12:58 Xoves, 27 de Xuño de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2019

Son poucas as mans as que impoñen o seu criterio á hora de construír o mundo dixital

As redes que nos discriminan

Valorar (10)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Algo tan sinxelo como poñer o nome do teu concello na información persoal de Facebook é tarefa imposíbel se o queres facer respectando o nome propio e oficial en galego. No meu caso dá igual o que faga; se escribo “A Estrada” non permite gardalo, ofrecendo como única posibilidade “La Estrada”. Así é que o teño en branco, non quero que no meu perfil de Facebook apareza “La Estrada”.  

Se es das persoas que utiliza o Google Maps, xa saberás que se non tes o móbil en galego, cousa cada vez máis difícil de atopar, todos os topónimos de Galiza aparecen na súa forma deturpada. Sanjenjo, Rianjo, Carballino, Sotomayor, Mugía,... son os topónimos que ofrece a aplicación de xeolocalización de Google, que toma como referencia a Wikipedia, a enciclopedia libre, construída pola comunidade de usuarios e usuarias. Segundo indica este portal, “los topónimos de España (sic) deben utilizarse en castellano. A pesar de que las autoridades de las localidades de algunas comunidades autónomas bilingües españolas han decidido que el topónimo en el idioma distinto al castellano en su comunidad autónoma sea la única forma oficial”. É dicir, que as comunidades autónomas poden decidir o que queiran, que nós (a comunidade española da Wikipedia) xa faremos o que nos dea a gana. Esta actitude sectaria atopa a cobertura académica na RAE que en reiteradas ocasións se ten pronunciado pola deturpación castelá dos topónimos galegos.  

Así o panorama para a nosa lingua non pode ser máis desolador en aplicacións que usan habitualmente miles de galegas e galegos. E o peor é que a solución non é doada. Batemos con empresas mastodónticas, ás que lle dá igual que se diga Chandreja de Queija ou Chandrexa de Queixa. Pasamos da ditadura de Franco, que deturpaba topónimos a mantenta, incluíndo campañas contra a nosa lingua, á ditadura das transnacionais.  

E como dixen, a solución non é doada. Iniciáronse peticións en Change.org dirixidas a Google para que respectara os nosos topónimos propios e oficiais, que acadaron a nada desprezábel cifra de 11.000 sinaturas; aprobáronse iniciativas no Parlamento Galego a instancias do BNG, tamén no mesmo sentido, mais de momento en Mountain View (que non, “vista desde a montaña”) non atenden nin entenden peticións que vaian no sentido de respectar a nosa lingua. Quédanos, iso si, abandonar as aplicacións de xeolocalización que deturpan os nosos topónimos e usar outras, como por exemplo Waze, que non só respecta os nosos topónimos, senón que están en galego e fala na nosa lingua.  

As redes sociais, a informática, chegaron para facernos máis libres e para facer un mundo máis igualitario e ao alcance de todos. O paradóxico é que son poucas as mans as que impoñen os alicerces destas mastodónticas estruturas. A pesar de que hai alternativas, a loita é titánica e desigual, en especial cando non hai un poder político que lles faga fronte. No noso caso, a Xunta do PP non só non bota unha man para restaurar a nosa dignidade colectiva, senón que fai gala do desprezo pola nosa cultura e a nosa lingua, achanzando deste xeito o traballo destas transnacionais do mundo dixital.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña