05:08 Domingo, 21 de Xullo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-06-2019

Por que será, logo, que existe tanto asañamento coa música reggaeton, etiquetada como máxima expresión do machismo que fai apoloxía da violencia contra as mulleres?

Reggaeton

Valorar (44)

ROBERT NEAL BAXTER



O meu coñecemento da música moderna é bastante limitado, así que, ao pasear o outro día polas atraccións instaladas na Alameda compostelá con motivo da Ascensión, perguntei à miña filla se o ruído enxordecedor que nos asolaba era reggaeton. Obviamente, entre as típicas horteradas españolas ao parecer obrigatorias neste tipo de festas, a resposta foi afirmativa. 

Como tod@s somos presa en maior ou menor medida da lavaxe ao cerebro a que nos submeten permanentemente os meios sistémicos, neste momento pasou pola miña cabeza a mesma idea preconcebida que se acende moi probabelmente na mente de moitas persoas cando ouven o termo ‘reggaeton’: “Vaia horror de música machista!”.  

Mais tamén, ao mesmo tempo, como adoito procurar facer sempre que me encontro ante os meus proprios preconceitos, comecei a cavilar sobre porque e de onde procede este estereótipo e se, no fundo, se axeita à realidade ou non.  

É verdade que unha parte moi importante da música reggaeton comercial a que estamos expost@s contén unhas letras claramente misóxinas e extremadamente violentas onde o sexo se usa como unha arma de dominación masculina. Un par de exemplos abondan: “Ponme esta nalga que a ti te voy a inyectar, si te duele por detrás, te doy por el frente (Palomio y Daniel: Pipicilina); “Agárrala, azótala, pégala”. (Trébol Clan); “Eso lo quiero ver, qué pasa cuando te pego duro contra la pared” (Dj Abeb: Impact); “Si sigues en esa actitud voy a violarte hey, así que no te pongas alsadita yo sé que a ti te gusta porque estas sudadita”. (Jiggy Drama: Contra la pared).  

Como resposta, en Colombia lanzouse a campaña “Usa la razón, que la música no degrade tu condición” e en Cuba o Decreto-Ley 349 proibe difundir a música en que se xera violencia con linguaxe sexista, vulgar, discriminatoria ou obscena, aínda que non se fai referencia nen explícita, nen exclusiva a este xénero musical, contrariamente ao que se pode ler nos meios de desinformación.  

Mais non esquezamos que en grande medida a música que nos chega através da radio e outros meios non é o resultado dunha escolla de todo libre, senón que responde a unha selección previa por parte de corporacións, grandes casas de música comerciais... cuxos intereses exclusivamente económicos pasan por cima de calquer consideración de tipo ético. 

Así que, após indagar un pouco (confeso que non demasiado, xa que honestamente non gosto deste xénero musical en si…), non resultou especialmente difícil dar con música reggaeton moi diferente, denominada ‘alternativa’. Non é habitualmente o que se ouve, xa que non é, como xa se dixo, aquel que se divulga maioritariamente. Mais existe, polo que non é xusto meter un xénero inteiro no mesmo saco. 

Hai, por exemplo, música reggaeton que reclama o empoderamento das mulleres a través da parodia ao subverter clixés machistas que se asocian co xénero, como é o caso do dúo Jirafa Rey e Lapili, que chegou à fama grazas à súa actuación en Factor X con ‘Cómeme el donut’, seguida de ‘No depilada’ que, lonxe de se tratar de simples cancións humorísticas, teñen unha clara intención provocadora e reivindicativa: às veces, o ridiculismo, a parodia e a sátira son armas moi poderosas. Existe o reggaeton feminista militante con nomes como Las Sucias, que cantan para derrubar o patriarcado, grupos de feminismo lésbico como Chocolate Remix e outros como Jhon Distrito, Reinas ou ManCandy que fan música reggaeton transgresora LGBT... 

E que hai dos outros xéneros musicais, os que se ouven todos os días e a todas horas e aos cais non prestamos atención? Non fai falta buscar moito antes de topar con letras reaccionarias e sexistas: desde as sevillanas de Manolo Escobar co seu “No me gusta que a los toros te pongas la minifalda. La gente mira parriba, porque quieren ver tu cara y quieren ver tus rodillas... A mi novia le he prohibido que vaya sola a la plaza”, pasando polo rock new wave de The Police cando Sting fai apoloxía da posesión da muller como obxecto lexítimo de acoso no seu clásico “A cada suspiro que deres. A cada movemento que fixeres. A cada paso que deres. Estareite observando. Oh, non ves que me pertences?”, e polo estupro do grupo de rock español dos 80 Los Ronaldos “Tendría que besarte, desnudarte, pegarte y luego violarte hasta que digas sí”, até o feminicidio declarado do rapper Emminen que non dubida en insultar e ameazar de morte con “Non es máis que unha pendanga para min. Puta, heite matar!”.

Por que será, logo, que existe tanto asañamento coa música reggaeton, etiquetada como máxima expresión do machismo que fai apoloxía da violencia contra as mulleres? Ocórrenseme dúas posibilidades que non son, desde logo, excluíntes: por un lado, o racismo e, polo outro, o clasismo.  

Como se sabe, o reggaeton ten as súas orixes na América Latina, concretamente en Porto Rico: países que a mentalidade española imperialista segue a considerar colonias poboadas por seres inferiores que viven sumidos na miseria e na fame impostas pola violencia endémica, os carteis da droga e a pobreza, xerados por ditaduras corruptas, e que acaban por marchar e buscar acubillo na madre patria. Aí transfórmanse en ‘inmigrantes’, estigmatizad@s por unha plétora de estereótipos que povoan o imaxinario españolista e redúcense as mulleres todas a putas ou ao típico panchito caricatural si ben retratado na personaxe de Machu Picchu, obxecto de burla e explotación por parte de Mauricio na serie televisiva Aída. Por certo, non me ficou nada claro se o espectador español medio entende que se trata dunha parodia para denunciar este tipo de comportamentos racistas e non dun personaxe con que se debe sentir identificado...   Polo outro lado, por moi latinas que sexan as súas raíces, non se adoita asociar o reggaeton co glamour e o éxito da denominada ‘música latina’ comercial respeitábel que se plasma en figuras como Shakira, Gloria Estefan, Juanes, Ricky Martin, Luis Miguel, Chayanne etc. Moi polo contrario, a palabra ‘reggaeton’ evoca máis ben delincuencia, bairros pobres, mau gosto, Latin Kings, droga, maras e armas. Permite, pois, fomentar a imaxe condescendente do sudaca ignorante, machista dunha América inzada de violencia que se pode desprezar e desdeñar e que se debe rexeitar. Razón de máis para resistirmos á inmigración que nos quere invadir...  

En definitiva, o problema non é o reggaeton en si, mais, como en calquer outro xénero musical, o uso que se fai del. Para acabar co machismo que se transmite através dunha parte del, lonxe de o rexeitarmos sen máis como algo intrinsecamente viciado, hai que apropriarse del e subvertelo, para que a rapazada baile ao ritmo do reggaeton feminista e, naturalmente, tamén en galego.


[27-06-2019 16:38] Oghaio comentou:

Concordo! Sen esquecer que ao mundo anglosaxón polo que estamos abducidos cabréalles moito que lles leven o negocio fóra. O reggaeto non o inventaron eles, e polo tanto non poden controlalo... aínda que niso andan!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña