01:45 Martes, 30 de Novembro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-06-2010

Estes meses quedou máis que demostrado que o benestar social do que empezabamos a gozar é o principal danado ante a crise

Perden os de sempre. Perde Galiza

Valorar (8)

ROCÍO GARRIDO CARAMÉS



Estes últimos meses moito se fala da crise que estamos a vivir e das repercusións que ten, das medidas que esta aplicando o goberno de España, da folga de sindicatos contra a reforma laboral ou mesmo dos avisos que desde o Banco Central Europeo e da mesma Comunidade Europea nos envían  para que apretemos un pouco máis un cinto que en Galiza xa pouco ten que apertar.

Os galegos sabemos mellor que ninguén as consecuencias de ter os salarios máis baixos que a maioría das comunidades, onde a maioría da poboación non chega a ser nin os "mileuristas" famosos, de ter as pensións máis baixas, de ter a unha poboación moi avellentada e da dispersión de poboación sobre todo nas zonas rurais e do interior do noso país.

Por iso aplicar as mesmas medidas para todas as comunidades do estado español seguira fomentando un territorio divido en comunidades historicamente máis ricas, prósperas e o resto verá aumentada o seu "estatus" de comunidade empobrecida. E onde máis se vai notar esta discriminación económica vai ser na aplicación da lei da dependencia e os seus beneficiarios.

Hai 5 anos pensar en gozar dunha lei da dependencia era case unha utopía pero esta idea converteuse en realidade a partires do 2008, cando moitas familias tiveron por primeira vez a posibilidade de optar  a unha axuda ou mesmo gozar dun  respiro familiar que antes carecían. Claro que hai 5 anos non se escoitaban queixas, apenas algunha voz no medio do mar saia de vez en cando contándonos que debía crearse un sistema de axuda, que precisaban axuda, que os dependentes supoñían unha carga difícil de levar. 

Todo isto mudou  a partir do 2008 e unha vez creado un sistema que garantía obter dende axudas como  as axudas asistenciais ou o cobro dun salario, que permitise un respiro económico a aquelas persoas que tiveron que deixar os seus traballos para coidar os familiares dependentes grazas a aprobación da Lei da Dependencia empezaron as protestas.

Xa tiñamos a lei que nos garantía ese dereito e si se producían retrasos xa estabamos saíndo nos xornais ou nas televisións ensinando as miserias humanas en moito casos, pero todo volveu cambiar o ano pasado: cada vez a lei de dependencia sufre máis atrasos nas valoracións, restaselle orzamento para poder aplicala,  pero onde están as protestas? Acaso xa non hai casos graves esperando que se lle aprobe a axuda? Casos hainos e cada vez máis pero xa non teñen o valor mediático que lle imprimían antes coa intención de atacar o dereito acadado, en vez de mostrar os logros que podían aportar, e agora eses casos quedan de portas para adentro, porque dende maio do 2009 volveu a instalarse a vergoña en moitos fogares de Galiza e  xa non se amosan os casos de persoas dependentes e as penurias que están a pasar.

E como sempre os máis prexudicados  son os colectivos máis desfavorecidos. Os nosos vellos miran como se lles conxela as pensións, como as prazas nas residencias son ridículas e mesmo moitas veces convértense no sustento principal da familia. A crise non é igual para todos pero sempre a pagan os mesmos.

Moitas mulleres ven como o quedar sen traballo, moitas veces mal remunerado, volven facerse cargo do fogar e volven o papel de antano que moito custou arrincar da sociedade: "as mulleres da familia son as teñen que coidar dos seus anciáns" mulleres que se converten en enfermeiras, en amas de casas, en médicos, en asistentas sen percibir nada a cambio e con disposición 24 horas o día.

Baixo a típica frase de que hai moitas solicitudes agardando avaliación para entrar a ser beneficiarios da lei de dependencia moitas familias sofren con resignación o seu destino. Cartos para a dependencia non hai pero si para contratos millonarios con Microsoft, cando se podía optar por un software libre, sen custes para a administración pública. Estes cartos invertidos en programas de respiro familiar sería un respiro en moitas familias.

Estes meses quedou máis que demostrado que o benestar social do que empezabamos a gozar é o principal danado ante a crise pero pola contra non se dana a sectores nos que a crise é algo que nin sofren nin notan: permiten que os bancos se convertan en usureiros, permiten que a luz suba nos fogares non vaia ser que as empresas teñan moitas perdas porque xerar enerxía custa o mesmo agora que hai 6 anos, valoran máis o foráneo que o da propia terra, prefiren adxudicar contratos a empresas de Madrid que as galegas que si repercutiría esa adxudicación no noso país, e así un sen fin de lousas que poñen enriba  dos nosos dereitos, das nosas costumes e como non do noso desenrolo socio-cultural-económico.

Hai anos a poboación activa marchaba as cidades ou cara a costa en busca dunha mellor calidade de vida ou dunha estabilidade económica deixando atrás o rural, mentres os maiores seguían cultivando nas leiras como axuda  alimentaria da súa economía e cando  agora falas con eles de seguida che din: "volverase a ter que plantar as patacas para comer" eles non entenden de crise pero si entenden de que traballando toda a vida ven como as pensións se lles conxela e cando caen enfermos dependen das fillas ou das  noras. Paralizouse o sistema de benestar en detrimento dos de sempre.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña