20:31 Mércores, 21 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-07-2019

ENCE debe abandonar canto antes a ría de Pontevedra, o povo galego merece desfacerse xa dese enxendro de épocas pasadas.

ENCE, pseudo obreirismo e oportunismo político

Valorar (23)

MARTÍN COEGO PÉREZ


O pasado domingo 16 de xuño fumos partícipes da gran manifestación que supuxo a marcha contra Celulosas deste ano, impulsada pola APDR e outros coletivos na loita polo feche da pasteira e a recuperación da ría de Pontevedra. Este ano a marcha tivo dous elementos novos que sen dúbida contribuíron a que fose unha mobilización masiva: por un lado, o feito de ser a do 2019 a primeiramarcha contra ENCE na que xa é unha realidade a fin das actividades de Elnosa; por outro lado,está o noso convencemento ben fundamentado de que a saída de ENCE da ría está máis próxima que nunca, grazas sen dúbida á loita e mobilización do povo e tamén, por que non dicilo, grazas á firmeza do concello de Pontevedra nesta cuestión.  

Sabemos que hai motivos de sobra para defender o feche de ENCE. Coñecemos as razóns de tipo ecolóxico, polo incuestionábel impacto que ten a fábrica na ría e no aire, por moito que argumenten que tal impacto se reducira cos anos. Coñecemos as razóns de tipo económico xa que, ademais da nosa saúde, a fábrica tamén afecta aos sectores produtivos da nosa comarca (tales como o sector marisqueiro ou o turismo) e impide a limpeza e recuperación da ría para poñela a producir de forma estruturada e sostíbel; ademais de ser conscientes do carácter colonial desta empresa, que é a causante da eucaliptización do país mais nin sequera remata na Galiza o seu ciclo produtivo. E ademais disto, tamén somos conscientes da traxectoria histórica da fábrica, instalada pola forza durante o franquismo, privatizada no 2001 e coa obriga de deixar a ría como a atoparan no ano 2018, que era o ano no que remataba o límite da concesión.  

Todo isto está amplamente debatido e socializado, grazas ao intenso traballo da APDR durante todos estes anos. Mais a min hoxe gustaríame comentar un novo fenómeno que, aínda aparecendo como un novo discurso, na realidade leva anos a existir dunha forma ou outra. Refírome aos argumentos “obreiristas” na defensa da permanencia de ENCE de xeito indefinido. Segundo este relato, a fábrica non pode fecharse de ningunha maneira porque iso implicaría rematar con postos de traballo, e por tanto sería unha actuación antiobreira. Este discurso, que entra tan ben polos oídos mais ten unha base argumental moi pobre (despois veremos por que), foi defendido nos últimos anos polo Partido Popular na súa cruzada particular por preservar á empresa (xa que, non o esquezamos, os tentáculos desta invaden o poder político dun xeito tan obsceno, que a día de hoxe resulta difícil distinguir o goberno da Xunta do consello de administración de ENCE como dúas entidades diferenciadas). Mais os eternos defensores deste mantra foron historicamente os sindicatos amarelos españois, nomeadamente CCOO e UGT, sempre dispostos a vender aos obreiros nunha folga ou a pactar unha contrarreforma laboral, mais tamén os primeiros en poñerse á cabeza cando deben defender os intereses da patronal con retórica “progre”.  

Interésame comentar e analizar este discurso xa que é o que a propia ENCE está impulsando, de forma desesperada e con grandes investimentos  económicos, para tratar de manipular a opinión pública, como pode ver calquera que se mova polas rúas de Pontevedra. Co apoio inestimábel de certos segmentos da esquerda española, como non podía ser de outro xeito. Mais vaiamos por partes.  

Os principais alicerces nos que se fundamenta este discurso son tres, o primeiro: que as fábricas nunca, baixo ningún concepto, deben fecharse, xa que a prioridade sempre son os postos de traballo inmediatos. O segundo: que os culpábeis desa perda de postos de traballo son principalmente os nacionalistas e os ecoloxistas, habitualmente situados como “inimigos da clase obreira” na súa retórica. E o terceiro: que o sindicalismo que sitúa aos traballadores de ENCE na mesma trincheira que a empresa é a verdadeira liña con perspectiva de clase. Unha vez tumbados estes tres puntos, todo o discurso perde o seu sentido, xa que todos os argumentos xiran en torno a isto.  

O primeiro punto é tal vez o máis frouxo e fácil de desmontar. Aínda sendo certo que sempre é preferíbel evitar enviar aos traballadores ao paro (motivo polo que, ademais de sacar á fabrica da ría, é pertinente esixirlle á Xunta unha solución que permita reubicar á súa plantilla), non se poden instrumentalizar dese xeito para garantir de forma dogmática a persistencia dunha fábrica que é claramente prexudicial tanto a nivel ecolóxico como económico. Centrarse só nos postos que supostamente xera a fábrica (que foron minguando co paso do tempo, xa que a empresa non ten reparo en desfacerse deles cando optimiza os seus procesos de produción) e obviar o carácter de expolio colonial da fábrica de celulosas, que está situada nuns terreos que deberían ser de uso público, que consume auga da ría de balde, que destrúe o monte galego impulsando a eucaliptización a través do seu brazo político na Xunta (o Partido Popular)... non é unha postura revolucionaria, non é sequera unha postura progresista. É un delirio economicista que ignora á mantenta os intereses da clase obreira galega no seu conxunto para beneficio duns poucos, e non dos traballadores da fábrica precisamente. Debemos defender os proxectos de megaminaría que se queren impoñer no noso país en nome dos postos de traballo? E se isto non fose suficiente, hai outro factor que sempre parecen esquecer: que pasa cos postos de traballo que destruíu a fábrica? Sen entrar xa no turismo, que pasa coas mariscadoras que perderon o seu posto de traballo polo impacto da fábrica na ría? Que pasa cos potenciais postos de traballo que poderíamos xerar cunha ría saneada e produtiva? Postos a ignorar o resto de factores, por que uns postos de traballo valen máis que outros?  

O segundo argumento trata unha cuestión que non se discute habitualmente, mais que comeza a pórse en cuestión nos últimos anos. Quen é realmente o culpábel desa perda de postos de traballo? Nas últimas campañas electorais puidemos ver como o dedo acusador apuntou a dous partidos, o BNG e o PSOE, o primeiro por ser o que goberna o concello de Pontevedra, o segundo por ser o que goberna en España. Neste senso, o intenso despregue de medios que realizou ENCE durante a campaña foi sintomático do acurralados que se atopan a día de hoxe. Se tiramos un pouco do argumento, case parecería que dan a entender que os que realmente defenden á clase obreira son o Partido Popular e os seus sucedáneos, que sempre estiveron a prol de manter a fábrica alí a calquera custo (coa excepción de algúns candidatos ao concello de Pontevedra, que deberon suavizar o discurso para evitar o consecuente desgaste político). Tal delirante análise comeza a facer augas cando temos en conta dous factores. O primeiro: a fin da concesión da fábrica estaba datada no 2018, ano no que deberían ter abandonado a ría (se non fose pola inesperada prórroga do presidente en funcións Raxoi, que lles pretendeu dar osíxeno varias décadas máis). E o segundo: ENCE obtén enormes beneficios pola súa produción, levando 132 millóns de euros en beneficio neto só o ano pasado. Unha correcta planificación para esta data permitiríalles ter un plan de reubicación se realmente tiñan intención de preservar estes postos de traballo; e terreos industriais para instalarse non lles ían faltar no noso país. Mais, como eles mesmos expresan fóra das cámaras, saíalles máis á conta manipular a opinión pública mercando vontades que buscar un traslado. Non resulta difícil de crer, vindo dos mesmos que ameazaron con non investir nin un euro máis no país se finalmente tiñan que fechar a fábrica. Xa que logo, os verdadeiros culpábeis de que eses traballadores acaben no paro son o consello de administración de ENCE por un lado, e a Xunta polo outro, que priorizaron os beneficios económicos da empresa diante dos postos de traballo dos seus obreiros, na máis crúa lóxica capitalista. Pretender culpar disto aos activistas que só queren recuperar a ría de Pontevedra de para o pobo, que é o seu lexítimo dono, é inmundo dende un punto de vista tanto político como ético.  

E por último, a cuestión de clase. Non faltaron estes meses “iluminados” da esquerda española, algúns incluso autodenominados “comunistas”, que se manifestaban abertamentemente contra o feche da pasteira por “solidariedade obreira”, e dirixían todo tipo de apelativos á APDR, o BNG ou en xeral a calquera que formara parte da loita pola ría. Dos que se podían ver por redes, algúns claramente estaban a soldo da empresa, outros crían realmente o que dicían. Tal e como estas persoas entenden o conflito, a postura “de clase” é defender a fábrica, mentres que opoñerse a ela dende a esquerda é propio de “desclasados”, “posmodernos”, “aburguesados”, “hippies”, etcétera. Ben sabemos que é máis fácil defender unha postura transformando ao rival político nun boneco de palla. Mais o certo é que unha análise máis polo miúdo lévanos a ver que é unha postura contraditoria, xa que o que están defendendo non son os intereses dos obreiros da fábrica, senón os intereses da empresa, da patronal. A súa acción sindical non ten un compoñente de clase, non segue unha liña política correctamente dirixida cara a independencia ideolóxica da clase traballadora; pola contra, subordinan esta aos intereses dos donos da fábrica, verdadeiros promotores e axitadores de toda esta reacción. Non fai falla ser un xenio para ver a man de ENCE detrás de todos estes actos, manifestacións, pintadas e ameazas, a propia fábrica ten un lazo verde (o símbolo que usan os manifestantes pro-ENCE) de tamaño xigante na súa fachada. Que non nos vendan películas, ningún sindicalista con dous dedos de frente se situaría na mesma trincheira co patrón pensando que os seus intereses van ser tidos en conta en algún momento.  

A conclusión final é clara. ENCE debe abandonar canto antes a ría de Pontevedra, o pobo galego merece desfacerse xa dese enxendro de épocas pasadas. Non debemos deixar que nos enganen, o noso inimigo é moito máis poderoso ca nós, ten moitos máis altofalantes mediáticos e recursos sen fin para intoxicarnos e confundirnos. Non debemos perder a vista ampla, nin escoitar os cantos de serea dos estómagos agradecidos. Manteñamos unha liña con perspectiva clara de nación e clase, e situémonos onde debemos estar: co pobo galego, coas clases populares galegas.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña