09:08 Mércores, 24 de Xullo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-04-2019

o artigo é un prodixio de amor á Galiza decantado a aquela altura da vida do poeta nunha clara conciencia da necesidade da política especificamente galega

Unha ollada aos nosos clásicos

Valorar (32)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Por estas mesmas datas en que andamos, Curros Enríquez  -emigrado-exiliado en Cuba-  publica, en La Patria Gallega, o 14 de Abril de 1895, o artigo titulado “El símbolo”. Eis o seu comezo: Conmemora estos días la Iglesia Católica con fórmulas y simulacros de su liturgia, uno de los sacrificios más grandes de que hay memoria en los anales de la Humanidad. Pergúntase o escritor que fixo Xesús para merecer a morte e respóndese que amar a súa patria, querer abrogar a lei vella para instaurar a lei nova, sancionando así la doctrina del humano progreso. Debúxao Curros como adiantado aos tempos no combate dos privilexios, na proclamación da unidade esencial das razas, na predicación do amor dos humanos como irmáns, na loita contra os poderosos e os soberbos. O artigo todo é unha boa mostra da reivindicación do autor do cristianismo primixenio, do cristianismo evanxélico, deturpado e prostituído pola Igrexa oficial: Tal es Jesús a la luz de la Historia: el mártir del amor a su patria, que resulta mártir de la causa de la Humanidad por el interés que esta puso en acogerse a las promesas de una redención que Aquel iba a sellar con su propia sangre.

Ora, o que chama a atención de artigo tal é o aproveitamento directamente político-patriótico que o autor realiza desta evocación histórica e do fundador desta relixión para metaforizar con ela e con el a situación da Galiza a aquela altura. Xesús  -di-  non se valeu para estabelecer a súa doutrina doutro instrumento máis que o da palabra. E esta palabra vehiculouse non en hebreo senón no idioma popular, en arameo. Os que daquela  -1895-  condenaban o cultivo das linguas non oficiais, dos “dialectos”, deberan reparar neste feito para se convenceren de que no es preciso apelar a las lenguas oficiales impuestas, ni al idioma de los sabios, para producir obras trascendentales. Na mesma liña argumental de actualización da horrenda tragedia que conmemora la Iglesia, Curros proclama como o Calvario continúa, como a infamia do decreto imperial que o condenou a morte se repite nas sociedades modernas, mais los Cristos de ahora no son hombres: son pueblos. Lo que ayer hacía Roma con Jesús, hoy lo hace Madrid con Galicia. Idea que serve con reveladores exemplos. A Galiza clama contra a servidume imposta e non é ouvida. Como Xesús, quer expulsar do templo os caciques e os comerciantes da súa dignidade e é acusada de sediciosa. A ninguén conmove a súa miseria. Pede xustiza ao Estado e é acusada de inimiga das institucións. Como a Xesús, á Galiza é vendida polos seus proprios fillos e ten que calar. Conducida perante os xuíces, condénana sen lle concederen o dereito de defensa. É despoxada do seu como Xesús o foi da súa túnica. Como o Nazareno foi bulrado e coroado de espiñas, a Galiza é coroada de oprobio. Galiza, en fin, agoniza, vertendo a cachón o seu sangue pola ferida que abre no seu peito a emigración e, como o crucificado invocaba o seu Pai en van, a Galiza invoca os seus fillos, que asisten impasíbeis á súa morte. A resurreición, en fin, é a única esperanza para o corazón dolorido do escritor: élle preciso crer na divindade do Xesús resucitado porque, se tal non tivese acontecido, a nosa patria tamén non o faría.

Realmente, o artigo é un prodixio de amor á Galiza decantado a aquela altura da vida do poeta nunha clara conciencia da necesidade da política especificamente galega e, por aquí, na súa adhesión á doutrina e á loita de Murguía e de Brañas, isto é, á defensa da auto-organización galega. Tal evolución do escritor foi analisada, de xeito tan intelixente como pioneiro, por Francisco Rodríguez (A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez, 1ª ed., 1972; 2ª, 1995). Do Curros republicano progresista, demócrata radical, unitarista e universalista, ao Curros vinculado ao rexionalismo galego que tentaba abrirse paso autonomamente na mesta faramalla de españolismo e corrupción da política da Restauración, histerizada á altura pola inminente perda da xoia da coroa colonial, Cuba. O “heroico león español” cede a titularidade da illa ao Imperio emerxente, os Estados Unidos de Norteamérica. A Galiza, carne de cañón e carne de emigración. Ten algo a ver esta imaxe de Curros co esquema plano de anticlerical furibundo que del se pintou como eco da iconoclastia española? Como é que o “revolucionario” escritor se declare seguidor incondicional do “conservador” Brañas? Si, o escritor transita na súa vida desde a “relixión do Progreso” (Carvalho Calero) ao patriotismo galego, auténtico revulsivo (non outro) da política imperante na Galiza, servil e reforzadora da dependencia. Eis o grande ponto de encontro, que cancela as resesas categorías (conservadores / progresistas) de herdanza española-europea (como se Brañas non se preocupase por estabelecer detalladamente competencias irrenunciábeis dun futuro goberno galego).

Segundo exemplo. O 1º de Maio de 1906 (o escritor está a piques de facer setenta e tres anos), Murguía diríxese así aos manifestantes de tal data (La Voz de Galicia, na data indicada):

Vuestra fiesta de 1º de mayo es también otro hermoso símbolo, pues la señalasteis como un día de resurrección, y de aquella vida nueva de que están llenos el aire y los ciclos primaverales. Es pues vuestra primavera de redimidos, la que saludáis; es vuestra libertad de trabajadores, la que consagráis; es para vosotros, en fin, la seguridad que tenéis de mejores días, a los cuales coronáis ya hoy con las nuevas rosas y bautizáis con el agua santa y pura de la solidaridad, que es al presente vuestra defensa y sellará mañana vuestro triunfo.

Velaquí a vontade e a aspiración do “vello” e “conservador” Murguía que aínda había viver case dezasete anos máis e que saúda, como se ve, a dignidade do traballo con esperanza e alborozo. Ambos, Murguía e Curros, escreben baixo o peso da censura, que impediu e clausurou numerosas publicacións no período en que eles viveron. A retórica de que usan é claramente epocal e, non por casualidade, inspirada no arsenal cristolóxico e do cristianismo orixinal. Lóxico, a todos os efeitos do tempo, da formación recebida e do caudal de suxestións directamente políticas que permitía.

Ula, a “tradición”? Ula, a “modernidade”? Desde experiencias e batallas ideolóxicas moi diferentes, con vidas nada acomodadas por seren leais ao seu ideal, ambos, se ben os lermos, levarannos da man a unha desclasificación urxente e necesaria da historia da Galiza. Deles descende, nunha liña visíbel, o terceiro nome que aparece neste artigo. Francisco Rodríguez levou a voz, o voto e o veto do povo galego ao Congreso dos Deputados durante doce anos. El e os seus compañeiros e compañeiras nesta Cámara deron fe do valioso e eficaz que resulta para a nosa sociedade ter portavoces e espellos políticos que a representen. Por que o lembro? Porque estou farta da amnesia en que nos compracemos, da ignorancia culposa do que fomos e somos. Só coñecéndomos a nosa historia, seremos quen de proseguila con independencia de criterio, sen mimetismos nen seguidismos de pautas exteriores e superiores a nós mesmos. Si, coñecer a historia non é petrificala, nen reverenciala nen imitala. É servírmonos dela para mellor edificar as alternativas do presente. No XIX e comezos do XX, os dous clásicos que citei foron fillos do seu tempo, non arqueólogos dun tempo ido. O seu labor foi auroral. O noso xa ten sólidos antecedentes. Sirvámonos desta avantaxe, na intelixencia de que aínda é longo o camiño que nos resta por percorrer, mais na idea de que non nacemos onte nen temos que pedir perdón polo que somos.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña