22:23 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-02-2019

O panorama político español está cheo de macarras e pirómanos que o único que fan é incendiar máis o ambiente, e os cachorros da dereita máis basta veñen cargados cos tanques cheos de gasolina

Dame máis gasolina

Valorar (8)

HELENA VILAS VIÑAS



Toda unha vida subministrando doses diarias de morbo e desvergoña mesturadas con noticias manipuladas e análises oportunistas, xa case non nos sorprenden os discursos da clase política española, mais estes últimos días fóronche ben movidos grazas a Venezuela e Guaidó, ao relator de Pedro Sánchez, á rebelión de Cataluña e á independencia, á conspiración masónica contra España...

estresante a verdade, mais para rematar forte a semana un tipo, que fixo que Aznar recupere a ilusión no seu proxecto e se vexa rexuvenecido nos seus ideais, o actual líder do Partido Popular, e o máis perigoso que tivo nunca (e iso que era difícil de superar), espetounos unha frase lapidaria digna de enmarcar: "para asegurar as pensións hai que pensar en ter máis nenos e non en abortalos". Sinceramente, eu ás veces, penso que vivo nun capítulo de Twin Peaks, porque non son quen de entender nada.

Analizando isto polo profundo, segundo Pablo Casado non temos fillos porque existe a opción de abortar, e nada ten que ver con que cobremos salarios de miseria ou que sexa imposible conciliar, non, o problema é que existe o aborto, así, sen pestanexar e tan tranquilo.

O panorama político español está cheo de macarras e pirómanos que o único que fan é incendiar máis o ambiente, e os cachorros da dereita máis basta veñen cargados cos tanques cheos de gasolina. E o problema disto é que cada vez que abren a boca para dicir todo tipo de barbaridades, sexan do tema que sexan, entre os seus acólitos cala profundamente, e a mensaxe saca o peor de cada un de nós, que é o que se pretende. Un exemplo claro foi a manifestación de onte en Madrid, visto dende o meu país, dende a barreira, deume moita vergoña allea que quen nunca se manifestou polos dereitos e dignidade das persoas, si o faga pola dignidade dunha bandeira para crear crispación, odio e alarma social, e o que é máis grave si cabe, para crear unha cortina de fume para desviar a atención da corrupción que invade ao Partido Popular. Da igual o prezo, eles van a por todas.

E como non, dentro desta belicosidade sempre nos toca a nós, as mulleres, nunca zafamos, culpándonos de todos os males do universo, reducirnos a máquinas de concibir persoas que coticen, con políticas tan pobres, mediocres e miserables de bandeiras no balcón e conas asoballadas. A esperanza da esquerda, xa como último recurso, pasa porque este señor non deixe de falar lanzando día si e día tamén, promesas ameazantes e solucións disparatadas. Porque a nós si que non nos van calar, non imos parar nunca, custe o que custe. Que non se esquezan do feminismo, que non se esquezan do que fomos capaces o pasado 8M. Que non se esquezan que sen dúbida volveremos, sairemos e queimaremos as rúas cada vez que esta caterva de machos prepotentes se levanten pola mañá no século pasado e decidan tomar control político sobre as nosas vidas e sobre os nosos úteros.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña