00:10 Venres, 07 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-07-2019

Que a comunidade se articule arredor dunha lingua ten, segundo el, moito de fetichismo, de superstición ou de mito romántico.

Españolismo basto e desaforado

Valorar (34)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Non sei se os adxectivos que utilizo no título son moi acertados ou son, simplesmente, pleonásticos: el haberá un españolismo “fino” e “moderado”? En fin, deixémolo estar… Vén a conto dun artigo recente, publicado en El País (6 de Xullo do presente ano), da autoría de Daniel Gascón. Tiven noticia del grazas ao envío que me fixo unha ex-alumna moi querida, Bea Mato (non a ex-conselleira, hoxe portavoz do PP no Concello da Coruña, senón, exactamente, Elvira Beatriz Mato Márquez), ex-alumna de moitos anos atrás e hoxe compañeira de tarefas comúns e amiga. O tal individuo é colaborador habitual daquel xornal español e nós, galegas-os, tamén o pagamos, pois é contertulio de Radio Nacional de España. Pouco máis sabía del. As averiguacións internáuticas correspondentes infórmanme de que naceu en Zaragoza no ano 1981, é licenciado en Filoloxía Hispánica e Inglesa e desempéñase como escritor e xornalista. Tamén é o delegado da edición española para a revista Letras Libres, de México (que ironía!, como veremos).

Pois ben, o artigo citado titúlase “Herederos del franquismo” e non merecería maior glosa se non fose porque  -malia a súa rudeza-  coido que resume o estado da cuestión verbo de Catalunya e da súa lingua por parte da nova (?) intelligentsia española  -ou de quen aspira a pertencer a ela. Como, lamentabelmente, o xornal mencionado continúa a ser referencial para unha parte, ao menos, da nosa progresía, e como, lamentabelmente tamén, a información que aos galegos chega e inflúe sobre a política catalá está submetida a todo tipo de intoxicacións e deformacións procedentes do españolismo militante, é polo que me permito escreber estas liñas.

O autor comeza, de xeito insuperábel, con esta afirmación pontifical: “La principal razón para la desaparición de las lenguas minoritarias es el progreso. La mayoría de los argumentos a favor de los esfuerzos para la preservación no resisten mucho análisis utilitario”. A seguir, defende que non se ten en pé a analoxía con especies en perigo de extinción nen a “personificación que atribuye una lengua naturalmente a un territorio, como si fuera  previa a sus hablantes”.  Que a comunidade se articule arredor dunha lingua ten, segundo el, moito de fetichismo, de superstición ou de mito romántico. Opina que, en Catalunya, a defensa de “la lengua minoritaria”  está protexida pola Constitución e fóra de perigo, mais  -velaí o mal!- usouse para impulsar o proxecto nacionalista e para “vulnerar los derechos de los  hablantes del castellano” (acabáramos!).  Grande pecado: que representantes políticos cataláns falen en catalán; grande pecado: a inmersión. Non debe sorprender  -en  conclusión-  que falen tanto do franquismo, porque son os seus herdeiros. Traca final! E ficaría tan pancho e satisfeito de si proprio.

Realmente, a España político-intelectual está nos seus mellores tempos! Patético, se non tivese consecuencias ben graves e lesivas para nós. O nível é baixo cero. Non posúen nen o mínimo pundonor compensatorio dos seus antepasados. O meu dicionario  de catalán (exactamente: “castellà-català, català-castellà”)  ten moitos anos. É o dicionario manual Vox, na súa 4ª edición (1980), sendo a 1ª de 1974. Está encabezado por dous prólogos: un, magnífico, do  acreditado lexicógrafo Antoni M. Badia i Margarit, un clásico  da lingüística catalá, e un outro de Camilo José  Cela. O primeiro, datado en xuño de 1973; os segundo, en xaneiro de 1974, un mes antes, por tanto, daquel espírito de Febreiro que nas Cortes anunciara o heraldo do ditador, Arias Navarro, coa súa lei de “asociaciones políticas”, no dispositivo de preparación da “transición” que pouco despois se iniciaría. Comentarei brevemente o prólogo de Cela. Non deixa de denunciar os “engendros” da deformación toponímica (“Arén”, por Arenys; “Caladrones”, por Calladrons; “Caserras”, por Casserres etcétera; nada que non teñamos aquí ben sabido e padecido...). Lamenta a ignorancia do “hombre castellano” medio.  Valora que “siempre fueron más nocivos y numerosos los separadores que los separatistas”. Escandalízase por a Real Academia Española, nas edicións do seu dicionario anteriores a 1970, chamar “lenguaje” ao catalán e “dialecto” ao galego (!: signo de exclamación del). En fin, avoga pola necesaria intercomunicación culta entre as linguas e literaturas catalá, basca, galega  e española, xa que “Una de las riquezas de España es su pluralidad”.

Moi lonxe de min idealizar ou , moito menos, glorificar as posicións do futuro premio Nobel á altura de 1974. Simplesmente, é o que o rexime precisaba entón, como cando Fraga Iribarne aterrou na Xunta facéndose acompañar do lema “Galego coma ti”. Era a vestimenta funcional e precisa, no caso de Cela, no derradeiro tempo formal de franquismo, para alén de lle recoñecer unha cultura xeral  que hoxe os seus descendentes non posúen, desde logo. De por parte, a Cela foille ben na súa residencia-relacións en Mallorca, e xa non digamos o ben que lle foi dando a valer (e a cobrar ) a súa orixe galega (24 millóns de pesetas por anunciar as bondades da pataca galega, por exemplo, por non falarmos da Fundación que leva(ba) o seu nome e que daría para un outro artigo, por se non foren suficientes as iniciativas parlamentares que tivemos ocasión de formular e de defender no seu día). Non; o valor que lle concedo é simplesmente contrastivo: quen tiver curiosidade, lea os dous textos mencionados: o artigo de Daniel Gascón e o prólogo ao dicionario citado: 45 anos de distancia; cantos de mínimas formas gardadas desde o mesmo leito españolista?

Conclúo. Viverá o redactor da “Nota Introductòria” do tal dicionario? Un dicionario que tiña como finalidade declarada “aprendre las llenguas y rehunir los cors”, como rezaba, afirma, o primeiro dos dicionarios trilingües publicados en Catalunya (supomos que latín-catalán-castellano). Tan benévola intención, tripada e ofendida polos vástagos españolistas de hogano. Quen fractura? Quen condena? Quen é sedicente racista? Quen, supremacista inmisericorde? E os nosos gobernantes xuntísticos, a ollaren decote a esta España e a reduplicaren reverencias a eito.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña