12:33 Sabado, 23 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-03-2019

As dificultades máis insospeitadas e as máis dolorosas situacións de acoso por razón de lingua tamén teñen lugar en ambientes formalmente galeguizados

Dani non pode falar galego. Historias certas e aparencias falsas

Valorar (26)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Daniel existe e é un rapaz vilego que vai en primeiro de ESO. Hoxe ten como tarefa participar nun programa de radio que el e as súas compañeiras fan en galego nun instituto onde o alumnado utiliza o español na súa práctica totalidade. Soño, chámase a actividade do día. Nela, os rapaces e as rapazas deben expresar con poucas palabras precisamente iso, cales son os soños que ocupan as súas mentes, que é un xeito de dicir como é o mundo que lles gustaría ocupar nesa vida completa que os agarda.

Co fondo musical do Canon de Pachelbel, as rapazas van esmiuzando diante do micro os seus anseios, que pronto se confunden entre as notas sonoras e forman con elas un todo indistinto: arelas de felicidade persoal, de igualdade entre os xéneros, de liberdade de seren o que desexaren e de amaren a quen quixeren. Todo soa ben, harmónico, bonito. Agora tócalle a Dani, que xa achega a súa boca ao micro. “Eu soño con falar en galego con todo o mundo pero non podo”. O encanto rómpese de súpeto. Algo non funciona ben nos ouvidos. Non podo? Dani é, como todo o mundo no seu medio escolar, un deses rapaces castelanfalantes a tempo completo, salvo nas clases de galego e, digamos, na función teatral do Día das Letras. E non pode falar en galego aínda que o soñe.

Reparemos de novo. Dani non dixo porque non sei, pois sabe falar un galego correcto e fluído. Dani non dixo porque non me entenden, pois toda a vila, incluídos os seus compañeiros, entenden un idioma no que cursan (ou deberían cursar, que nunca se sabe) varias materias escolares. Ningún obstáculo físico ou legal impide a Dani pórse a falar en galego desde xa mesmo. Mais Dani non pode falar en galego. Como un analista clínico que descobre algo inquietante nunha soa pinga de sangue, o observador avezado debe esculcar nas expresións máis inocuas e usuais para desvelar males de envergadura.

Paramos o tempo e ampliamos o foco da fotografía. Dani está xunto ás súas compañeiras e compañeiros nunha pequena sala de aulas habilitada como estudio de radio nun instituto da vila. Na sala, chea de cartaces de todo tipo, todo o que se ve está en galego. Se saímos ao corredor observamos que toda a rotulaxe está en galego e todas as mensaxes que colgan das paredes en diferentes formas tamén o están. Todo está en galego, e se baixamos ao vestíbulo veremos como a presenza no edificio doutros idiomas diferentes ao galego é anecdótica. Aínda así, Dani di que non pode falar en galego e lanza coas súas palabras un dardo que dá no centro da diana. 

Entre os moitos cartaces que adornan ese microcosmos do centro educativo, outra supernova salta á vista. Alguén con moi boa intención acaba de pendurar nas paredes un par de mensaxes dirixidas á rapazada: “Atrévete co galego”, escribiu. Atrévete. Non goza co galego, nin proba co galego, nin camiña co galego, presume co galego ou ábrete ao mundo co galego. Dani, pois, ten dúas opcións. A primeira é a de agardar até perder de vista o instituto para falar a lingua que quere. A segunda é iso: atreverse. É dicir, armarse de valor e convencemento e, acto seguido, prepararse para o que lle poida vir cando lle dea rédea solta ao seu idioma. Non será o primeiro en facelo, calquera que sexa a opción que escolla. Uns, no mesmo lugar e na mesma situación, atrevéronse e pasaron as de Caín. Outros nin se atreveron.

Así pois, as aparencias enganan. As dificultades máis insospeitadas e as máis dolorosas situacións de acoso por razón de lingua tamén teñen lugar en ambientes formalmente galeguizados. Existen realidades virtuais ao alcance da nosa man que moitos se negan a recoñecer como tais. Existen en torno do idioma hipocrisías normalizadas e ignorancias finxidas. Falemos claro: todas e todos sabemos que escoller o galego como lingua normal é un atrevemento que custa caro, sobre todo para unha ou un adolescente. Incluso cando todo o que o arrodea no seu centro de ensino está en galego, incluso cando o centro de ensino é teoricamente un espazo de liberdade onde se fomenta o uso dese idioma.   
 
As tribulacións de Dani, como antes as de Uxío, Amaro, Ánxela ou Helena (ver artigos anteriores), non soen aparecer nas estatísticas e moito menos no discurso desa entelequia que dan en chamar “bilingüismo amable”.  Dani berra que non pode facer do galego a súa lingua normal despois de que as palabras normalización lingüística foran, disque por obsoletas, varridas da linguaxe oficial do sistema educativo. Vaian -ou vaiamos- tomando nota das arelas de Dani, dos pesares, das derrotas e das vitorias de Ánxela, Helena, Uxío ou Amaro, por se algún día se pode facer neste País unha política lingüística que mereza tal nome, libre de aparencias e preventiva da impostura.




[19-03-2019 00:55] Gaudemus comentou:

O galego está morto no ensino. Só a inmersión lingüística en galego podería mudar a situación pero todo indica que iso non vai pasar (xunta, pp, psoe, pais...). O futuro pinta negro.

[16-03-2019 15:37] Antón Méndez Gándara comentou:

Somos un país esquizofrénico e non hai pra onde lle dar. Imos cara ao abismo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña