12:29 Sabado, 23 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-03-2019

O retroceso do galego e dos nosos dereitos como tais desde que o estirado chegou á Xunta é alarmante e practicamente desapareceu do ensino xa.

Un home arrogante que fala polo nariz...

Valorar (20)

LOIS DIÉGUEZ



...e anda el tan estirado sempre que o día que caia desde esa altura de seguro que fica sen ese longo nariz de mentireiro. Difícil é que se poida facer unha obra colectiva sen amor e el non coñece esta palabra nin o seu significado. Na miña mocidade monfortina cando alguén quería subir de escalafón social o primeiro que facía era mudar de idioma e de acento. O segundo meterse no Casino de Caballeros.  A xente catábaos axiña e chamáballes señoritos. Señoritos é a palabra axeitada hoxe, paréceme a min, para nomear a xente que nunca traballou e viviu do erario público a través de fundacións e outros inventos da dereita españolista, como son os líderes actuais desta dereitona retrógrada e berrona que pasa o día cosendo bandeiras para tirarllas á cara a quen non lle gustan os seus bordados. O mellor xeito de coñecer un político é mirarlle a biografía e ver se algunha vez na súa vida sufriu de paro, de fame, de falta de médico e de cartos, de desespero, en fin. Se a xente fixera isto estaríamos hoxe noutro mundo e o pobo mandaría un pouco máis porque non se equivocaría á hora de elixilos.  

Pois iso, señoritos. O home estirado que fala polo nariz faino para que non se lle note o seu acento galego e se tedes gana de rir e como sempre está chupando pantalla pois fixádevos uns segundos, sobre todo cando anda por Madrid. Ese escuro acento delator... E afeccionouse tanto a ese teatro que agora xa o representa sen corrección algunha que é cando se lle cachan os artificios. Iso afíxoo tamén a buscar o mínimo motivo para prescindir do seu propio idioma e é quen de aproveitar calquera pregunta que lle fan en castelán os mesmos xornalistas para contestar do mesmo xeito. Nas recepcións e actos oficiais realizadas pola institución que representa sempre busca escusas para facer o mesmo, deixando claro con esa práctica que o noso idioma non vale, nin ten prestixio, nin é necesario. Concepción de Vicerrei colonial esperando con fervor o mandado da metrópole, é dicir, do PP.  

O retroceso do galego e dos nosos dereitos como tais desde que o estirado chegou á Xunta é alarmante e practicamente desapareceu do ensino xa. As xeracións de hoxe edúcanse na ignorancia e no desprezo ao seu idioma propio. Pouco antes de chegar el á súa poltrona, é dicir, cando aínda gobernaba o bipartito (como o botamos de menos), entrei nunha tenda de moda na Coruña para mercar un xersei. Atendía un mozo moi moderno el, delgadiño e ghuapo, que axiña se achegou a min para preguntarme o que quería. Un xersei, dixen. E de que o queres?, preguntou. Eu pensei, se lle digo de la non vai entender, así que contestei: de lana. Inmediatamente el sorriu e corrixiu: dirás de la. Desde ese momento díxenme a min mesmo que nunca máis faría unha concesión a este respecto. Pois hoxe xa non ocorre iso porque os mozos e mozas non o estudan ou pasan del, polo tanto contestan en castelán. É un exemplo para volver á idea de que se non se ten amor por algo é imposíbel melloralo. É o herdo do estirado. Nove anos lle levou deixar o sinal máximo de identidade galega ciscado polo chan, e nunca mellor dito.  
 
A última deste home que fala polo nariz é o acordo co antipático do Cazado ese que pasa o día de mal humor e infartando o persoal. O acordo é que no seu programa electoral propoñerán que o galego non sexa un requisito indispensábel á hora de acceder a un cargo público. Aquí hai que falar español en exclusiva e pola brava, e o mellor xeito de aseguralo, pois, é eliminar os outros idiomas. Os novos bárbaros do século XXI prohibindo a fala dun pobo, pois paso a paso vanse anulando os seus dereitos, como remata de facer tamén o Tribunal Supremo. Como imos confiar na xustiza se quen a deberían defender actúan aínda coas sombras do pasado, cos prexuízos ideolóxicos que a eliminan? Que diferencia hai co acoso idiomático que sufriamos nos últimos anos do franquismo? Os señoritos sen moral nin amor polo seu, ou ignorantes  e ideoloxicamente autoritarios de hoxe son máis perigosos que aqueles que lembraba de Monforte. Aqueles eran fascistas; estes dinse demócratas.  Levan un tempo creando un ambiente de medo e impostura en todos os ámbitos da sociedade, desesperados porque perden poder e capacidade de seguirse corrompendo, é dicir, roubando. Agarrados á bandeira da unión enferruxada desa España que queren impoñer: a da corrupción, a dos privilexios, a do imperio, a dos señoritos, a dun só territorio, unha soa lingua, un só pensar... a da monarquía borbónica herdeira do franquismo.  

O señorito arrogante que fala polo nariz é tan ambicioso que por ter unha poltrona en Madrid é quen de traizoar ao seu pobo. Sacarlle a alma, a expresión, os dereitos, a presencia no medio público do que se apoderou do xeito máis vil e ditatorial (a sagrada Constitución, logo, permíteo).  E quen fai iso co idioma popular faino tamén cos outros dereitos, como o do traballo, o da vivenda, o do ensino, o da saúde, o das competencias que como nación nos corresponden... Tirade conclusión, en fin, destes nove anos negros. Estudádeos cos datos reais e obxectivos e non cos que el inventa cada día.  

Así que coidadiño con estes homes arrogantes que falan polo nariz e que son quen de vos dar gato no canto de lebre sen que vos decatedes. E non digades que non vos avisei cando, de non reaxir, o teñamos outra vez na poltrona galega. Porque non a deixará polo menos polo menos até que lle arranxen a que cobiza: a madrileña. Dixen tal e a ver vós que. Para el, pois vai este poema de O ferro dos días (1982):  

 A FALA  
Perderte é ficar mudos,

matar a conciencia popular,

esmorecer,

esvaerse nunha Terra

sen froito e sen ledicia,

aguniar no tempo conquistado,

entregar o futuro ao inimigo.
 

Nen pistolas nen leis

poderán contra ti.

Sulagaremos as illas
onde te queren gardar.

Derrubaremos os museos

que están a construír

para ti.
                 



[08-03-2019 12:00] Zouma comentou:

Grande artigo. O narcopresidente é un cipaio vendido a Madrid e que está a aplicarse sin complexos nin freos á aniquilación da nosa lingua e nación. E por riba é un inculto que nin sabe outra lingua que a dos cartos e os jacobeos.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña