17:51 Domingo, 26 de Maio de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-01-2019

O problema radica en que, para moitas persoas, cando se deixa de crer en deus non é que non se pase a crer en nada, mais que se comeza a crer en calquer cousa

Imunizarse contra a mentira

Valorar (144)

ROBERT NEAL BAXTER



Nada teñen a envexar à realidade deturpada en que hoxe vivimos imers@s nen a novela distópica 1984, coa súa característica novilingua, nen a Grande Mentira ideada por Hitler para lexitimar os crimes do nazismo, que afirmaba que repetir unha mentira con frecuencia acaba por convencer da súa veracidade as outras persoas e mesmo a quen a difunde.
 
En contraposición à verdadeira democracia, que se basea no acceso universal ao coñecemento e na análise científica das condicións obxectivas que leva à toma de decisións acertadas por parte do povo, vivimos actualmente na era da pós-verdade, subxugad@s pola confusión que sementa a ditadura do truthiness (‘certineza’ ou ‘crencialismo’), que consiste en dar crédito a ideas ou factoides nos cais se quer crer en detrimento de factos que se sabe son certos.

Este fenómeno ultrapasa largamente as tradicionais evasivas dos políticos sistémicos, xa que, nesta nova orde de cousas, a mentira e a falsidade son apresentadas como lexítimos ‘factos alternativos’, diseminados e difundidos tanto polos poderes fácticos como polos meios de descomunicación, auténticas correas de transmisión do pensamento único que preconiza o sistema.

Non é por acaso que as noticias falsas (fake news) que teima en denunciar o Presidente dos U$A como fonte de todos os seus males sexa tamén, en grande medida, un produto propagandístico de grandes centros de contrapoder xeo-estratéxicos como a Rusia putinesca. Deste xeito conséguese que as falacias máis ilóxicas e as ideas máis reaccionarias pasen por aparentar ser ‘anti-sistema’, ‘rupturistas’ ou parte da resistencia contra o mesmo sistema que os xera e alimenta, do mesmo xeito, por exemplo, que Atresmedia xoga nos dous campos con La Sexta e Antena 3, dúas caras aparentemente contraditorias dunha mesma moeda.

Este tipo de duplipensar ou disonancia cognitiva afecta todos os ámbitos da vida, non só o político, incluída a medicina baseada na evidencia empírica, amiúdo descualificada como ‘occidental’ nun afán renovado de orientalismo apoiado no mítico exotismo do ‘bo selvaxe’.

É innegábel e fonte de denuncia permanente por parte do BNG que o sistema de saúde público se está a desmantelar progresivamente para favorecer o sector privado, o que xera interminábeis e moi graves trabas para unha correcta atención sanitaria (listas de espera, a rota do cancro en Lugo, tempos de consulta limitados, peche de camas, falta de recursos humanos...) e leva ineludibelmente a un desprestixio cada vez máis xeneralizado entre o público.

Mais o problema radica en que, para moitas persoas, cando se deixa de crer en deus non é que non se pase a crer en nada, mais que se comeza a crer en calquer cousa (G.K. Chesterton dixit). E así como se espalla a falta de confianza na medicina: déixase de crer nela e procúrase alternativas, por moi rocambolescas que poidan ser.

Ninguén nega que a industria farmacéutica se lucra coa doenza e o sofrimento alleos (por isto se chama ‘industria’ e non ‘obra benéfica’), e que as súas prácticas resultan máis que cuestionábeis. Tamén é verdade que se inventan síndromes para vender medicamentos (o denominado disease mongering), que se reinventan fármacos disponíbeis como xenéricos a prezos máis elevados ou que se obstaculizara o acceso a retrovirais xenéricos na África do Sul...

Todo isto é totalmente certo, mais non significa que a medicina empírica en xeral e as vacinas en particular non funcionen ou que sexan parte dunha grande conspiración por parte de non se sabe que cábala.

O actual movemento negacionista a respeito da seguranza das vacinas ten as súas orixes na polémica que surxiu a raíz dun estudo fraudulento publicado en 1998 na prestixiosa revista médica The Lancet, que afirmaba a existencia dunha relación directa e causal entre a administración da tripla vacina (sarampelo, parotidite e rubéola) e o autismo. As conclusións da espuria investigación ficaron totalmente desmentidas, e o seu autor, acusado entre outras cousas de fraude e abuso de crianzas con atraso no desenvolvimento, foi excluído do colexio de médicos por axir de xeito deshonesto e irresponsábel. No entanto, aínda hai quen persiste en pensar que foi vítima dun complot farmaqueo-medicínico e segue a crer neste bulo especialmente perigoso, que agora se aplica a torto e a direito a todas as vacinas.

O resultado é máis que alarmante: encanto que a política de inoculación sistemática permitiu a erradicación do sarampelo na Australia, ao igual que a varíola desde 1980, cada vez máis surtos importantes de sarampelo e parotidite (papeira) se rexistran en moitos países de Europa, nos EUA e en Nova Zelandia, con epidemias declaradas e mesmo mortes. Na Irlanda, por exemplo, houbo 1.500 casos de sarampelo no surto do 2000 con tres mortes, encanto que na Franza foron hospitalizadas 5.000 persoas, cun total de 10 mortes entre 2008 e 2012, todo isto consecuencia directa da histeria mediática ao redor da tripla vacina. Houbo tamén epidemias de parotidite no século XXI nos EUA, na Irlanda, na Bélxica e nos Países Baixos, co conseguinte risco de meninxite, pancreatite, xordeira permanente e infertilidade.

Obviamente, deixando a un lado as posíbeis reaccións alérxicas que poden causar, como calquer outro medicamento (quer preventivo, quer curativo), as vacinas non están totalmente isentas de risco e son necesarias todas as medidas de cautela oportunas para evitar posíbeis efeitos adversos para a saúde pública. Cumpre ser especialmente cauto no momento de introducir novas vacinas, tal como alerta a Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma (AAVP). Porén, esta mesma Asociación indica claramente que non é anti-vacina, xa que non se debe deitar fóra o bebé xunto coa auga suxa da bañeira, como reza o refrán inglés.

En todo o caso, a vacinación sistemática con vacinas que se demostraron non só seguras mais esencias para a futura erradicación de determinadas doenzas non é unha cuestión de elección individual, senón de sanidade pública e responsabilidade colectiva, xa que a denominada ‘imunidade de grupo’ deixa de ser efectiva cando o número de persoas non vacinadas cai por debaixo dun determinado limiar, de forma que a decisión de non vacinar pode pór en grave risco a saúde e mesmo a vida propria e a doutras persoas.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña