13:22 Luns, 18 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-06-2019

Pondal foi un adaíl do que neste sentido cumpriría lembrar e continuar a aprender, dada por outra parte a súa proximidade ideolóxica e vital con persoeiros como Murguía e Rosalía.

No ronsel do primeiro centenario do pasamento de Pondal

Valorar (14)

MANUEL CABADA CASTRO


Hai un par de meses, e neste mesmo medio dixital, denunciaba Francisco Rodríguez no seu escrito “Escoitade Pondal” e referíndose ó centenario de Pondal o seguinte: “Pasou sen pena nin gloria no conxunto do país”.

En realidade, resulta ser isto sobre todo un síntoma de que un bo número de xentes galegas non teñen aínda suficiente consciencia, nidia e madura, da súa pertenza a un país dotado dunha cultura e carácter específicos e diferenciados. De aquí a febleza en lles prestaren a suficiente atención a institucións e persoas que xustamente traballaron e loitaron, coa súa obra e a súa entrega, por exercer e suscitar tal consciencia.

Pondal foi un adaíl do que neste sentido cumpriría lembrar e continuar a aprender, dada por outra parte a súa proximidade ideolóxica e vital con persoeiros como Murguía e Rosalía, cos que forma en realidade un sonoro e ben compasado trío. Non podemos esquecernos dos nosos clásicos.

Pondal é el mesmo, no seu talante persoal e na textura dos seus poemas, todo un símbolo dunha Galicia consciente de si mesma, da súa historia, da súa liberdade e das súas agrelantes potencialidades. Exerce, épico e senlleiro, de bardo e profeta. Relembra mitos e antigüidades desde a actualidade do ser e acontecer dos tempos presentes. Soña e abre, porén, tamén porvires descoñecidos e insospeitados para o país, tentando erguelo cara a eles dende a presente prostración. Pondal dignificará así os mitos pasados converténdoos en espello e tarefa de reconstrución dun futuro que está nas nosas mans, é dicir, na propia liberdade como individuos e como o pobo que entre todos conformamos.

Por iso, soletrear en certo modo, aquí e agora, os sonoros dicires de Pondal podería ser un xeito de nos achegarmos a el para podermos así participar do seu espírito e mais da súa conciencia comunal. É un xeito de bautismo de inmersión nas augas revitalizantes da conciencia colectiva do país ó que pertencemos. Mergullémonos, pois, un breve intre nesas augas purificadoras e sandábeis que son os poemas pondalianos. Non se pretende máis con esta sinxela achega.

Pondal enxalzará en primeiro lugar –algo que resulta ser moi rechamante na súa obra- a liberdade, tanto individual coma social ou política. Así o expresa no poema que leva como título “A Curros Enríquez”:  


Coma os corvos de Xallas vagorosos, / Así son os poetas vagabundos, / Eles son deste mundo receosos, / E buscan outras praias, outros mundos.

Ese é un poeta: e escravo das ideas / Esquiva todo honor, todo homenaxe; / E luita por romper súas cadeas, / Coma un falcón intrépido e salvaxe.

Non toqués as súas alas ben cumpridas, / Cal de baxel gallardo e soberano, / As lonas potentísimas e ardidas / Con que intenta cruzar o Oceano.  


Formulárao, ben mozo aínda, no seu brinde no banquete democrático de Conxo, cando ceibaba ó ar estrofas ceibes e rebeldes coma estas:  


[...] Y brindo por el pueblo soberano, / Y a quien acate, libre como el viento, / El vuelo del humano pensamiento [...] / Todos sois en la tierra soberanos. / [...] / ¡Pueblo libre!: levántate, y, valiente, / El Sol contempla con osada frente. / No hay vallas para ti: sobre ti brilla / Grande la libertad; libre es tu ciencia: / Tu corazón sagrado y sin mancilla; /  Libre tu pensamiento y tu creencia; / Un baldón de tu raza la cuchilla / Que viola la voz de tu conciencia. / ¿Quién es tu juez, oh pueblo? No tu hermano: / Tú eres de ti mismo soberano. [...] / Caiga, pues, esa turba de reptiles / Que ostenta con orgullo sus blasones: / Písalos todos cual gusanos viles: / Queme el fuego sus necias distinciones, / Y habiten los cernícalos sutiles / La oscura soledad de sus mansiones, / Y arrebaten los roncos torbellinos / El montón de sus viejos pergaminos.  


Os pinos ou piñeiros pondalianos converteranse así en rumoroso símbolo dunha liberdade ben afincada, asumida e firme contra os embates dos temporais, ou tamén de “prácidas” lembranzas e esperanzas de liberación da indigna servidume.  


Rumores vagos e íntimos dos pinos, –diranos en “Rumores dos pinos”- / Que arrolastes un tempo a miña infancia, / E fungades na incógnita pendente / Ou ó pe da espaciosa e esquiva gandra, / E insinastes ó bardo adolescente / Mil cousas sobre a serva e escura patria / [...] Da presente e escura servidume / Nas tristes horas de penosa marcha, / Aínda nos quedan vosos cantos nobres / Para cantar nosas punxentes vágoas. / Vosoutros sodes, orgullosos pinos, / Da patria aínda serva as doces arpas.  


Deste modo é comprensíbel e lóxico que esta potente simboloxía de Pondal, tal como el a formula concretamente no poema “Os pinos”, fose de feito a proposta e escollida como letra para o himno galego. Nel hai, en efecto, a chamada a non esquecermos “da inxuria o rudo encono” e a espertarmos así dun sono secular, apelando unha vez máis á radical liberdade cantada por Pondal desde os seus inicios literarios:  


Sé, por ti mesma, libre / D’ indigna servidume / E d’ oprobioso alcume, / Rexión de Breogán. [...] Estima non s’ alcanza / C’ un vil xemido brando; / Calquer requer rogando, / Con voz que esquecerán; / Mais c’ un rumor xigante, /  Subrime e parecido / Ao intrépido sonido / Das armas de Breogán.  


A vivencia e estima da liberdade foi en Pondal –tal como indiquei- tanto persoal ou íntima como social ou comunitaria. Ámbolos dous aspectos están nel porén perfectamente entretecidos. Como símbolo de tal liberdade actúa nel tamén, unha vez máis, a natureza na súa presente, agreste e núa realidade. Velaquí algúns seus poemas como boa mostra do dito:  


Muitas veces nos matos nativos, / No crepúsculo fusco e calado, / se escuita das aves, / O rápido paso; / Das aves aquelas, / Do pico tamaño,/ Que soen retirarse / Dos rudos traballos, / D’escollos e praias / Do fero Oceano; / E van en ringleira, / Gritando e voando; / En demanda das illas Sisargas, / Seu noto reparo.

¡Ah! ¡quén fora como elas tan libre! / Cautivo do barro, / Con fonda tristura, / Dixérase o bardo, / Que soña antre as uces, / Co tempo pasado; / ¡Quén fora tan libre, / Fuxindo do trato, / ¡Falaz, inseguro, / Dos necios humanos! / ¡Quén poidera vivir coma elas, / Nas praias e bancos, / Nos baixos e furnas, / Nas sirtes e fachos /, Nos seos esquivos / Dos feros peñascos!  


Ou tamén estoutro poema, no que o poeta bergantiñán loa o vivir dos “corvos vagamundos” ou dos “libres corzos”:  


Feros corvos de Xallas / Que vagantes andás, / En salvaxe compaña, / Sin hoxe nin mañán; / ¡Quén poidera ser voso compañeiro / Pola gandra longal!

Algo de vago e fero, / Do meu ser no profundo / Eu levo, como as brétomas / Dos curutos  escuros, / E unha ruda e salvaxe / Incrinación dos seres vagamundos.

Algo de duro vento / Que azouta o cabo Ougal; / Do salvaxe miñato / Que leva o vento soán, / ¡E con nobre ufanía / O esquivo mato rexistrando vai!

Algo das vagas brétomas / Algo das uces altas, / Algo dos libres corzos, / E das feras bandadas / Dos corvos vagamundos, / Que se espallan de Xallas polas gandras.  


Esta liberdade resulta ser así para Pondal algo emparentado coa excelsitude e a profecía. A liberdade é en certo modo un don sublime ó que cómpre aspirar sen o poder apresar ou deter, porque é sempre ela mesma audaz marcha activa para ben de moitos. Nunha tan atrevida como exacta imaxe comparará Pondal neste sentido os anunciadores da mesma coas que el chama “aves de paso” deste xeito:  


Podés deter un pouco, / O valente soldado, / Que torna presuroso, / Por ver os eidos patrios, / En demanda do ledo, / Rústico albergue caro; / E preguntarlle os trances / Do combate pasado:

Mais os maravillosos, / E vagabundos bardos, / Coma todo que trague, / O seu tempo contado, / Non intentés detelos ós sonorosos, / Que son aves de paso [...]

Todo deter podedes, / Un pouco a voso lado; / Todo suspender pode, / O seu camiño vago; / Todo, o máis fuxitivo, / Pode ter seu retardo; / As follas do outono, / As areas do Océano:

Mais aos que atormenta, / Un estro soberano, / Coma todo que trague, / O seu tempo contado, / Non intentés, non intentés detelos, / Que son aves de paso.
 

Pondal non deixa de se laiar, porén, dos tráxicos desleixos e repulsas coas que os bardos anunciadores e propulsores da liberdade –esas lixeiras e resplandecentes “aves de paso”- se poden atopar. Tales rexeitamentos fan xurdir a lexítima e dorida condena do poeta bergantiñán. Pois tamén os bardos laicos, igual cós profetas bíblicos, fustrigan as ruindades do seu pobo amado:  


Así tratan os povos, / En baixeza sumidos, / Cando rudos ignoran, / Os seus grandes destinos, / A aqueles que lle ensinan esforzados, / Os groriosos camiños. [...]

Raza escura galaica, / De rústicos instintos, / Que inxusta sacrificas, / Os teus millores fillos, / Madrasta desleigada, / De designios cativos, / Proxenie ignara e inculta, / Que aborreces teus ínclitos, / da polvorosa gleba, / Povo tan só engreído, / E ás cousas incrinado, / Dos escuros sentidos, / ¡Ai de ti, dura raza, / De proceder esquivo! / ¡Ai de ti, que así tratas, / Teus profetas divinos...! / A quén ti, necia, debes, / Saír de escuro olvido, / Dura raza, senón a estes videntes, / Nobres e peregrinos?  


Diferenciándose, tantas veces, do pobo, os “videntes” pondalianos (sabedores de feitos e de tempos consciente ou inconscientemente ignorados ou agachados polo sufrinte pobo) manteñen, si, en troques, a lumarada da patria acesa. Á aínda case latexante traxedia de Carral referirase, por exemplo, expresamente o propio Pondal no poema intitulado “Mártires de Carral” deste xeito:  


Cando m’o referino, / Sendo cándido neno, / A execución odiosa / Do bárbaro decreto; / Non chorei, non; quedei como estantío / Diante do oprobio duro e ferroento.

Durmide, héroes, durmide; / Que vos conceda o ceo / Un doce e brando sono, / De tanta infamia exento; / Durmide o eterno sono; non sabades / Da patria o oprobio duro e ferroento.

Que s’ a vida volverades / Certo, eu teño por certo / volverades da cova / Ao doce sono eterno; / Por non ver abafados de vergonza / da patria o oprobio duro e ferroente.  


Por iso mesmo, a denuncia poética do sometemento cultural e político do país acada nel momentos rexos e barís, en consonancia con consciencia adquirida da dignidade patria fronte ás seculares, inxustas e interesadas, intromisións foráneas. Velaquí tres poemas pondalianos nos que o símil da “sega” se converte en fío condutor da esforzada liberación. O primeiro é o seguinte:  


Xa chegaran os días / Que os bardos anunciaran; / Das gandras largacías / As brétemas escuras o alongaran.

Ven a maturidade. / Vosa mies verdecente; / Galegos, espertade, / Baruda e forte xente; / Vosa fouce afiade / Como agudo crecente, / Vosa fouce famosa; / Vosa fouce robusta e fulxente.

Diante de vós ondea / A barda d’ouro ardente... / Segade a vosa herdade, / ¡Ai d’aquel que non sea valente! / Segade, galegos, con forza, segade.  


Os outros dous poemas manteñen o mesmo símil da sega, a “fouce”, sendo o título do primeiro o ¡Bon cop de fals! catalán, mentres que o segundo se titula Afiade esas fouces.

Velaquí o primeiro deles:  


S’ é q’ a Castela dades / Baixo os fogos do vran / Voso suor, voso sangue / Fillos de Bregán; / Se vos magoa e fere / Con insulto procaz, / Despertade galegos: / ¡Firmes!: ¡Bon cop de fals!

S’ así vos abandonan / Vosos duros hirmáns, / E vos dicen: ¡Gallegos! / Por insultar voso afán; / Coma os nosos amigos / Os fortes cataláns, / Despertade bos galegos: / ¡Firmes!: ¡Bon cop de fals!

S’ é que vos non escutan, / Se caso non vos fan; / S’ insultan vosos males / Con sorrisa procaz: / Despertade, galegos, / Do voso largo afán, / Despertade Galegos: / ¡Firmes!: ¡Bon cop de fals!  


E tralo ¡Bon cop de fals! velaquí seguidamente os versos de Afiade esas fouces:  


Honrados e duros / E fortes galegos; / Afiade esas fouces / De fúlxido aceiro; / Da máis nobre sega / Chegaron os tempos: / Afiade esas fouces, / Afiade, galegos.

A gran Babilonia / D’ España no centro, / Cand’ é que pasades / Vos dice: ¡Gallegos!; / Da última sega / Chegaron os tempos: / Afiade esas fouces, / Afiade, galegos.

De cardos i espiñas / Os surcos están cheos; / De risas e insultos, / E viles desprecios; / Prepará prá brega / Os brazos de ferro: / Afiade esas fouces, / Afiade, galegos.  


Pondal, así e todo, contrapoñerá no seu poema “Os acentos” ós que el cualifica como “fillos escuros do chan polvorento”, é dicir, ós habitantes das terras alén de Galicia -coas súas “vanas palabras” e os seus “duros acentos”-, o “nobre” e “astuto” “silencio” dos “fillos egrexios dos celtas”.

Aínda que isto non pode obviamente significar que tal “nobre” silencio se identifique coa renuncia ós nosos modos de ser e de nos comportar ou ó uso dignificado da nosa lingua secular fronte ós intereses colonizadores dos habitantes do “chan polvorento”. No seu poema “Da raza” formula Pondal neste sentido un duro, sonoro e desenfadado canto á historicamente agredida dignidade galega. Velaquí o seu texto:  


Nós somos alanos, / E celtas e suevos, / Mas non castellanos, / Nós somos galegos. / Seredes iberos, / Seredes do demo. / Nós somos dos celtas, / Nós somos galegos.

Se son castellanos, / Se son dos iberos, / Se son dos alarbios / e mouros, e eso / Da súa prosapia / Os fai ben contentos: / Que sean quen queiran / E os veigan os demos. / Nós somos do norte, / Nós somos dos suevos, / Nós somos galegos.  

Podrán os cultos fillos / Do chao polvorento e ermo, / Alabarse do inxenio / Do fidalgo manchego. / Podrán gabar do manco / O estilo duro e seco, / Como as frutas do espiño / Dos seus maternos eidos. / Nós somos de Camoens / Os incultos galegos. / Nós somos do Océano, / Nós somos dos suevos, / Nós somos dos celtas, / Nós somos galegos.

Iberos cativos / Non perdál’ o tempo / Pr’ impornos a fala / aos nobres galegos, / Os vosos costumes / E acentos de ferro. / Con Dios vos quedade / Alarbios do demo. / Nós somos do porto, / Nós somos dos suevos, / Nós somos dos celtas, / Nós somos galegos.

S’ acaso se gaban / Dos seus duros eidos, / Das duras estepas / E chao polvorento; / Se beben o leite, / E comen os queixos / De cabra e carneiro: / Que ben ll’ aproveite, / E os leven os demos; / Nós somos do norte, / Dos galos e suevos, / Nós somos dos celtas, / Nós somos galegos.

Vós sodes dos cíngaros, / Dos rudos iberos, / Dos vagos xitanos, / Da xente do inferno; / Dos godos, dos mouros / E alarbios; q’ aínda / Vos leven os demos. / Nós somos dos galos, / Nós somos dos francos, / Romanos e gregos. / Nós somos dos celtas, / Nós somos galegos.  


Nos tempos de Pondal, a cultura tradicional e maila lingua propia, aínda que ameazadas e agredidas, gozaban porén de suficientemente boa saúde. É o que semella reflectirse nos versos finais do seu poema “Os fastos”. De modo que as agresións foráneas aínda non acadaran –dinos Pondal- “borrar a fala”. E tampouco acabaran co “xenio” e co “espírito” galegos. Este é o texto do poema:  


Os fillos escuros / Do chan polvorento, / De rostro mourisco; / Os fillos do vento / Os sempre envexosos / Dos galegos feitos.... / Borraran os fastos / Dos fortes galegos.

Os feitos borraran / Dos fillos egrexios, / Dos fillos dos celtas / De intrépidos peitos / De envexa movidos. / Borraran os fastos / Mas non borrano os feitos / Dos fortes galegos.

Barreran os límites / Do pobo galego, / Dos fillos de Luso / Os lazos rompendo, / Borraran os nomes / Dos pátridos eidos...

Mais non borrano a fala / Mas non borrano o xenio, / Mas non borrano o esprito / Dos fortes galegos.  


En calquera caso, o noso poeta abxura con decisión de palabras ou termos mainos e apracíbeis na defensa da oprimida dignidade do país. Ánimos, cantos ou modos “brandos” e “molentes” non teñen, pois, cabida no “férreo” talante do bardo bergantiñán:  


Non cantés cantos brandos, mais cantade / Da escrava cenicenta as duras sortes, /  Non cantos de pracer e voluptade, / Mas só cantos intrépidos e fortes / [...] Cantade cantos férvidos e ousados, / Q’ os peitos xenerosos estremecen.  


Son cantos de acción e para a acción e non para alongar ou perpetuar sonos ou soños seculares:  


Mais a alma do bardo, / Enérxica, ousada, / Que audaz libertade, / Tan só soña e ama; / ¡Vai pensando en propósitos férreos, / Q’ ergueran a patria!  


Todo isto a teor do lema formulado por Pondal no poema “Dos celtas antigos”:  


Con rogo e con pranto, / Con brandos acentos, / Non ben se consiguen / Os nobres empeños.  


Loita, pois, animosa é o imperativo que Pondal expresa de novo ó final do poema que leva como título “Denodados e fortes”:    


Luitade animosos; / Luitade, galegos. / Luitando se vencen / Da sorte os degredos; / Quen luita, ese é forte; / Quen cede, ese é servo: / Oponde aos destinos / Un peito de ferro: / Luitade, luitade, luitade, luitade, / Luitade, galegos.  


E, como modelo ou norma, aí paira no ceo da antigüidade ilustre a figura do escravo Espartaco, tal como comenta o poeta ó final do breve poema que leva de título ese nome:  


Non seades, galegos, / Escuros e brandos; / Lembrarse do forte, / Do rudo Espartaco.            


Non será outra a petición que Pondal lle dirixe á sua “Musa” para a axeitada realización do seu tan dilatadamente proxectado e elaborado poema épico “Os Eoas” ó formular o seu propósito deste xeito:  


                                                                       III

Non me des unha voz mol e saudosa, / Q’ os peitos enfraquece, e a gloria anuba; / Non unha voz imbele e deleitosa / Q’ o esforzo varonil d’oprobio cruba: / Mas unha voz robusta e sonorosa, / Q’ a feitos valerosos coadxuba, / De modo que n’ a venza envidia inxusta, / Nin duro ferro, nin edá vetusta.

                                                                       IV

Ti meu ousado vóo rixe e sustenta; / Ti miña insuficiencia escuda e aniña; / O q’ hai d’ endeble en min, esforza e alenta, / O q’ hai de baixo en min, ergue e sublima: / Non m’ inspires voz branda –mais ferrenta  / Voz me inspira-: que a miña ousada rima / Tan forte soe, que torne os peitos rudos / En peitos esforzados e barudos.  


É a mesma “musa” que movera tamén a pluma do por el tan apreciado Curros, pois ámbolos dous comungaban e sobresaían, segundo o propio Pondal, na robusteza e vigor do dicir poético. Era por iso claro desexo deste ser soterrado “cabo do insigne Curros”:  


Xa que a d’ el i a miña musa / A fala de Breogán / Fixeron nobre e robusta: / Eu quero xacer de par / De tan nobre sepultura...  


Só engadir finalmente que a desaparición de Pondal  en 1917 marca os inicios das Irmandades da Fala que desembocarían na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931.

Pondal é sen dúbida, xunto con outros ben coñecidos importantes persoeiros non menos decisivos ca el, fito sinalado na construción da nación.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña