01:19 Domingo, 18 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-07-2019

OSMO, ASMA e VISMA son tres nomes que teñen certa semellanza e coincide que designan íngremes paisaxes, cuxa característica común é a de ser altísimos miradores.

ASMA, OSMO e S. Pedro de VISMA: marcas de íngremes paraxes na toponimia

Valorar (11)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Locen o apelido de, ASMA, una chea de parroquias, todas pertencentes ao concello de CHANTADA.

Foi o nome do río o que vertebrou e deu nome a toda a bisbarra, desde os tempos da alta idade media; así aparece notada en todos os documentos como TERRA DE ASMA.

Non hai ningún documento con nome anterior ou escrito doutro xeito  que nos poida indicar un camiño para elucidar o sentido diste nome.
Aparecen algún intentos de retrotraer o nome a unha orixe ibérica, como AIZ-MAA (chaira penedía) ou *ARSAMA co valor de “río grande”.  

Deixemos por aquí a ASMA lucense e pasemos ao ourensán lugar de OSMO. Ao falar de OSMO, non podemos deixar de reparar que é a terra do noso amigo Xosé Lois González, o criador dise  personaxe  tan popular en todo Ourense, que é, O CARRABOUXO. Aquí ten una preciosa casa herdada dos seus pais, coa súa adega, onde vendima o produto das súas viñas de BRANCELLAU e TREIXADURA.

O lugar de OSMO está nun altísimo punto sobor do Ribeiro e desde onde se gozan de magníficos solpores nun druídico  horizonte, dominado pola gran PENA CORNEIRA.

Traemos a conto este lugar porque o seu nome, OSMO, sona nos nosos ouvidos como o ASMA chantadino. Se vamos aos vellos documentos do veciño convento de S. Clodio, atopamos que alí ven nomeado como: OSAMO ou OZAMO. O Xosé Lois, tenme dito que, algún vellos, no  canto  de OSMO, chámanlle de, ORMO, nese troque que ocorre na lingua popular, de mudar -r- por -s-, e ao revés.

Como no BURGO DE OSMA castelán aparece documentada como UXAMA , deu pé a moitos toponimistas para remontar o noso OSMO a un *UPSAMO, co sentido de “moi alto”, o que lle  acaece moi ben polo lugar destacado onde se sitúa a parroquia.  

Paremos por aquí con ASMA e OSMO, e vaiamos á beiramar coruñesa, ao lugar de S. Pedro de VISMA. Nesta parroquia está o destacado mirador desde onde se albiscan os horizontes do alto do mar ártrabo até o infinito. Era un punto estratéxico onde estaban colocados os canóns para a defensa dun posíbel ataque marítimo á cidade herculina. Hoxe é un delicioso parque ao que se acceder desde o paseo marítimo, mediante un ascensor acristalado. O patrón da parroquia, San Pedro, xa nos anuncia do pedregoso daqueles lugares.

OSMO, ASMA e VISMA son tres nomes que teñen certa semellanza e coincide que designan íngremes paisaxes,cuxa característica común é a de ser altísimos miradores. OSMO é un balcón deitado sobre Leiro e o Ribeiro todo. O río ASMA cae desde Chantada sobor do río Miño preto dun lugar cuxo nome xa é delator: O CABO DO MUNDO. As alturas de VISMA non son menores que as de OSMO  e ASMA.

É a nosa opinión, que debemos procurar a orixe distes nomes no latino ABSUMO (distante, apartado, no cabo, no fin,…) ou no grego ABYSSMO, coa idea de barranqueira.  

ÁBSUMO > ÓUSMO > OSMO

ÁBYSSMA > ÁBSMA > ASMA

ABÍSSgMA >ABÍSMA > A BISMA > VISMA

Etimoloxías todas, que mallarían nesa idea que comparten as tres paraxes, de seren terras extremas e abisais.

Aínda recollemos, en Ponteceso, a praia de OSMO, que non coñezo, e gostaría saber se lle acaece ben a nosa etimoloxía de ser un extremoso lugar.  


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña