08:00 Mércores, 11 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-06-2019

Todos e todas temos un embigo, mais o problema vén cando miramos para el e o consideramos ónfalo, é dicir, ese lugar elixido polo pai dos deuses para que todo xirase arredor del.

Todos os embigos son redondos (máis ou menos)

Valorar (22)

MARICA CAMPO


E o normal é que todos e todas teñamos un. Os gregos dicían omphalós e así denominaban tamén o obxecto pétreo que, segundo a tradición,  deixara Zeus para sinalar o centro do mundo, en Delfos.

Todos e todas temos un embigo, mais o problema vén cando miramos para el e o consideramos ónfalo, é dicir, ese lugar elixido polo pai dos deuses para que todo xirase arredor del. Mesmo é posíbel que, ollando para o círculo que lle deixou no bandullo a atadura do cordón umbilical, alguén se sinta el mesmo  Zeus, Apolo e todas as divindades que se podían consultar ao pé do monte Parnaso.

Porén, acontece que un embigo é un embigo, como unha rosa é unha rosa, que escribiu Xertrude Stein e cantou Mecano en medio doutra letra. En pleno século XXI, Delfos e o seu oráculo non son máis que arqueoloxía.

Proliferaron os ónfalos por estas latitudes e, salvo algunha excepción, todo indica que o pobo non está por esa parte da anatomía humana. Á fin é o remate dunha tripa e, postos a mercar, empezamos a decatarnos de que é mellor optar polo cerebro e o corazón nas proporcións oportunas para cada caso.

Os onfálicos e as onfálicas manteñen condutas autolíticas, é dicir, autodestrúense como acontece con determinadas células no proceso da autolisis. A obsesión destas persoas por si mesmas, por que nada se lles escape das mans, o solipsismo en que viven, lévaas a queimaren terreo arredor, a se encerraren nun círculo de lume que acaba abafándoas.

Quen se dedicar ao exercicio da política deberá mirar arredor, a media distancia, e lonxe, até o horizonte e máis aló. Dese xeito conxurará o perigo de se perder no cráter da propia barriga. E só así servirá a quen o elixiu.

Vaise inaugurar un novo mandato en concellos e deputacións. Nalgúns casos con poucos cambios, noutros, coa frescura que se agarda da novidade. Á volta doutros catro anos serán xulgados polo que melloraron ao seu redor, pola saúde da nosa identidade, polo proxecto de país polo que se guiaron. Se o único que poden mostrar é o embigo, máis ou menos redondo, irán ao rinche. O rinche, por se alguén non o recorda, é ese lugar no que se sitúan os que perden no xogo a agardar que volva comezar a ronda.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña