20:11 Venres, 06 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-07-2019

A subida do salario mínimo ten escasa incidencia na clase traballadora

A realidade do salario mínimo

Valorar (11)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


A miña nai ten unha dependencia recoñecida de grao 1, cun 75% de minusvalía. A través da traballadora social do concello conseguimos que lle adxudicaran un centro de día da rede da Xunta; adxudicáronllo, si, mais o problema é que está a máis de 30 quilómetros e sen transporte adaptado. Podería levala no coche se estivese na localidade onde traballo ou na que residimos, pero, non é só incompatíbel co meu horario de traballo, senón que está xusto en dirección contraria, o cal fai esta opción inviábel. Unha posíbel alternativa é a axuda no fogar, unha persoa que acode ao domicilio contratada por unha empresa para atender as necesidades da dependente, que pagaría unha parte do servizo e a outra a Xunta. Sorprendentemente co grao de dependencia que ten recoñecido a miña, tería dereito, si, mais a lista da agarda é tan ampla que tampouco sería viábel esta opción. E por outra parte o número de horas ás que tería dereito sería totalmente insuficiente.  

A solución que atopamos foi que miña nai contratase a unha persoa unhas hora ao día, tres en concreto. Atopámola, tivemos sorte, a persoa é excepcional. Obviamente fixémoslle contrato tomando como base o salario mínimo interprofesional; no momento de asinar o contrato en 2018 acordamos con esta traballadora 327,98 euros netos ao mes por tres horas de traballo diario, de luns a venres, con prorrateo das pagas extras. A parte do soldo a miña nai tamén pagaba 92,68 € da seguridade social da empregada, total 420,66 €, que saen dunha pensión de 921,39 €. En 2019, e logo da subida do salario mínimo aprobado polo goberno de Pedro Sánchez, que pasou de 735,90 euros a 900, os custes incrementáronse en 91,97 euros ao mes, mentres que a pensión subiulle a respecto do ano anterior en 15,66 euros ao mes. Botade contas!  

O caso da miña nai non é excepcional, tendo en conta a deficiente cobertura da dependencia na Galiza. Haberá miles de persoas dependentes que teñan contratadas traballadoras para atender as súas necesidades vitais, un servizo que non presta como debería a administración pública galega. Todas estas traballadoras cobrarán no mellor dos casos o salario mínimo, así como moitos outros traballadores e traballadoras por conta allea de diversos sectores. Sen embargo, teño sospeitas de que o salario mínimo aprobado non chega á maioría das persoas asalariadas que deberían percibir este salario. Unha anécdota moi sintomática: no mes de febreiro deste ano, como todos meses, a miña nai recibiu o cargo da Tesourería da Seguridade Social correspondente á seguridade social da traballadora; a sorpresa foi que o importe era inferior a pesar da subida do salario mínimo. Isto é debido a que se non se lle comunica previamente a subida, a propia administración pública considera que a traballadora cobra o mesmo facendo menos horas, o cal ten dúas consecuencias negativas: por unha banda non ve incrementado o seu salario, tal e como se anunciara, e baixa tamén as súas cotizacións á seguridade social.  

Desta situación persoal dedúcese que moi poucas persoas perciben a subida do salario mínimo aprobado por Pedro Sánchez, de aí que tanto PSOE como Podemos falen de subilo a 1.200 ou 1.300 euros. Saben que non vai ter repercusión a nivel macro-económico, xa que moitas empresas como Telepizza, non pagan o SMI estipulado, diminuíndo as horas de traballo teórico para “cumprir” a lei.  

Medidas políticas efectistas sen control nin rigor e propaganda para tapar as miserias, ese é o binomio no que se asentan os gobernos de hoxe en día, cada vez máis afastados dos problemas reais da xente, e o que é peor, empeorando a súa situación persoal.


[23-07-2019 10:44] Pedro comentou:

A suba do salário mínimo está bem. Mas se um/uma pensionista tem que pagar uma trabalhadora umas horas ao dia para o seu coidado os números não quadram. Todas sabemos como são as pensões. E um pensionista não é um empresário.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña