20:32 Mércores, 21 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-06-2019

É necesario traballar pola autoorganización soberana do pobo galego para poder conquistar os dereitos nacionais e asocialos a defensa das diversas reivindicacións concretas

A voltas co bipartidismo

Valorar (22)

FRANCISCO GRAÑA


Os últimos procesos electorais no Estado español volveron a reforzar o bipartidismo para ben da estabilidade do Réxime do 78, agás algúns puntos en aberto aínda sen resolver. A refundición permanente das dúas forzas políticas españolistas tanto da esquerda como da dereita, seguen a ser un obxectivo estratéxico para o Imperialismo subalterno español, constituíndo  a mellor garantía para a lexitimación da permanencia e continuidade do Reino de España.

O bipartidismo españolista foi o vencedor nestas eleccións, onde o PSOE-PP substitúe ao PP-PSOE por pouco marxe, pero sumados os dous son ampla maioría. A vitoria do PSOE-PP é completa no territorio da España secular, de rancio españolismo. Nos territorios das nacións con conciencia de pobos diferenciados, Euskadi e Catalunya, o bipartidismo españolista foi novamente erradicado, quizais para sempre ?.
A consecuencia pode ser unha nova configuración do Estado español que sexa o resultado  da negociación dunha asimetría territorial con distintos niveis de competencias como unha solución ao conflito territorial, poñendo fin ao simétrico e equivalente “café para todos”, partindo dos xa existentes concertos económicos, onde a cuestión fiscal e económica van a ser os temas determinantes?. A loita nacionalista destes pobos será decisiva marcando os asuntos e os límites, pois o patriotismo, o amor a terra e a dignidade dun pobo non se poden mercar con diñeiro, só se colman coa súa liberación nacional.

A formación política Podemos xa cumpriu o seu papel fundamental para o que foi creada, o de axudar a restauración da pata esquerda do bipartidismo. Agora, xunto cos refugallos de Izquierda Unida, van a servir de batoloxía dun poderoso PSOE. A pata dereitista que complementa Ciudadanos e Vox, necesita ser unida ou cando menos asociada entre eles co PP.  Non obstante, a lideresa de Ciudadanos Inés Arrimadas (filla dun policía da social franquista), xa ten asento no Club Bilderberg a Plataforma do Capitalismo Global Occidental, xunto con Pedro Sánchez. O Ibex xa amañará a dereita española para estar disposta a ser a Alternativa do Goberno de España. Vox está para meter medo ao persoal, para que non xoguen a romper España, así que a xente non lles queda outra que votar polo PSOE, e as dereitas se queren seren a ser coherentes coa súa unidade.

O pobo galego reúne, neste escenario español, as condicións obxectivas para ser o máis diferenciado de todos os pobos que habitan neste Estado cárcere, debido a súa condición colonial que o converte no mellor tributario do Estado español. Na España profunda o terror ante unha posible  descolonización da Galiza, produce vertixe, comezando polos dirixentes de Izquierda Unida  os máis españolistas da Esquerda. Cayo Lara ten dito que sen Galiza, Euskadi e Catalunya, quen vai a pagar as peonadas do campo andaluz?
O avance do bipartidismo no Pais superou ao de España. O electorado fuxido das Mareas e das Confluencias locais foi para engordar ao PSOE. O beirismo sementou moito odio no campo nacionalista, alimentando o auto-odio e a impotencia do pobo galego. Se necesita tempo para que sexa dixerida esta frustración.

O neo-piñeirismo beirista, coa súa alternativa de unirse coa esquerda españolista, orixina  desde AMIO un crítico debilitamento do BNG, mais non logra a súa liquidación como era o   obxectivo marcado desde Madrid.  A visibilidade do seu fracaso na unión cos españolistas provocou unha saudábel purga dentro do BNG, facilitando a súa recuperación. Mentres exista a Nación galega, haberá nacionalistas, (Os Imperios pasan as Nacións permanecen). Hoxe os restos das Mareas andan a construír un espazo “rupturista”, o que resulta patético. O PSOE e o PP, foron os  grandes beneficiarios da desfeita destes Mareantes, ademais do efecto de VOX nas xerais. O PSOE tamén se aproveitou electoralmente do localismo antigalego existente no Pais.

Na Galiza o PP mantivo a súa forza grazas a poderosa rede caciquil ca que aínda conta, posta ao servizo da dereita española. Os partidos minoritarios da dereita como Ciudadanos e VOX,non acadaron os éxitos que si recolleron na España Imperial. Galiza é un feudo dos caciques do PP que obstaculizaron a aterraxe nela dos señoritos de Ciudadanos e dos Retro-fascistas  de VOX, que son apéndice do PP de España. Hoxe os dous terzos do PP residen na Galiza. Outra característica propia que temos no noso Pais, a cal nos diferenza da España clasista, xerárquica, onde os ricos e os pobres están cada quen no seu sitio, confrontando entre eles, sen mesturarse  nin romper España. Aquí todo está revolto e confuso para o noso pobo enguedellado na rede clientelar tecida polos caciques do PP cos seus favores individuais, e dos asimilados do PSOE nas urbes principais da Galiza.

O BNG depurado das diversas correntes do piñeirismo rematou o seu ciclo de declive mellorando moderadamente os seus resultados nestas eleccións. As cabeceiras das listas deron unha boa imaxe de nacionalistas íntegros, ao marxe dos erros, e por haber, e pode seguir avanzando pouco a pouco, sen caer en novos personalismos que xa sabemos a onde conducen, máis proclives conforme medran as expectativas dunha maior representación institucional.

E necesario traballar pola autoorganización soberana do pobo galego para poder conquistar os dereitos nacionais e asocialos a defensa das diversas reivindicacións concretas, impulsando esta necesidade cunha pedagoxía paciente, promovendo a auto-estima colectiva diante dun pobo empobrecido, decepcionado e sen esperanzas de mellorar, que é manipulado polo despotismo do PP e do PSOE. O caciquismo é un fenómeno transversal, non é un atributo exclusivo do PP, pero que vinculado  a dependencia política do Pais co exterior resulta nefasto. Os nacionalistas son os únicos que poden axudar ao pobo galego a romper esta dependencia para facer posible emanciparse coa súa liberación nacional. Acaso o van a facer os españolistas? Xa se viu  na recente experiencia das Mareas, como nos deixaron vendidos unha vez máis.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña