20:13 Venres, 06 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-07-2019

os medios que antes difundiron a mentira aos catro ventos, calan agora a verdade dun xeito rastreiro e covarde

Publicar a mentira e logo censurar a verdade

Valorar (11)

RAÚL RÍO DÍAZ


Xa era hora de que o Estado recoñecera que a nena Begoña Urroz ,de 22 meses, morreu o 27 de xuño de 1960 na estación donostiarra de Amara pola explosión dunha bomba colocada polo DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) e non por un atentado de ETA.

Primeiro foi o vicario de San Sebastián, José Antonio Pagola, sen mais base que a confesión que lle fixo unha catequista, quen culpou a ETA no ano 2000 (40 anos despois do atentado), e logo o ex ministro Ernest Lluch no artigo publicado en El País, El problema de mi querida tierra vasca, afirmaba que esa fora a primeira vítima de ETA, oito anos antes de que esta organización matara a José Pardines, que  ata entón era considerado a primeira vítima da organización armada vasca. A partir de aí o Ministerio do Interior e o CNI, axudados por El País e El Diario Vasco, encetaron unha campaña de intoxicación, pois sacábaselle mais rendibilidade política e estaba mais de moda encirrar aos intoxicados contra ETA por esa acción que contra Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, que xa non estaba operativo e de quen moitos nin se lembraban ou nin sequera oíran falar del. Era tal o empeño que puxeron en botarlle a culpa, que o esperpento chegou incluso ao Congreso dos Deputados, onde elixiron en marzo de 2010, o 27 de xuño como Día de las Víctimas del Terrorismo, porque, sen ningún rubor afirmaban: ...el día elegido es la fecha, en 1960, en la que tuvo lugar el primer atentado con vítima mortal de la banda terrorista ETA.

Incluso se chegou a apuntar a posibilidade de que o hoxe catedrático xubilado da Universidade de País Vasco (UPV-EHU) e militante da Esquerda Abertzale, Baleren Bakaikoa, ferido no atentado, estivera implicado no ataque, cando tiña daquela quince anos.

A autoría do DRIL foi reivindicada e lamentada por Xosé Vázquez Fernández (Comandante Soutomaior), recoñecendo nos libros Eu roubei o Santa María e 24 homes e mais nada, que fora un grave error, e a de ETA foi negada, primeiro por Xurxo Martíz Crespo, estudoso da emigración e do exilio galego, e tamén polo periodista catalán, Xavier Montanya, quen despois de consultar os arquivos policiais de 1961, asegurou que a versión da autoría de ETA non era sostible. Despois foron os historiadores, Francisco Letamendia e Iñaki Egaña, quen negaron esa autoría en artigos publicados no diario GARA, medio que foi tachado de diario pro-etarra, falto de rigor histórico e nula credibilidade. Nese mesmo diario tamén publicou este que escribe o artigo Con la mentira por bandera, o 25 de febreiro de 2010, denunciando esa mentira.

O caso é que agora o Centro Memorial de Vítimas do Terrorismo con sede en Gasteiz, e adscrito ao Ministerio do Interior, elaborou o informe Muerte en Amara. La violencia del DRIL a la luz de Begoña Urroz, no que por fin se recoñece a autoría do DRIL e non a de ETA, quedando  El País, e El Diario Vasco como faltos de rigor histórico e nula credibilidade.

Non sei como lle quedará o corpo nin como se xustificará agora para seguir no seu cargo Florencio Domínguez, hoxe Director do Centro do Memorial das Vítimas do Terrorismo, que foi un dos mais firmes defensores da mentira e coautor do traballo Vidas Rotas, un libro que os seus representantes entregaron a Kofi Annan na Conferencia de Aiete de 2011. Sentir vergoña non debe ser o forte deste reino borbónico, pero si a mentira, xa que non era a primeira vez que o Estado Español intentaba enganar, e enganou á mesma ONU, pois xa no 11M fixéronlle crer a autoría de ETA nos atentados de Madrid ao seu Consello de Seguridade, que redactou aquela noxenta Resolución 1530 de 2004.

Aínda que este informe chega vinte anos mais tarde, o maior problema é que non vai reparar o dano causado, xa que os medios que antes difundiron a mentira aos catro ventos, calan agora a verdade dun xeito rastreiro e covarde, e para mais escarnio e confusión, o día do aniversario da morte da nena, o pasado 27 de xuño, apareceu en El Correo Español un artigo de Gaizka Fernández Soldevilla, historiador do Centro para la Memoria de las Víctimas del Terrorismo e un dos redactores do informe, onde relata unha serie de feitos verídicos como a campaña de bombas en estacións, reivindicadas polo DRIL e a incapacidade de ETA de levala a cabo, pero intenta dar pábulo a que era verosímil atribuírlle a súa autoría, con argumentos tan peregrinos como que acontecera en Donostia e que la banda había asesinado a 21 menores de edad y herido a otros 172..., como intentando xustificar a mentira inventada no seu día e deixando entrever que calquera das dúas versións podían ser posibles naqueles momentos nos que se inventou, sen ter en conta que daquela ETA so se dedicaba a facer pintadas e aínda non matara nin ferira a ningún menor de idade, xa que a súa primeira acción violenta foi un ano despois, o 18 de xullo de 1961, nun intento falido do descarrilamento dun tren ocupado por voluntarios franquistas que se dirixían a San Sebastián para celebrar o Alzamento, pero con todos eses datos que dá -e que confirmarían a autoría do DRIL- non explica como a organización de vítimas da que el é membro chegou á conclusión contraria.

Tampouco din que nese atentado que matou a Begoña participaron policías españoles que estaban infiltrados no DRIL. Os medios adictos ao réxime sabían que mentían con cinismo, pois algúns deles, como El correo Español, xa publicara o 10 de febreiro de 1961 que Galvao se declara responsable de las bombas de San Sebastián, Barcelona y Madrid e o seu irmán, o amanuense donostiarra, El diario Vasco, dicía ese mesmo día en portada: Galvao reconoce haber tenido una participación directa en los actos terroristas de 1960, en Madrid, Barcelona y San Sebastián, pero, así e todo, aínda agora son incapaces de asumir o seu erro e recoñecer o dano causado: Prefiren mirar para outro lado, censurando a verdade e deixando que siga prevalecendo a mentira, sabedores de que aínda hai moita xente que sigue pensando que os atentados do 11M foron obra de ETA.

[01-08-2019 14:15] Juan comentou:

Un lapsus: la breve y especulativa nota a pie de página del despistadísismo José Antonio Pagola se publicó en un libro de 1992, no en 2000. Los primeros en inventarse que la niña había sido víctima de ETA fueron en realidad 2 periodistas del "ABC" (Zuluaga y otro Pagola sin relación con el anterior) en 1995. El "ABC" tiene el frenopático honor de haber sido el primer periódico español (aparte de los del exilio) en informar claramente que las bombas de junio de 1960 habían sido del DRIL (el 28-1-1961)...y el primer periódico español en inventarse que las bombas de junio de 1960 habían sido de ETA (en 1995). En 2000 se publicó el fantasioso y fraudulento artículo de Lluch, poco antes de que ETA le asesinara.

Lo que siempre me ha repateado del "Begoña Urroz, víctima de ETA": era un montaje mal hecho de narices. Con arrollador soporte mediático e institucional, sí, pero un insulto a la inteligencia de cualquier persona con un mínimo de lógica. Hay que ser muy tonto, pero que muy tonto, para mentir sobre la primera víctima de la lista de asesinatos de ETA. Nadie se va a fijar en que Diego Alfaro Orihuela a finales de los 70 en realidad fue tiroteado por la policía durante una falsa alarma -para mantener la versión oficial de que Alfaro es víctima de ETA...hay que inventarse un atentado etarra que nunca existió-, pero mentir sobre la primera víctima es de idiotas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña