03:25 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2019

Unha administración pública ten que defender o ben común e o interese xeral, ou sexa ten que ser social por definición.

Os concellos galegos e a actuación social

Valorar (44)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS


Un goberno nacionalista e de esquerdas ten na súa propia ideoloxía a defensa fundamental dunhas corporacións que eviten desequilibrios e inxustizas, primando o ben común e o interese xeral. As veces no desenrolo destas accións atopámonos intereses contrapostos que entran nun conflito de difícil solución, ao tempo que a chegada rompedora das novas tecnoloxías, inevitábel por outra banda, obriga a súa adopción, con certo custe non precisamente económico, si queremos unha administración eficaz e eficiente que defenda o interese común. 

Temos unha organización administrativa nos concellos galegos que é a mesma que a dos tempos predemocráticos cando xa pasaron a terceira revolución industrial, a dixital, e estamos inmersos nunha cuarta que poñerá, está poñendo, patas arriba os modelos de xestión, de negocio,  laborais, e o mesmo concepto de sociedade. O sentido común recomendaríanos pechar todos os concellos e partir dende cero cun novo modelo organizativo e de xestión, adaptado á nova realidade, máis como iso non é posíbel, cómpre aplicar o noso sentidiño para adaptármonos.

Para comezar e antes de nada os concellos deberían atender unicamente aquelas competencias que fixe a lei e para as cales se conte co financiamento axeitado. Isto é clave xa que, pola súa proximidade á cidadanía, os concellos acaban atendendo competencias que, tendo que ser prestadas pola administración titular das mesmas, son desatendidas por esta, tendo os concellos que asumir, sen financiamento ningún, o seu custe, tanto porque así o reclaman veciñas e veciños, como polo propio compromiso social asumido e que non atende a delimitacións competenciais. Claramente si se asumen competencias impropias por necesidade de atención, vai haber outras competencias que se vexan afectadas.

Para máis problemas, as administracións que lexislan fan recaer na administración local, competencias sen financiamento (en clara contraposición co que dita a lei, baseándose en memorias económicas faltas de rigor) ou inasumíbeis pola falta de persoal, restrinxido xa pola taxa de reposición. Un exemplo: a nova lei de benestar animal conleva sacrificio cero, aspecto non criticable por suposto, pero adxudica sen financiamento o seu custe, moi elevado, aos concellos (mantemento, esterilización e outros). Prodúcese un dilema: por cumprir esta obriga gastamos os cartos precisos para unha atención social a persoas necesitadas?    

Outra das ameazas para que os nosos concellos podan ser máis sociais ven curiosamente doutro discurso que defende a función social da administración a nivel interno. Os empregados públicos e os sindicatos que lexitimamente defenden os seus dereitos laborais e económicos, as veces, poñen en risco a sostibilidade, a eficacia, a eficiencia e a solvencia na resolución dos problemas sociais da veciñanza. É evidente o conflito, e non se trata de eliminar os dereitos de unha parte para poder atender á outra, trátase de aplicar o sentidiño e de evitar custes laborais excesivos, non polas retribucións que deben ser dignas e axustadas, senón por determinadas concesións, as veces fora de lugar, que poñen en perigo a viabilidade dos concellos e das súas funcións sociais. Os cartos son de todos e todos equitativamente e con xustiza social deben ser atendidos con eles, primando aos que están en situación máis precaria.

Por outra banda precisamos concellos modernos, que para cumprir coa súa función social e con todos os servizos públicos que teñen asignados e máis cos impropios, batalla xa comentada, deben ser eficaces na súa regulación e disciplina económica e social. Deben adaptar e implantar a tecnoloxía dispoñible e para elo deben formar e/ou contratar persoal capacitado nesta tarefa.

Hai traballos actuais no público cun perfil determinado que obviamente serán innecesarios unha vez que se produza a xubilación dos que os desenvolven, pese a quen pese. A intelixencia artificial e a robótica farán innecesarias as tarefas repetitivas con pouco aporte de coñecemento e que serán mellor e máis eficientemente desenvolvidas por estas tecnoloxías. O factor humano será moito máis valioso noutras tarefas con capacitación concreta e especializada que aportaran unha mellor atención social a quen máis o precisa. Xogámonos moito e hai que ser valentes neste conflito. Non deixar a ninguén de lado nesta adaptación pero esta ten facerse si ou si, queiramos ou non o queiramos. Hai que facela convenientemente xa que se non se fai, quen será prexudicado é o ben común e o interese xeral.

Claro que todo isto implica un cambio radical tamén na formación laboral e das novas xeracións. A formación e as titulacións teñen que adaptarse radicalmente aos novos modelos de negocio e de traballo social. É fundamental que os traballadores e traballadoras da administración estean preparados para os novos tempos e, por suposto, que as estruturas organizativas tamén o estean.

Lamentablemente a revolución tecnolóxica trae como consecuencia unha nova economía que está ampliando a marxinalidade social. O grupo máis desfavorecido e vulnerable está pasando de ser unha pequena parte da sociedade a englobar a boa parte das clases medias polo que a atención social ten que ir dirixida a un cada vez máis amplo espectro da poboación.

Uns concellos en mans dunhas elites pertencentes ás clases máis favorecidas impoñen os  criterios destas en favor dos grandes grupos económicos de presión dos que forman parte ou dos que resultan beneficiados, gobernando para os seus intereses que obviamente entran en contraposición co ben común e o das clases máis desfavorecidas. Por iso é moi importante marcar unha clara diferencia, obvia nos concellos con maioría da esquerda nacionalista, pero fundamental tamén nos que haxa gobernos de coalición nos que solo se pode participar con este marcado acento social. Tamén na oposición, pois o camiño para que dentro de catro anos as cosas cambien empeza o 15 de xuño despois da toma de posesión dos novos cargos electos municipais.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña