (no  que debería engadírselle algún monte de titularidade privada).  

A xestión de estes montes de xestión pública, no que o único responsábel e a Consellaría do medio rural, é un desastre. Non só social e medioambientalmente falando, senón mesmo economicamente vistos. Boa proba delo e que todos estes montes, teñen saldo negativo. Poñamos un exemplo plástico de esta mala xestión. Se un navega pola autoestrada Puxeiros-Val Miñor (onde a ámbalas dúas beiras da autoestrada a afección dos lumes do Outono do 2017 foi tremenda), pódese comprobar cales son os montes veciñais de xestión propia e os montes veciñais de xestión pública. Nos primeiros a madeira queimada foi retirada, nos segundos aínda esta a espera de retirarse.  

Ante estes datos ,a Consellaría do medio rural en vez de entoar o mea culpa, o que fai e ditar que se as comunidades de montes antes do mes de Xuño do ano 2021, non pagan as débedas dos montes conveniados ou consorciados (da que a consellaría do medio rural e a única responsábel), a veciñanza comuneira terá que entregar a xestión das súas terras, de balde, as empresas forestais e madeireiras.  

E necesario na nosa nación, incrementar a xestión pública dos montes (sobor de todo nos seus aspectos conservacionistas). Mais dada a estrutura da propiedade de Galiza, este incremento da xestión pública dos montes terase que levar adiante mediante convenios entre comunidades de montes e Xunta de Galiza, baixo concepto da co-xestión paritaria. E isto por dúas razóns. Porque os montes veciñais son da titularidade da veciñanza comuneira e porque as diversas consellarías competentes en materia de monte de todos os gobernos do Partido Popular, teñen máis que demostrado que son uns malos xestores dos montes.  

O Anuario de Estatística Forestal de Galiza do ano 2018, tamén da outros datos. Así di que o 60% das comunidades de montes veciñais en man común, cumpren coas obrigas administrativas, repartidas do seguinte xeito En Pontevedra cumpren estas obrigas o 82%, na Coruña o 74%, en Lugo o 54% e en Ourense o 48%. Visto estes datos dende a realidade do País, poderiamos concluír que non está  mal xa que algunha de estas obrigas administrativas, non son especialmente relevantes (comunicación anual do censo da veciñanza comuneira) e outras son de doada solución (eleccións das xuntas reitoras das comunidades de montes ).  

Mais para ter unha visión completa, compre engadir outros datos. O 76% dos montes veciñais da provincia de Lugo e de Ourense, son de xestión pública. Se comparamos estes datos, cos datos anteriores, podemos comprobar que as comunidades de montes que menos cumpren as obrigas administrativas, son as das provincias on hai mais xestión publica dos seus montes veciñais. Xa que logo, no incumprimento de estas obrigas algo de culpa terá a Consellaría do medio rural. Ou é que a Consellaría do medio rural só está para fornecer de especies de crecemento rápido as industrias madeireiras e forestais e non para informar e formar as comunidades de montes?  

Ante estes datos contundentes que fai a Consellaría do medio rural?. Pois modificar a lei de montes veciñais actualmente vixente, para que os montes veciñais en man común que non cumpran coas obrigas administrativas, podan ser declarados en estado de abandono e entregarllos por un período de 50 anos as empresas forestais e madeireiras .  

A pesar de que o monte de titularidade privada e o que ocupa mais superficie no territorio galego (1`5 millóns de hectáreas), o Anuario de Estatística Forestal de Galiza do ano 2018, só dá datos das Sociedades de fomento forestal (sofor). Así di que hai  10 sofor  inscritas con unha superficie total de 1.700 hectáreas e 12 sofor en vías de inscrición con unha superficie de 3.000 hectáreas .O que fan en total unhas 4.700 hectáreas.  

Se temos en conta que as sociedades de fomento forestal (sofor), teñen 10 anos de existencia, que para potencialas o Partido Popular derrogou as unidades de xestión foresta l(uxfor), que foi o programa estrela do anterior director xeral de montes, e que solo suman preto de 5.000 hectáreas, podemos concluír que son un clamoroso fracaso .  

Para os montes de titularidade privada que opten pola produción de madeira, a alternativa pasa por unha xestión conxunta das súas terras. E isto pasa por, se se quere, manter as sociedades de fomento forestal, mais sobor de todo pasa por volver a por en vigor as unidades de xestión forestal e por apoiar calquera tipo de agrupación dos titulares de estes montes (cooperativas, asociacións , sociedades…)  

Estes son os datos do Anuario de Estatística Forestal de Galiza do ano 2018. Mesmo aínda que foran outros, daría igual, a Consellaría do Medio Rural, interpretaríos da mesma forma: os montes, sobor de todo os montes veciñais en man común, so poden funcionar se están en mans das empresas forestais e madeireiras.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña