04:51 Domingo, 21 de Xullo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-06-2019

Por enésima vez, por que demonios temos de pagar a EXCLUSIÓN da nosa lingua? Estamos condenados a sermos simples decorado, non gratuíto senón pagando por riba a nosa despersonalización?

Uso do diñeiro público

Valorar (35)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Titulei un artigo recente “Sobran os cartos” para me referir á escusa permanente das retalladas en orzamentos públicos xustificadas pola tan amentada crise. Contra este interesado lugar común, razoaba que sobran cartos para investimentos e gastos absolutamente inúteis ou servís a respeito da nosa alienación, da nosa desnacionalización. Sempre me chamou a atención o interese político centrado en solicitar ou reclamar novas propostas de gasto e se incida menos no que é estéril, superfluo ou absolutamente improcedente. A el me quero referir neste artigo. Fun ver hai pouco o filme “Elisa e Marcela” da cineasta Isabel Coixet. Adianto que non me gostou. A historia cinematográfica arrédase en varios pormenores da historia real, entendendo por tal a que coñecemos no seu día mercé á investigación do profesor Narciso de Gabriel (remitímonos á obra orixinal [2010], non á reedición actual, que non temos lido). Non xulgamos isto un defeito: unha obra cinematográfica pode permitirse refacer ou fabular ad libitum tanto unha obra literaria canto unha historial real verificada. Non vai por aquí a nosa crítica. O filme semelloume plano e sen ritmo, elaborado sobre unha historia coñecida con final consabido, sen consistencia psicolóxica nen sociolóxica, sen a menor penetración na peculiaridade do caso. A maiores, abonda en tópicos “galaicos” máis sobados que unha amasadura do pan: choiva incesante, aldeáns foscos e brutos... Envolver unha escena erótica cun polbo a meio mazar ou con algas... pertence xa ao xénero cómico. Detalles mínimos de atrezzo-vestuario coido que non teñen nada a ver coa atmosfera-costumes epocais: dúas mestras, ou estudantes para séreno, cunhas cabeleiras enormes (a moda ou a imposición determinaba o cabelo recollido, por moi longo que se tiver); unha superposición de saias ou “refaixos” que case parecían da portuguesa Nazaré, cando, na altura, a vestimenta feminina de rapazas ou señoras urbanas era outra... Ora, a lingua galega (directa ou subtitulada) non aparece por nengures; si, un castrapo ou portuñol, ou ben portugués directamente subtitulado ao español, “La Coruña” incluída (en 2019!). Nos créditos que aparecen ao final, informámonos de que o filme conta co patrocinio da CRTVG e mais da AGADIC, para alén de constar o agradecemento a concellos varios do noso país onde se rodaron escenas e secuencias do filme. Como se resolveu o tal patrocinio? Con que financiamento? Como se entende-explica que non exista copia en galego? Por enésima vez, por que demonios temos de pagar a EXCLUSIÓN da nosa lingua? Estamos condenados a sermos simples decorado, non gratuíto senón pagando por riba a nosa despersonalización? Emprego tal palabra porque o filme é perfeitamente intercambiábel na súa localización: pode ser a Galiza ou calquer outro lugar que vostedes quixeren imaxinar. Outros pormenores xa nos fan sorrir, por puro desleixo ou ignorancia: a célebre e cantadísima desde hai moito máis de cen anos “Unha noite na eira do trigo” aparece definida como canción popular galega. Popular, si é, popularísima, mais ten autores: Manuel Curros Enríquez (poema “Cántiga”, o primeiro que escrebeu na nosa lingua [Madrid, 1869]), na letra, e Cesáreo Alonso Salgado, seu compañeiro de estudos, autor da música. Volto á cuestión principal: onde está escrito que teñamos que pagar produtos culturais que ignoran todo o que nos define e identifica? En detrimento de que e de cantos produtos cinematográficos-audiovisuais galegos? A economía da colonia a servir ao colonizador, para variar...

Non recordo en que momento se puxo de moda falar da “débeda histórica” contraída coa Galiza. Si lembro que, daquela, eu perguntábame como e con parámetros ou variábeis de medición se ían calcular os danos causados pola emigración; a drenaxe dos nosos recursos e dos nosos aforros; a explotación vil das nosas materias primas; a opresión-represión-depresión da nosa lingua; a imposición dunha cultura allea... Por non falarmos do que os tecnócratas chaman dano reputacional: a campaña continuada de galegofobia, de menosprezo, de marxinación..., convenientemente introproxectada en nós en forma de millenta modalidades de auto-odio. O que si se cuantificou no seu día (parcialmente) foron as secuelas da catástrofe do Prestige. Non sei a ciencia certa se a lexislación que permite a navegación de buques con mercadorías altamente perigosas-contaminantes mudou en termos convenientes para as nosas costas, vilas e cidades. O que si sei é o catálogo de “premios” con que fomos agasallados por parte do Estado español: un consello de ministros na Coruña, presidido polo sr. Aznar e case co-presidido por un exultante alcalde desta cidade na altura, Francisco Vázquez; outro dos “premios” demorou-demorará dezasete anos: un parador de turismo en Muxía, cuxa apertura se prevé para a primavera de 2020! Bravo! Máis turismo! Máis madeira, que dirían os irmáns Marx! No anuncio do seu próximo funcionamento, a secretaria de Estado de Turismo seica ficou engaiolada co panorama desa nosa costa. Que ben! Canta beleza temos! Que vistas! Que mar! Que praias! Nativos á emigración / turistas a cachón! Lindo futuro!

En fin, para acabar o serial, soubemos que nos orzamentos da Junta de Andalucía, emenda de VOX mediante, acaban de se aprobar cen mil euros para combateren a inmersión lingüística en Cataluña, destinados a reforzaren a españolización das colectividades andaluzas residentes nesa nación. E isto é legal. É absolutamente inconstitucional a federación entre comunidades autónomas ou a colaboración interinstitucional que vulnere competencias estatais, mais entrar a matar, en intromisión flagrante, na política gobernamental dunha nación como Cataluña, exemplar na súa integración de toda a inmigración, iso é permitido e fomentado, en liña con todo o odio feroz non xa aos independentistas senón aos mínimos dereitos humanos conculcados con meses e meses de prisión preventiva e de xulgamento-escarmento.

Seica foi Josep Pla quen afirmou que o máis parecido a un español de dereitas é un español de esquerdas. A verificación de tal aserto é clamorosa nos nosos días: dá auténtico noxo ouvir ou ler declaracións-artigos de elementos como Raúl del Pozo ou Gregorio Morán, conspicuos ex-PCE, ou de César Antonio Molina, ex-ministro de Cultura, nada menos, dun goberno PSOE, por suposto, tamén pagado por nós, galegas e galegos.

Reafírmome na tese inicial. Sobran os cartos (públicos) para nos negar, para nos excluír, para nos desfigurar. Sadomasoquismo ou reforzo dunha dependencia inveterada? Ah! E a Xunta? Que Xunta? Esquecíame!: a Xunta dedícase (“O son do Camiño”) a competir cos ramistas das comisións de festas, mais faino ao grande: cantos centos de miles de euros gastos en traeren á Galiza figuras, figuriñas e fantoches do mercado musical internacional (en español-inglés, faltaría máis!)? Claro, é que non me decato: aquí non hai cantantes, músicas-os, autoras-es, teatristas, cineastas... Tamén non hai patrimonio natural, histórico-artístico... Ora, non estabamos en que eramos un paraíso natural e que o tal patrimonio histórico-artístico é tan abundante que non se dá atendido? Se isto último lles semella unha boutade, saiban que tal foi a resposta que mereceu, en sede parlamentar, unha miña iniciativa, como tantas, por parte dun secretario de Cultura da Xunta. Tanto hai que non se dá feito! Entramentras, quen fan e desfán son os demais. Eles  -o Estado español, as multinacionais, os poderes financeiros...-  si que teñen un deseño perfeitamente programado e aplicado para a Galiza.

[19-06-2019 12:03] salgado comentou:

Estupendo e razoado artigo na liña de tan bríllante compañeira, agora ben voto en falta unha verba no seu argumentaríao, e non son neste senón no vocabulario de moitos dirixentes do nacionalismo de uns anos para acó, COLONIZACIÓN, verba que parece tabú e con dificultades para expoñer e explicar, ate cando?

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña