11:01 Domingo, 19 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-04-2019

Como herdo o seu exemplo, a súa obra, as súas leccións, as de afianzar raiceiras, as que endexamais prescriben

Antonio Fraguas tendeu pontes que viñan de Castelao a nós

Valorar (13)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Dende as perspectivas do tempo engrandécense a vida e a obra de quen trazou esperanzas alboreiras pra Galiza, logo perseguidas e frustradas por unha guerra, os silencios, a convivencia cos que resistiron e, non había outra, mesmo cos que apoiaron a ditadura. Sobrevivir coa dignidade do deber cumprido, de servir á Terra. Pois Velaquí a síntese vital dun home bo e xeneroso, deses que cantamos no Himno Galego, dos que non dan a esquecemento da inxuria, que fan memoria de Nós, apagando o  rancor tamén. Don Antonio Fraguas sentíase e sentiámolo co dereito e o deber de transmitir unha vella lección que non prescribe, a aprendida, a recolleita no Seminario de Estudos Galegos, a de afondar as raiceiras na Terra. Profesor, sempre dende a banda da humildade e do bando dos perdedores, con alicerces na aldea, dos que deu cumprimento e fin a vellas arelas galegas; velaí pois a súa obra, os seus discípulos, o Museo do Pobo Galego.

Ao albeiro das novas biografía parecidas por mor da celebración do “Día das Letras Galegas 2019” dedicada a don Antonio Fraguas e para esta breve introdución, non temos outra que facer memoria, mesmo furar con fiabilidade no que vivimos, no que nos contaron e leemos, escritas pola man dos que con el conviviron inquedanzas, como Filgueira Valverde ou aínda os máis novos que o seguiron dende o Museo do Pobo Galego, como o historiador da cultura Clodio González Pérez  quen abriu páxinas  ao valioso estudo biográfico de don Antonio Fraguas, feita mesmo en vida do biografiado e cos testemuños directos e peneirados deste (Ir indo – 1998) Imprescindible documento pra  seguir a afondar na obra dunha vida entregada a estudar e dar a coñecer Galiza.   Don Antonio  reunía as esencias dos vellos patrucios e patriarcas, de conversa pousada, reflexiva, sempre buscando o punto asertivo, iso si , de  lembranzas moi vivas. De canto facía tentaba deixar  humilde lección, sendo a súa propia vida un intenso resumo da mesma historia contemporánea de Galiza: ires e vires, encontros e decepcións arredor dunha guerra fratricida, sobrevivindo nunha ditadura, nunha Galiza castrada e silenciada. Onde don Antonio estaba, cuberto, “encunchado” coa boina, pucha que é tradición dos seus devanceiros arxinas canteiros, a faciana como un mapa topográfico de aventuras e desventuras, de ollada aberta ao porvir, pousón,  apoiado no seu caxato patriarcal centraba o parladoiro, sabendo tamén escoitar. Todo o que se agradeceu, aínda de xeito serodio, como un homenaxe a aqueles seus que non puideron chegar ata nós.

Vida que nace do pobo para o pobo, como labrada na mesma pedra gra galega, a dos auténticos xornaleiros “arxinas” ou “barrocos”, eses canteiros que recorreron Galiza facendo sólidas construcións. Gabándose desas as súas orixes e do seu bo facer á vista en casas, cruceiros, fontes ou panteóns. Orixes dun sabio propio para unha Terra e un Tempo, no que despois de ilusións feitas cinzas coa guerra e da escuridade da ditadura , había que seguir, retomar camiños mais doutro xeito, entre as censuras, con moito aínda por  aprender e transmitir: profesor, xeógrafo, historiador, etnógrafo e sobre todo home galego de ben, que sementou ben aínda con quen non quería entender a súa voz, a mensaxe herdada de Murguía, Rosalía, Risco, Castelao...

A Pontevedra de Lousada, Castelao...a que marca unha estrela na fronte...

Don Antonio Fraguas Rodriguez  naceu coa estrela do ben acaecido día dos Santos Inocentes do ano  1905, xornadas despois de que o seu pai, Manuel Fraguas Rodriguez  deixara a súa nai Tereixa Fraguas  pra embarcar rumbo ao Brasil a traballar de picapedreiro nas vías do tren de Río de Xaneiro.  Naceu nunha sinxela pero sólida casa tradicional da parroquia de Santiago de Loureiro, nas terras de Cotobade  as que do río  Lerez  e Almofrei van subindo á serra do Suido, vellos camiños de arrieiro, sabidos e tripados polas guerrillas nas loitas contra os franceses . Os seus primeiros estudos serán na escola publica. Cando tiña oito anos retorna o seu pai dunhas américas que servirán tema de conversas a redor do  lume da lareira. No 1918 volve baterlle nos miolos ao pai a idea de irse coa familia pra  Niteroi, no Brasil, seguindo o ronsel de moitos dos seus paisanos canteiros e pro que, antes, decide mandar ao seu fillo a Vigo a aprender o oficio de maquinista de tren con futuro nas américas...pero o neno non estaba polo labor. O mestre convencerao de  que debe seguir na máis proveitosa escola de pago de Famelga...anos, de xentes, raparigos e mestres que don Antonio Fraguas gustaba lembrar, xa que dos consellos daquel mestre dependeu quedar en Galiza e o seu futuro, facéndolle ver  aos país que, denantes de se ir pro Brasil, o mociño debería  rematar o bacharelato e si acaso recomendándolle estudar unha carreira, a de mestre....e así trocouse o rumbo paterno. No 1919 ingresa por libre no Instituto Xeral Técnico de Pontevedra, pasando pouco despois a ser alumno oficial e vivir de pousada nesta cidade, rebuldeira entón en canto significaba a cultura. E velaí os inesquecibles profesores que animaron as súas pescudas, especialmente o amor pola xeografía, pola Terra como  Ramón Sobrino Buhigas, no debuxo Castelao e sobre todo quen máis o engaiolou e así o declaraba foi o filósofo e membro das Irmandades da Fala, motor de inquedanzas galeguistas, tradicionalista, católico tamén, don  Antón Lousada Dieguez. Antonio Fraguas, a un tempo participa en actividades arredor da lingua e da arqueoloxía, crea novos e o que logo serán influentes compañeiros con  ansias semellantes, entre eles o seu inseparable e perdurable Sebastián González García-Paz, Filgueira Valverde, de la Sota, Chamoso Lamas, Xosé Sesto .... Son anos de moitas iniciativas culturais e políticas arredor do galeguismo na “Boa Vila”, acrecentadas no devalar dos anos 24 ao 30 baixo a presidencia da Deputación de Pontevedra de Daniel de la Sota : mostras de arte, música, teatro, mitins, bolsas de estudo...

O galáctico universo compostelán, paso polo  parladoiro “Celtista” de Camilo Díaz Baliño

No 1924 pasa a Compostela a estudar Filosofía e Letras, vivindo na mesma pétrea cerna  histórica, a carón do mosteiro de Antealtares. Entre os seus profesores lembrou sempre aos que acrecentaron as súas paixóns pola Terra, Armando Cotarelo Valledor, Salvador Parga Pondal, Luis Pericot... aínda que  aquela era unha universidade na que Galiza estaba asuente, en  contraste co nacente ambiente en parladoiros e reboticas das Irmandades da Fala, onde o escenógrafo Camilo Díaz Baliño era un atractivo referente pras inquedanzas do inquedo mozo Fraguas. Ambiente que no 1923 xa dera orixe ao Seminario de Estudos Galegos e ás súas xeiras de pescuda... o motor eran as ideas de Castelao, de Cuevillas, de Otero Pedrayo, de Risco, de Bouza Brey, entre as dos entón máis novos como Isidro Parga Pondal ou Carballo Calero...

No 1926 cumpre o Servicio Militar na mesma Compostela, liberándose por pouco de ir destinado ás colonias de África, ambiente cuarteleiro onde coincide co escultor Uxío Souto pra  compartir inquedanzas sobre o pasado céltico e sumarse ás Irmandades da Fala, así como  no Seminario de Estudos Galegos,  tarefas ás que se suma, coincidindo e afianzando a irmandade cos seus vellos coñecidos compañeiros de Pontevedra, Filgueira Valverde ou Chamoso Lamas... onde colabora en temas de Xeografía guiado por Otero Pedrayo, así como nos de Etnografía baixo a dirección de Risco e de Bouza Brey. No 1928 licenciase en Filosofía e Letras, opositando a auxiliar de Xeografía e Historia na facultade compostelá que ocupará ata 1933. Sen esquecer a súa terra natal son anos nos que o aporte de Fraguas aos estudos do seu Cotobade serán inmensos e aínda por redescubrir hoxe. Así publicará en Nós (1930) “ O Entroido nas terras do Sul de Cotobade”. Baixo as directrices de Cuevillas participa na catalogación arqueolóxica das terras do Saviñao, Lalín, Melide A Estrada... Afonda e fai a historia da Universidade Compostelán e dende entón non deixa de aportar os seus artigos  en“ A Nos Terra”, nos “Cuadernos” do S.E.G ou  no 1932 colaboracións en Radio Galega, ano no que casa en Valga con Tereixa Martinez Magariños.

Unha guerra, o asasinato dos amigos, as purgas, o medo...os encunchados

No 1933 fai oposicións como Catedrático do Instituto Elemental da Estrada, coincidindo novamente co escultor Uxío Souto  e con Bouza Brei que alí exercía como Xuíz...  Mesmo participa en mitins con Castelao en favor do Partido Galeguista e do Estatuto de Galiza e presentarase como candidato á alcaldía da Estrada. Iniciada a guerra, viviu o asasinato de moitos dos seus amigos e compañeiros... vixiado, pensou a que tamén irían a por el, foi suspendido de emprego e soldo, mesmo publicouse a súa busca e foi tamén axudado por amigos...asuntos moi gardados e silenciados por il.

Moitos daqueles traballos, dos resultados das xeiras de pescuda, así como do material arqueolóxico, etnográfico ou artístico reunido  polo Seminario de Estudos Galegos para un futuro museo serán espoliados na Guerra Civil. Por iniciativa de varios membros do mesmo seminario en resignada conivencia co franquismo,  como  o coengo Xesús Carro, Chamoso Lamas, Filgueira Valverde... no ano do 1943 o  que queda do antigo Seminario, como o que se salvou na biblioteca da Universidade, pasa depender do Consejo Superior de Investigaciones Científica, onde sigue aínda sigue, baixo o nome de  “Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento”...pasando as súas instalacións á Casa da Balconada, logo a San Xerome... Naqueles espazos, aos que se lle devolveu certo “genius galaicus” decorativo,  expedientado, desposuído da súa cátedra de instituto, fichado pola ditadura, don Antonio  aínda foi capaz  de avivar novas inquedanzas e esperanzas, catalogou os libros devoltos pola Universidade, parolaba cos amigos e cos máis novos.

Non se moveu de Compostela, algúns amigos seguiron a axudarlle, fixéronlle encargos na universidade,  deu clases particulares até montar unha academia privada xunto co crego Ramón Dávila García co nome  de “Menéndez Pelayo”. No 1950 doutorase na universidade de Madrid co tema da Historia do Colexio de Fonseca, capital e ano no que  oposita novamente deica conseguir praza de catedrático no Instituto de Lugo. Cidade na que participa nos parladoiros do Café Méndez Nuñez, conversas centradas polo médico poeta Luis Pimentel, ente  Fole,  Rof Codina... encontros mesmo aos que acoden os máis novos, como os poetas Manuel María ou Novoneyra...  Cidade e entorno que investiga e da que fai unha guía, volvendo a ser colaborador en revistas e xornais. Son anos os de Lugo de grande actividade  de publicacións arredor da xeografía, da arqueoloxía ou doutros temas como  como “Impresión del viaxe de los Reyes Católicos a Galicia”,  “Notas sobre el fuego en Galicia”,  “Aportación al estudio folclórico de castaño, la castaña y el magosto”,  “El funeral de Carlos II en la Catedral de Lugo”... Cidade onde creu alumnos que non o esqueceran no futuro,  ata que en 1959 e por concurso retorna a Compostela, ao Instituto Rosalía de Castro onde permanece ata a súa xubilación no 1975. Segue cos seus traballos que abren a máis amplas pescudas, arredor de vellas teimas, vivencias, sobre tradicións e costumes: “La Virgen en el cancionero popular gallego”,  “Aportación al estudio del Teatro popular  en Galicia”,  Algunos dichos y creencias a cerca de algunos animales”, “Influencias de la emigración al Brasil en tierras de Galicia”,  “Emplazamiento de ferias en Galicia a finales del siglo XVIII”,  “Emoción y recuerdos de la Ribeira Sacra”, “Algunos seres fantásticos de nuestra tierra”, “La puerta Santa de la Catedral de Santiago”, “Galicia insólita, tradiciones gallegas (1973), “La condesa de Pardo Bazán y el folklore”, “Preocupación polo tempo e os astros na creencia popular”, “Castelao en Cotobade”,  “Literatura popular en torno al casamiento, embarazo y parto” “Algunas creencias sobre el mar”,  “La Sociedad de Amigos del Arte en Santiago de Compostela”, “Apuntes para la historia de Murguía”...

Alí por onde pasou o profesor de Historia don Antonio Fraguas sementou sensibilidade e amor á Terra entre os seus alumnos, algo que lle agradecerán ao cabo dos anos. Nada pediu, nada debeu velaí pois  tamén o prezo da súa coutada liberdade, a de encunchando en silencios, sen esquecer as súas orixes,  baixo a pucha negra de canteiro....moi dentro dos seus segredos os nomes de verdugos, os episodios tristes, as negacións que sufriron aqueles os seus, os que entre eles formaron case unha xentilidade castrexa e se chamaban “irmáns”

Endexamais esqueceu as terras de Maside, a aldea de Listanco, presidida do seu pazo, á vista da Trasalba de Otero Pedrayo, onde de mozo pasou tempadas acompañando ao seu pai canteiro, onde non deixou de tomar notas de tradicións e costumes . A onde sempre volveu, sen faltar coa súa señora á cita anual de cumprir co ritual dos baños nos balneario de Partovia e do Carballiño, a poñer un ramallo de flores nos sartegos de Moldes, terra, casa e sepultura do seu mentor Lousada Dieguez, do seu colega Chamoso Lamas.

No 1951 é elixido numerario da Real Academia Galega, ocupa a cadeira que fora de Castelao, o seu discurso é sobre os cantares populares, esa interacción paisaxe-paisanaxe, o panteísmo, acollido baixo o título de  “Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán” e ao que lle responde a grandilocuencia barroca e emocionada de don Ramón Otero Pedrayo,  gabando a historia, a lealdade á Terra do seu vello amigo e discípulo.

Fraguas nunca perdeu a idea e fins  do Seminario de Estudos Galegos, a de velar polo idioma, de construír un dicionario, de recoller e documentar tradicións, artefactos, de ir formando museos etnográficos, memoria de nós. Mesmo as súas pescudas tratan de  abrir camiños prioritarios aos vindeiros. En mente sempre estará a súa terra de Cotobade, o entroido e as festas populares, os romances, os  fiadeiros, o traxe galego, os acibeches... temas que tanta historia da cultura encerran e nas que radica a orixinalidade, a identidade galega.

... Cumprido fin terán: o nacemento e a consolidación do Museo do Pobo Galego

E velaí que o que está de ser chega a ser realidade, sen ser unha iniciativa de gobernos que miran pra outras virtualidades: no 31 de xullo de 1976  por iniciativa do Colexio de Arquitectos de Galicia, mozos seguidores das teimas de Fraguas, de Bouza Brey, das ansias de Risco e de tantos outros, baixo a presidencia de Xaquín Lorenzo, constitúen o Padroado do  Museo do Pobo Galego, acordando que o seu director sexa Antonio Fraguas, pra inaugurarse no emblemático mosteiro compostelán de Bonaval , será o 29 de outubro do 1977. Iniciativa que ven de vello, que estaba en mente e na sementeira, a que presupón un traballo de adecuación do edificio histórico, a formación das coleccións, a documentación, o estudo e divulgación das mesmas, contribuíndo así tamén á maduración da ciencia da museoloxía en Galicia.

Ábrense novas perspectivas pro que era xa un patriarca da cultura galega, don Antonio non deixa de acudir ao Museo do Pobo Galego,  a  servir de guieiro, a traballar nas vellas teimas e velaí: “El Santuario da Peregrina en Compostela”, “A pena cadeira e dúas penas máis”, “O Traxe popular galego”,  “Biografía de Iglesias Alvariño”,Romarías e Santuarios”....

No 1984 don Antonio Fraguas recibira a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego, institución da que despois do pasamento de Xocas no 1989, será nomeado  Presidente do Padroado e  Director do mesmo. Dende o 1983 é membro  sobranceiro do Consello da Cultura Galega, como de varias academias, mesmo da de Arqueólogos portugueses, país co que sempre mantivo fortes  e o que entendía necesarios vencellos. No 1984 a Xunta de Galicia outórgalle a Medalla Castelao, no 1985 a Fundación Otero Pedrayo  dalle o Premio Trasalba; no 1988  recibe a Medalla de ouro de Compostela... no 1992 a Xunta de Galicia noméao Cronista Oficial de Galicia, ano no que tamén recibe das catro deputacións galegas o Premio Otero Pedrayo

Para o obradoiro dos canteiros do Museo do Pobo Galego, como si fora a súa mesma casa, doou a ferramenta de canteiro arxina que fora do seu  pai. No 1994 fai entrega da súa biblioteca, feita dende neno....

No 1998 a Deputación provincial da Coruña crea o Certame Antonio Fraguas de Artesanía Galega, actividade presidida por don Antonio na que se poñía de relevo as tradicións artesanais de Galicia e as novas artesanías... Así, ao fin e ao cabo, despois dun exemplar camiño andado en difíciles circunstancias, Galiza cumpriu como se debe con quen levaba na fronte unha estrela e no bico un cantar.

0 5 de novembro de 1999, celebrado tempo de santos, defuntos e magostos, don Antonio é chamado a pasar as barreiras do Trasmundo que diría Laxeiro, a ser luz na Compaña da Alba de Gloria, é enterrado no cemiterio compostelán Boisaca, a carón da campa do romántico poeta precursor Aguirre, de Valle Inclán, onde logo tamén o será o seu amigo Isaac Díaz Pardo.. Como herdo o seu exemplo, a súa obra, as súas leccións, as  de afianzar raiceiras, as que endexamais prescriben, a Fundación Antonio Fraguas, creada no  seo do Museo do Pobo Galego ten como fin os seus obxectivos que son os do mesmo museo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña