18:06 Domingo, 26 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-03-2019

o nacionalismo agnóstico casa ben co lírico, porque considera que o ser humano debe ser libre en todas as ordes, sen ataduras de ningún tipo, nin sequera legais. Proclama o dereito a decidir, a auto determinación

Escoller entre o nacionalismo lírico e o nacionalismo pragmático

Valorar (7)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Se partimos do feito de que todos os partidos políticos son nacionalistas, aínda que algúns so consideren como tal aos que eles chaman "nacionalismos periféricos", e xa con  eleccións ás portas, o elector ten que decidir por cal deles debe votar. Ao meu ver hai dúas clases de nacionalismo: o lírico ou romántico e o pragmático. E dentro destes dous grupos aínda os podíamos subdividir en outros dous: os agnósticos, de esquerdas, e os de tradición católica, de dereitas. O primeiro é axeitado para os intelectuais, para os poetas que soñan, que enxalzan nos seus poemas as grandezas patrias, os mitos, que compoñen fermosas letras para o himno nacional, con auto estima, que ven o seu país como o mellor do mundo e como unha nación capaz de competir con calquera outra. .

É o nacionalismo dos soñadores, como o foron aqueles que se xuntaron en Lugo na I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala o 17 e 18 de novembro de 1918, que recolleron en letra impresa as súas aspiracións que, pasado o tempo, e moitos episodios de mal recordo,  algunha delas son hoxe realidade por estar no Estatuto de Autonomía de 1981. Outras, un século despois, aínda seguen a ser aspiracións. Pero certo é que sen a súa iniciativa hoxe nin a Constitución recoñecería ás nacionalidades históricas nin teríamos nun Estado autonómico.  

O nacionalismo lírico
 

Nunha sociedade tradicionalmente católica como a nosa, anque non sexa practicante e os partidos políticos se definan como aconfesionais, o nacionalismo agnóstico casa ben co lírico, porque considera que o ser humano debe ser libre en todas as ordes, sen ataduras de ningún tipo, nin sequera legais. Proclama o dereito a decidir, a auto determinación, e por iso ás veces ten certas dificultades coa forma de entender algunhas tradicións e o que é un sistema democrático rexido por un conxunto de leis que establecen onde están os lindes, o dito doutro xeito, ata onde se pode chegar.

Pero este nacionalismo soe ser minoritario por non ter suficientes seguidores, e polo mesmo ten o inconveniente de que lle é moi difícil acadar o poder, incluso cando ten a oportunidade de conseguilo coaligado, rexéitao para non renunciar a algunha das súas ideas. O resultado desta postura rexida pola súa ética é que sen poder non pode desenvolver ou levar a cabo o seu proxecto político. En Euskadi tivemos os dous exemplos, un irracional e detestable para calquera persoa de ben, e outro pragmático, que, como no actual caso catalán, tamén tivo unha escisión da rama poética.

O 28 de febreiro morreu Xabier Arzalluz, o que fora dirixente do Partido Nacionalista Vasco. Foi xesuíta, e polo mesmo era, ao igual que a maioría da súa militancia, católico. Ninguén pode dubidar de que o PNV e un partido nacionalista da rama pragmática, que basea a súa actuación nun principio que pode ser discutible desde o punto de vista filosófico, pero que é moi rendible desde o punto de vista práctico: "a política e a arte do posible".  

O pragmatismo do nacionalismo español
 

O nacionalismo español é tradicionalista, católico, defensor das tradicións,  dos símbolos, do exército, das grandezas patrias aínda que a maioría sexan lendarias, pero é da rama pragmática. O dogma católico de Deus, trino e un, aplicárono á política despois das eleccións andaluzas. O PP, actualmente escindido en tres partidos, botou man do pragmatismo e conseguiu que ao final os outros dous actuasen en comandita como se fosen só un. O sentido práctico levouno a rematar co mantra das anteriores eleccións municipais e autonómicas, cando  ao perder a maioría pedía con insistencia cansina que gobernase a lista máis votada, e dicir, se era a súa. Xa buscaran agora un argumento para volvelo a repetir despois das eleccións de abril e maio.

O resultado é que, aínda sendo a segunda forza, ten o goberno de Andalucía utilizando o mesmo procedemento que criticaban, "cambiando a vontade da maioría nos despachos", é dicir, fronte á realidade, imponse o pragmatismo, volve ao que é o sistema electoral español, que goberna o que ten máis apoios  nos parlamentos, nos concellos ou nas deputacións. "O que máis chifre, capador". Claro que estes cambios de criterio oportunistas ou de  comenencia, fanlle un fraco favor á política e ao sistema democrático acrecentando o seu  desprestixio.

En Andalucía o nacionalismo español non tivo escrúpulos para se xuntar co fin que move a todos os partidos políticos,  conseguir o poder para  desenvolver as súas políticas e colocar aos seus nos postos de responsabilidade. Como o fin xustifica os medios, evidencia que o nacionalismo español de dereitas é pragmático. Probablemente se a maioría fose de nacionalistas españois de esquerdas o lirismo sería un atranco para poderse entender. Neste último caso tamén sobran exemplos que se podían comentar.  

O pragmatismo do PNV
 

Cando eu era secretario xeral de Coalición Galega, fun convidado polo PNV a facer unha visita a Euskadi de grato recordo, onde fun recibido con todos os honores polos dirixentes do partido, polo lehendakari  José Antonio Ardanza e tamén compartín mesa con Arzalluz nunha rolda de prensa. Ademais de falar do que nos levara alí, que era o deputado que compartíamos no Parlamento Europeo, un xornalista preguntoulle o seu parecer sobre unha manifestación que se ía celebrar o sábado organizada por outro partido político nacionalista. Eu daquela aínda era un pipiolo física e politicamente, con pouco recorrido, como os dirixentes deste momento, e Arzalluz, que era un home que impoñía só co xesto, facéndose o ignorante devolveulle a pregunta:  
- "¿Y qué piden?".  
E o xornalista respondeulle:  
- "La independencia".  
A resposta de Arzalluz foi contundente:  
- "Yo también estoy de acuerdo con ellos, pero antes tenemos que solucionar ..."  
E comezou a relatar os retos que tiñan que enfrontar ante os grandes problemas de tipo social e económico que tiña Euskadi naquel momento, en plena reconversión industrial. Aquí temos un exemplo dun político nacionalista, da rama católica e pragmática.  

O labirinto do nacionalismo catalán
 

A mesma clasificación poderíamos facer do nacionalismo catalán da rama hexemónica, católica e pragmática, que veu ostentando o poder ata hoxe, representado no seu momento por Convergéncia i Unió (CIU), composta pola liberal Convergència Democràtica de Catalunya e a democristiá Unió Democràtica de Catalunya,  desde 1978 ao 2015, con Jordi Pujol como figura emblemática, e que, como o PNV tivo case sempre o poder político no seu territorio e o control da política do Estado cando os partidos nacionalistas españois do PSOE e do PP non tiñan maioría, a cambio de substanciosas concesións de tipo político e económico. Porque en política ninguén da nada a cambio de nada.

CIU foi outro exemplo de nacionalismo católico da rama pragmática. Pero neste caso, a diferencia do vasco que aprendeu a lección despois de fracasar o nacionalismo lírico co Plan Ibarretxe, un sector do nacionalismo catalán pragmático pasouse ao lirismo, deixou o pragmatismo e conseguiu entre outras moitas cousas, facer desaparecer CIU e aumentar os adeptos ata chegar a dous millóns de seguidores.

O resultado xa o vemos, unha sociedade enfrontada e algún dos dirixentes  da rama poética na cadea e procesados, con moitas posibilidades de ter que pasar varios anos na cadea, mentres que os que sobreviven procedentes da rama pragmática están prófugos.

Oriol Junqueras, presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, é tamén dos nacionalistas da rama católica, de rezo diario, dos que, a diferencia de Arzalluz, compre encadrar dentro do nacionalismo da rama lírica, e polo que estamos escoitando nas declaracións no Tribunal Supremo o da República independente fóiselles das mans, vamos, que ían de farol. E agora ¿que vai ser dos dous millóns de poetas enganados? ¿Aprenderemos aquí a lección?  

 

[13-03-2019 18:20] Joám J. Romero Durán comentou:

Considero de interesse esta aportação ao debate sobre nacionalismos. Contudo seria bom complementar com uma análise materialista de fundo para melhor entender esses comportamentos políticos superestruturais. Desde esse focamento, a nação peninsular que mais necessita a sua independencia política é a nossa. Os catalães e vascos, com umas sociedades capitalistas desenvolvidas, podem sobreviver como povos durante décadas ainda sem independência política formal. (Outra cousa é a exploração dos seus respeitivos povos trabalhadores). O povo trabalhador galego e a sua cultura sim que corre grave risco de desaparecer como tal. Galiza, contra o que opinam mesmo alguns autores galeguistas continua a ser um país subdesenvolvido e periférico, com características coloniais (com todos os epítetos que se queiram acrescentar). Mas isso, que é um facto objetivável não se corresponde com o nível de consciencia nacional, precisamente por ese próprio carácter colonial. Como nas clases sociais, uma cousa é a situação -objectiva- de classe e uma outra a posição -subjectiva. Parabens polo artigo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña