21:03 Venres, 20 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2019

PACIÑOS, procedería pois, duns CURROS PALATINEOS, feitos de paus, ao estilo dos RODEOS que vemos nos filmes do Oeste americano.

SERÁN, TODOS OS “PAZOS”, PALÁCIOS?

Valorar (9)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Na parroquia de Veiga, ao pé do Carballiño, temos un lugar chamado de, O PAZO, onde non existe casa grande ningunha, nin se ten memoria dela.

Na veciña parroquia de MUDELOS, existe outro lugar chamado de, PACIÑOS onde non temos casa fidalga ningunha, e ninguén lembra que tal cousa teña existido nunca por alí.

É curioso que, na miña infancia, os rapaces do lugar dicían, PÁCIÑOS,con un –A-  ben aberto, ou sexa: PAACIÑOS, e non PÂCIÑOS, como se pronuncia hoxe, auto-asumindo que o chamadeiro antigo ( que era o certo), fose un xeito incorrecto de falar.

Esta anomalía, levoume a pensar que, se cadra, nin todos os lugares chamados de, PAZO, debían o seu nome a una antiga casa fidalga.

Reparei nalgúns casos mais co mesmo nome, e certifiquei,  que non respondían á existencia dunha casa grande na contorna.

De onde procederá, por tanto, o nome deses PAZOS, que tanto inzan pola nosa Terra?

Navegando polo internet,demos cun artigo de Isabel Broullón, investigadora que , armada dunha envexábel erudición, prantexaba a mesma dúbida de que, moitos lugares chamados de, PAZO, non deberían o seu nome a una suposta casa solarega, e por tanto a súa orixe podería retrotraerse  a un antigo pre-latino relacionado mais ben con, redís, curros ou apriscos de pastores.

Esta opinión encaixaría moi ben co PAZO da parroquia de Veiga, onde o único que hai é una pequena construción, con cortes, adicadas á explotación gandeira; se cadra, lembranza daquela orixinaria que lle deu o nome.

Houbo un tempo en que pensei que, sen saír do seu sentido pastoril, podería deberse, os tais nomes, de PAZO e de PAACIÑOS, ao feito de, seren lugares de pasto, e por tanto, onde os animais  PACÍAN….

Claro que tal teoría entraba en contradición coa pronuncia orixinal de, PAACIÑOS, que parece estar denunciando a antiga existencia dunha consonante intervocálica, hoxe perdida.

Agora, estamos na crenza, de que o sentido destes nomes é de inconfundíbel orixe pastoril, como sospeitaba a investigadora compostelá; pero ousamos soster que a súa orixe  débese ás construcións gandeiras algo provisorias, e por tanto feitas de PAUS.

PALAZÓN, é o nome que dan en Castela a un refuxio de pastores , construído de paus. En galego sería un PAAZÓN; un PALENQUE é una estacada para rodear un campo.

Un palatio, en latín era o feito de espetar estacas na terra, para logo construír encol delas, e así PALATUS,é “soster con postes”.

A etimoloxía do nome sería pois un derivado do PALUS latino, e non teríamos necesidade de remontarnos a idiomas mais atrás.

Por tanto o noso PAZO, procedería dun PALATIO, non no sentido de casa señorial, senón de curral rodeado por paus.

Unha chea de palabras latinas como: palaria, palatus, palatio, palaris,… fan referencia a empalizadas e postes.

PACIÑOS, procedería pois, duns CURROS PALATINEOS, feitos de paus, ao estilo dos RODEOS que vemos nos filmes do Oeste americano.

Igual teoría valerá para os infinitos PÁCIOS, que abondan na Galiza oriental.

O mesmo debe ocorrer en PAZOS DE BORVEN, onde, seica non hai pazo señorial ningún.

Claro que hai outros lugares lucindo o nome de PAZOS, onde hai unhas casas grandes que acreditan, sen dúbida, o seu chamadeiro; pensemos en, PAZOS DE ARENTEIRO, coas súas fidalgas construcións, para control da riqueza viñateira do RIBEIRO. Non obstante, aínda nos fica a dúbida de, dado que ,”as palabras crean realidades”,  puido ter acontecido que os pazos da fidalguía, se construísen en lugares que xa se chamaban de PAZOS, con anterioridade, e por motivos pastorís.

Pensemos que na súa orixe, o MONTE PALATINO, ao pé de Roma, onde os césares armaban os seus PALÁCIOS, foi un monte habitado por pastores que moraban nos  seus chouzos , ou PALATIUS, feitos de paus.

Así, o nome das modestas pallozas dos pastores deu nome ao monte, e de aí, ao construíren os césares no lugar, as súas fastuosas vivendas, estas, foron chamadas co nome do monte, e pasaron a ser os PALATIUS de onde saíron os nosos señoriais PAZOS.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña