03:28 Luns, 23 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-05-2019

O balanzo final deste «proceso de paz» colombiano é un espello no que recoñecerse por parte dalgún inxuriado goberno caribeño, como o venezolano

Colombia: a «paz» dos cemiterios

Valorar (10)

XURXO MARTIZ CRESPO


Unha das eivas máis complicadas de salvar no «longo e tortuoso camiño» cara á paz en Colombia entre o goberno colombiano e as Farc-Ep era asegurarlles aos futuros ex guerrilleiros xa non o sustento … senón a vida, así, a secas.

O recente asasinato do ex guerrilleiro Dimar Torres, perpetrado polo xeneral do exército colombiano Diego Villegas, non fai máis que engadir un morto máis á lista de máis de 129 ex guerrilleiros asasinados dende a sinatura dos acordos de paz en novembro de 2016, segundo a Agencia de Reicorporación y la Normalización (ARN), e confirmar que un dos perigos da sinatura da paz era a aniquilación dos guerrilleiros, paseniñamente, tal como sinalara noutro artigo.

O triste destino dos pacificados ex guerrilleiros das Farc-Ep vese sinalado polos seus tristemente antecesores na pacificación do M19, asasinados de vagariño polo Estado colombiano, entres eles o seu carismático líder Carlos Pizarro,  dos que hoxe a penas queda só a actividade política do sobrevivente a un atentado, no que perdeu unha perna e parte da lingua, Antonio Navarro Wolff.


En menos da metade destes asasinatos as autoridades colombianas actuaron, é dicir, investigaron ou atoparon algún culpábel.

O balanzo final deste «proceso de paz» colombiano é un espello no que recoñecerse por parte dalgún inxuriado goberno caribeño, como o venezolano, ao cal se lle ofrecen infinidade de «alternativas» e «saídas» para abandonar «pacificamente» o poder que posúe polas urnas. Innumerábeis «garantías» que co paso do tempo serán diluídas no vórtice dunha dereita rancorosa e vingativa que xa no golpe de abril de 2012 amosou da madeira do que está feita.

O acordo de paz entre as Farc-Ep e o goberno colombiano sáldase cunha sangría de ex combatentes guerrilleiros, «guerra avisada» que, como todas as guerras, si mata soldados. Malia este resultado previsíbel, as Farc-Ep demostraron o seu compromiso, antes e despois do acordo, coa paz.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña