20:34 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-02-2019

Ben diferente trato que lle dá o nacionalismo español ó castelán e ás outras linguas.

Sutís e instrutivas liortas na comprensión do nacionalismo

Valorar (7)

MANUEL CABADA CASTRO



Ben poucos anos despois do xurdimento da Unión Europea escribía en 1999 Albert Balcells na súa obra El nacionalismo catalán (Madrid, 1999) o seguinte: “La rearticulación de Europa significa dar prioridad a los valores culturales de las comunidades territoriales con lengua propia sobre los valores expansionistas del Estado, con los que no puede edificarse una Europa políticamente unida” (p. 213). E máis concretamente, referíndose ó caso español, indicaba aínda: “El nacionalismo español asimilista salió desprestigiado del franquismo, pero, purificado luego por las aguas del bautismo democrático, ha resurgido potente un neonacionalismo español, sin sentimiento de culpa y con ropaje progresista, que, difundido por la prensa madrileña y el Poder central, tiene los mismos objetivos que el anterior” (p. 210).

 Isto que aquí hai xa vinte anos comentaba o historiador catalán semella non ter perdido actualidade, tal como veño rexistrando desde hai algún tempo neste mesmo medio dixital “Terra e Tempo” en achegas como “Entender os nacionalismos” (12-11-2015), “Sobre o ‘cotián castigo’ dos nacionalismos” (27-04-2017), “Sobre o agachado nacionalismo dos antinacionalistas” (18-01-2018), etc. Tentarei seguidamente, pois, confirmar a precedente diagnose de Balcells con algunhas novas mostras de teor semellante.

No artigo de opinión publicado no xornal “El País” do 7 de febreiro de 2018 co título de “Mentiras y responsabilidades” proclamará F. Ovejero, referíndose directamente ó nacionalismo catalán, que o “nacionalismo tiene un vínculo casi necesario con la mentira”. Case cinco meses despois, o 29 de xuño dese mesmo ano, oporase decididamente no seu novo artigo “’España’”, e no mesmo xornal, a que as críticas ós nacionalismos (enténdase aquí os “periféricos”, tal como se adoita dicir) estean de feito baseadas noutro “nacionalismo”, que agora sería o “español”.

Desde outro xornal madrileño, agora “El Mundo”, e no seu artigo “Soluciones políticas, ¿para quién?” (1 de outubro de 2018), continuará a desenvolver o mesmo autor estas ideas, no contexto xeral do nacionalismo catalán, asumindo en relación co problema do nacionalismo o “diagnóstico de que estamos frente a una ideología constitutivamente desigualitaria que hay que combatir si nos importa una comunidad de ciudadanos libres e iguales”. A pouco de comezar o novo ano, o 7 de xaneiro de 2019, e no mesmo xornal “El Mundo”, proseguirá a súa incansábel censura do nacionalismo, agora no artigo que leva como título “Se puede y se debe”, con asertos coma os seguintes: “el nacionalismo es el mal [...]: el nacionalismo puede derrotarse y tenemos la obligación moral de hacerlo. Caben pocas dudas de la naturaleza antidemocrática del nacionalismo [...] Ni aspiran [los nacionalistas] a dar razones ni a atenderlas [...] Pero no solo se trata de la obscenidad del ideario, sino de otra más fundamental: el nacionalismo no es la expresión distorsionada de ninguna causa justa...”. En fin –dirásenos aínda- “el nacionalismo es tóxico”...

A estas condenas do nacionalismo sumarase, tamén en “El Mundo” (17 de outubro de 2018), entre outros César Antonio Molina no seu artigo “El fin de los moderados” ó se nos dicir alí con nidia rotundidade: “Lo queramos o no, el nacionalismo sigue siendo la ideología más malévola jamás inventada (y eso que hay otras muchas)”...

Pois ben, como contrapunto ideolóxico ás precedentes aseveracións vertidas nos mencionados xornais madrileños non deixa de resultar reconfortante a grata mensaxe que nos chega desde a “Soleira” de X. L. Franco Grande, que vén ocupar de feito un modesto -case disidente- recuncho no xornal “La Voz de Galicia”. Vexamos.

Na máis arriba citada achega miña “Sobre o agachado nacionalismo dos antinacionalistas” teño aludido xa a un seu comentario que leva o título de “Nacionalismos tóxicos” (“La Voz de Galicia”, 27 de novembro de 2017), onde, en relación co nacionalismo catalán, alude el ó esperto “nacionalismo español”, que resulta ser ó fin e ó cabo “un nacionalismo tamén separador”. Quero mencionar agora, porén, outros tres artigos publicados posteriormente por el no mesmo xornal. En “Nacionalismos excluíntes” (“La Voz de Galicia”, 19 de febreiro de 2018) indicará Franco Grande, en relación con este nacionalismo “separador” que “o peor do nacionalismo español é a súa indixencia cultural”. Na súa achega posterior, “Tres andrómenas ‘cañí’” (“La Voz de Galicia”, 26 de febreiro de 2018), podemos ler o seguinte comentario: “As tres grandes andrómenas do nacionalismo español [...], que conceptuamos como noxentas, son que a educación se fai adoutrinando, que se persigue o castelán nos territorios con linguas cooficiais, e que os nacionalismos periféricos demostran unha visión retrógrada da historia. Só o nacionalismo español está libre deses graves pecados [...]”. E referíndose seguidamente ó mencionado “adoutrinamento”, advertirá: “O curioso do caso é que os que fan semellante acusación calan que hai outras maneiras de adoutrinar, como é ocultar información ou deturpala, casos nos que é especialista o nacionalismo español (esquecerse do informe de Las Casas sobre a barbarie da colonización española en América, ou invencións de Menéndez Pidal sobre o autor do Cantar do mío Cid...)”. Na semana seguinte en “Eles son os retrógrados” (“La Voz de Galicia”, 5 de marzo de 2018) e fronte á visión por parte do “nacionalismo español” dos chamados nacionalismos periféricos como “retrógrados”, insistirá Franco Grande no descoñecemento que tal nacionalismo centralista (“montesío”) ten, concretamente, da cultura galega, aberta sempre desde os seus comezos á cultura europea, chegando en consecuencia pola súa parte á conclusión de que “ese nacionalismo montesío xorde da ignorancia máis elemental do que as nacionalidades do país son, do que queren ser e do que, nun país normal, ningunha dificultade terían para acadar”. Transcorrerá un bo lapso de tempo ata que o escritor tomiñés volva referirse de novo no mesmo xornal (24 de Nadal do 2018) a esta temática. Farao agora no seu artigo “Nacionalismos mentireiros”, referíndose de maneira especial ó tema lingüístico e poñendo de relevo o ben diferente trato que lle dá o nacionalismo español ó castelán e ás outras linguas. “Só o nacionalismo español –criticará Franco Grande- é constitucionalmente excluínte. Ningún outro nacionalismo está facultado para excluír do deber de coñecer as linguas distintas do castelán, a quen corresponde o deber e o dereito de uso. As demais só teñen o dereito. Case nada”.

Para intentar dalgún xeito, porén, liberar estas reflexións lingüísticas de Franco Grande (e as semellantes de moitos outros) dun pretendido mero interese particular ou partidista no que supostamente estarían baseadas, quero aludir finalmente a un par de comentarios que o madrileño e catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera, formula na súa importante obra El nacionalismo lingüístico. Una ideología destructiva (Barcelona, 2008): “La ideología nacionalista –dinos alí (p. 112)- no parece poder concebir otra cosa que no sea la asimilación completa y total del otro, la aniquilación de su lengua y de su cultura, el etnocidio”. Estamos, pois, ante a lóxica do por el denominado “imperialismo lingüístico”, que posúe un carácter nidiamente colonial: “La ideología nacionalista colonial –indica Moreno Cabrera (p. 144)- tiene como desarrollo lógico la ideología nacionalista imperialista, en la que la lengua nacional, que se supone intrínsecamente superior a las demás, está destinada necesariamente a ocupar un lugar preminente o dominante en el mundo”.

O catedrático madrileño aplica con razón explicitamente estas ideas ó que ocorre actualmente no Estado español coa por el denominada “falsa oposición entre nacionalistas y no nacionalistas”. Non por ben sabido deixa de merecer ser lembrado, unha vez máis, o que aquí nos comenta: “Las actuaciones de los grupos no dominantes a favor de su lengua, de su cultura y de su independencia política se tildan de nacionalistas, mientras que las de los grupos dominantes se califican como no nacionalistas. Pero es que las actuaciones de los denominados grupos no nacionalistas también se fundamentan en la defensa y promoción de una lengua, una cultura étnica y un poder político de una nación concreta y, por tanto, son igualmente nacionalistas. Además, el nacionalismo disimulado de la nación dominante suele ser mucho más intransigente, antidemocrático y particularista que los nacionalismos dominados, dado que la etnia dominante dispone de los mecanismos políticos, económicos, administrativos y militares adecuados para aplastar por la fuerza cualquier intento importante de autoafirmación de los grupos o naciones minoritarios o no dominantes” (p. 193-194).

Se o amábel lector quixera, de todos modos, afondar aínda algo máis no que aquí nos comenta Moreno Cabrera, non ten máis que mergullarse brevemente no que hai xa algo máis dun ano teño comentado baixo o título de “Sobre o agachado nacionalismo dos antinacionalistas” neste mesmo medio dixital  (“Terra e Tempo”, 18-01-2018).   





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña