03:27 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2019

Hoxe ese edificio encóntrase en estado absolutamente ruinoso como símbolo do que sucede nesa freguesía e no noso rural

Os camiños do recordo

Valorar (22)

EDUARDO ÁLVAREZ


Nacín a mediados do século pasado nunha freguesía do concello de Neira de Xusá, desde 1975 denominado Baralla por iniciativa de persoas ignorantes da historia e desprezadoras das palabras que designan a nosa identidade. Daquela, nesa freguesía existía unha escola con dous pavillóns diferentes para acolleren os nenos afastados das nenas. O edificio fora construído a finais dos anos vinte grazas ás remesas de dous irmáns dese lugar emigrados na Arxentina que crían que a educación e a solidariedade son imprescindíbeis para o progreso das persoas e da sociedade. No período estival dese ano en que foi suprimido o topónimo do meu concello, nesa escola estreeime como profesor particular dun bo grupo de nenos da contorna que durante o curso xa acudían ao novo centro comarcal de Baralla. As aulas conservaban en bo estado os pupitres de madeira que usaron aqueles meus primeiros alumnos e o teitume do edificio e mais os muros de cachotería seguían mantendo a dignidade requirida para a práctica docente.

Hoxe ese edificio encóntrase en estado absolutamente ruinoso como símbolo do que sucede nesa freguesía e no noso rural: o teitume dos seus pavillóns desfondouse, desapareceron as portas e as paredes, antes recebadas, fóronse recubrindo de hedras e silvas.

Naqueles tempos, os veciños estaban emprendendo un esperanzador proceso de transformación. Déranse xa algúns pasos encamiñados desde o abandono da agricultura de subsistencia cara ao sistema agropecuario intensivo concentrado na produción de leite. Os animais saían das cortes até entón emprazadas nas propias vivendas e comezaban a seren estabulados en granxas independentes, resoaban os motores dalgúns tractores que substituían os carros e os arados tradicionais. Diariamente chegaban pequenos vehículos que recollían o leite en bidóns e logo, cando foron arranxados os camiños, xa o facían os camións cisterna que transportaban o líquido almacenado en tanques de frío para ser procesado na cooperativa COMPLESA de Nadela ou nas industrias Arxeriz e Vega de Oro, de A Robra e Meira respectivamente. En cada casa bulían as actividades e os traballos en ocasións tamén recibían compensacións. Nas liñas de autobuses Clemente Piñeiro e La Directa, que pola mañá cedo se dirixían a Lugo e regresaban pola noitiña, viaxaba xuventude que acudía a escolas e institutos e tamén coincidían neles, ao remate de cada trimestre, universitarios matriculados en Compostela. Os prados e os camiños habituáronse á presenza de vacas pintas de raza frisoa, algunhas importadas directamente de Dinamarca e mesmo do Canadá. Boa parte das terras de labranza transformáronse en pasteiros e as vellas searas do monte abertal deixaron de ararse para o cultivo do centeo e transformáronse en extensas superficies de repoboación forestal. Cada primeiro domingo de agosto celebrábase a festa da parroquia con misa solemne, procesión, comida familiar e verbena.

Aquela xuventude pouco a pouco foi abandonando a terra. Uns dirixímonos ás cidades galegas, os mais encamiñáronse cara Madrid, Barcelona e Bilbao. Algúns outros tamén colleron o tren camiño de Alemaña e Suíza. Coincidindo coa entrada na Unión Europea, no verán de 1986 celebrouse por última vez a festa da patroa da parroquia. Cando se estaba en pleno proceso de transformación do agro e para iso se realizaran grandes inversións en adquisición de gando e maquinaria, a introdución das cotas na produción leiteira supuxo un freo para o progreso. Comeza o desánimo e, ante a falta de perspectivas, non se produce o relevo xeracional nos traballos, de forma que paulatinamente cada vez que as familias acadan a idade de xubilación, venden o gando e a maquinaria e, en moitos casos, abandonan os prados e as terras. As dúas liñas de transporte colectivo desaparecen por falta de usuarios.

Hoxe sobran os dedos dunha man para contar as explotacións gandeiras que se manteñen activas nesta freguesía. Nas terras de sementeira que foran transformadas en pasteiros, as herbas medran agora sen utilidade para o gando. A media de idade dos que continúan vivindo alí supera os sesenta anos. Son numerosas as casas deshabitadas desde que morreron os seu moradores habituais que só se abren cando regresan de visita aqueles que as abandonaron hai corenta anos. As reunións sociais fican reducidas a enterramentos e funerais.

Os carreiros e os camiños tradicionais, que antes eran percorridos por labregos cos seus carros e tractores e polo gando cara ao pasto, borrados da paisaxe pola invasión da matogueira, hoxe conducen a ningures. E pouco a pouco, despuntan eucaliptos que acabarán borrando tamén a identidade da paisaxe como sucedera co topónimo de Neira de Xusá.

Mentres tanto, no medio do silencio da noite, o alumeado público, cos seus puntos de luz, dá fe da realidade desta freguesía que antes bulía de vida e agora marca as beiras dos camiños transitados por recordos do pasado.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña