01:18 Domingo, 18 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-07-2019

Houbo escritores e escritoras, de nación galega, e de mérito, que se situaron nas antípodas rosalianas. Optaron por representar, defender e impulsar co seu exemplo, a outra opción ou alternativa, a dominante.

A Rosalía que nos orienta

Valorar (42)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Habituados como estamos a que nos diten todo desde fóra e a velo referendado desde dentro como propio, non nos decatamos, nin valoramos como debésemos, do que nos pode orientar, nos pode facer existir con dignidade, e mesmo nos sitúa polo noso propio valor e esforzo no mundo. Poderíamos afirmar que descoñecemos, en boa maneira, o mellor que temos dado de nós mesmos como pobo, tendendo a adorar mimeticamente fetiches e mitos que serviron, con conciencia de facelo, mesmo á nosa destrución, á nosa indignidade e ao noso mimetismo suicida.

Participei, neste mes de xullo, en dúas actividades rosalianas. Tanto na visita guiada á casa de Rosalía en Padrón, como nunha palestra cunha audiencia moza, notei a sorpresa e fervor que esperta Rosalía e o interese por coñecer a súa persoa e a súa obra en públicos, a cada paso, máis amplos. É como se houber curiosidade, predisposición e algo de intriga no afán por coñecer o descoñecido, ou máis ben por acceder a un coñecemento máis acorde coa verdade da nosa poeta nacional, escritora heterodoxa e rechamante por tantos aspectos: muller fóra de norma e revelación para nós como pobo, e como parte dunha humanidade na que estamos inmersos e por iso unha mirada ao mundo desde nós. Esta expectativa prodúcese, malia todo o que ten a ver co poder estabelecido, non manifestar nunca a menor proclividade  a favorecer que descubrísemos  o que significou en verdade e o que significa, en realidade, unha personalidade e unha obra como a rosaliana. Contentáronse máis ben con mantela no maltrato e o descoñecemento, pero iso si convenientemente aproveitada de forma estereotipada, acoutada nunha mitificación cativa, acorde coa mentalidade do colonizado que ela non só non tivo, senón que combateu con enerxía.


Agora por aí anda, por aí está, recuperando o pulso do seu ánimo, da súa disposición, da súa intención e da súa humanidade plena, nun momento por tantos motivos críticos para o país. Non cabe dúbida de ela vivir en nós, quen a seguimos e coñecemos na súa preocupación esencial por Galiza existir como pobo con dignidade, e en todas as persoas que saben e experimentan o seu mundo revelado sobre os dramas da humanidade. Si, unha muller de aquí, non de Madrid nin de París nin de New York. De aquí...Claro que parece non haber forma, custa moito, pór as cousas no seu sitio. Mesmo tratándose de pólas no sitio que deben ocupar, en primeiro lugar,  por elección libérrima dos afectados, por respectarmos a súa liberdade electiva. Xa sabemos que houbo escritores e escritoras, de nación galega, e de mérito, que se situaron nas antípodas rosalianas. Optaron por representar, defender e impulsar co seu exemplo, a outra opción ou alternativa, a dominante, a do poder, a asimilación a outra lingua, a outro espazo e realidade cultural, a outra dinámica e perspectiva da realidade e do futuro. Non entendo moi ben por que hai que agochar, desfigurar, e confundir esta opción punxente, tanxíbel, definida e aclaratoria. Porén hai un intento continuo de presentar a todos e todas como se, desde unha perspectiva galega,  representasen o mesmo, significasen o mesmo e debesen andar remexidos por conveniencia.  Pois está claro que son separados e debidamente xerarquizados uns e unhas en detrimento dos outros e outras, cando se trata de valoralos e espallalos como máis universais. Queremos dicir que non pode ser que quen se identificaron con Galiza, quen a serviron e a ela dedicaron os seus esforzos, no campo concreto da literatura, se insiran  no mesmo ronsel que os que dela se afastaron e procuraron éxito ao servizo do alleo, mesmo en ocasións renegando da orixe ou animando á deserción.

Por iso non me parece moi consecuente nin coherente nin respectuoso coa verdade e coa realidade que desde a Casa de Rosalía na Matanza se incentiven as visitas á Casa de Cela, vendendo entradas comúns, coa efixie da escritora e o escritor colaborando así á confusión que non convivencia desde o respecto. E menos tratándose de Fundacións privadas que non gozaron da mesma xenerosidade oficial nin do mesmo trato. Xa causa máis que rabia ver como no Espolón padronés, ese lugar de paseo e feira, á beira do Sar, réndese homenaxe de admiración a Cela cunha estatua que duplica en volume á de Rosalía na outra punta do mesmo lugar. Alí está fondón, esvacoado, en disposición de señor importante e de moito peso, para os indíxenas admiraren e renderen obediencia  a quen os ignorou e desprezou toda a vida. Isto é, quen viviu, traballou e sufriu e se mantivo fiel á Terra e á súa causa é un valor menor fronte a quen dela fuxiu, dela non se preocupou, con ela ironizou e para nada se lembrou. Teño entendido que Cela, nas súas escasa visitas a Padrón, non visitou nunca a Casa de Rosalía.

Non fago máis que preguntarme por que logo, unha vez mortos, non é o Ministerio de Cultura de España quen os acolle con solícita magnanimidade, os promove e carga cos gastos de propagar as súas figuras e as súas obras, xa que tan solícitos foron servindo á madre patria española. Pois non, parece que é un deber dos que foron esquecidos, preteridos e as veces escarnecidos. Teñen que ser Galiza, os seus diñeiros públicos, os que se reclaman como se fose un deber derivado do accidente do nacemento. Non quedamos que un é de onde pace e non de onde nace? Realmente hai unha política cultural moi intencionada que consiste en que os galegos á española hexemonicen a imaxe do que debe ser Galiza tamén no campo cultural, unha provincia de España, anulada na súa especificidade e na identificación coa lingua galega como propia e para todos os usos. Nunha palabra, o modelo deben de ser os galegos e as galegas á española. E así se actúa desde a Xunta de Galiza con deliberada conciencia e intención.

Aclarado isto, digamos que non se trata de non recoñecer o interese ou a calidade literaria dos escritores e escritoras en español nados na Galiza. E non me refiro en concreto a Cela, que non destaca, e menos en comparación coa obra rosaliana, por moi premio Nobel que fose. Trátase de facer unha política cultural coherente, clara, sen confusións interesadas que pretendan dar carta de natureza galega, isto é, de identificación con Galiza e aposta polo seu futuro, como tal pobo diferente, a escritores e escritoras que non se insiren nesta dinámica ou que mesmo hai que inserilos na contraria. O caso de Emilia Pardo Bazán é outro caso paradigmático. Agora pretenden convertela en grande feminista, para alén de galega meritoria. Con diñeiro público galego vai reinar o seu nome sobre institucións galegas, sendo toda a súa vida indiferente ou hostil aos afáns por este país seguir sendo diferente e existente como tal. Nunha palabra, a celebración e recoñecemento de quen nos visitou nas xornadas de verán como quen vai facer un safari a África. Agora vana converter en matrona galega, protectora das mulleres. Ela que desprezou, burlou  das mulleres do noso campo, na súa obra, na visión do pobo galego como pobo que debe ser colonizado para saír da súa barbarie pois desde dentro del ningunha modernidade é esperábel.

Trátase simplemente de sermos claros e de a dialéctica real na que cada quen estivo e á que cada quen serviu non se obviar polo ben da propia valoración e mérito, da verdade, do propio país. Dentro desta claridade hai espazo para todo, mesmo para recoñecer o valor do que cada quen fixo no campo literario, por que e ao servizo de que, a súa vixencia  e interese hoxe, nos nosos días.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña