15:03 Martes, 07 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-06-2010

Falar de adhesión e respaldo á loita palestiniana desertando da loita do teu pobo non parece ser moi congruente porque nós tamén temos dereitos

Solidariedade con Galiza

Valorar (26)

BIEITO LOBEIRA DOMÍNGUEZ


Viñeta de Xosé Lois "O carrabouxo"


O pasado 1 de xuño realizáronse concentracións de solidariedade coa causa palestiniana nas que participou o nacionalismo galego, como resposta ao ataque terrorista de Israel contra a denominada "Frota da Liberdade". Foi esta unha constante histórica do nacionalismo galego: a práctica dun antiimperialismo activo, relacións de amizade coas nacións submetidas, e un internacionalismo merecente de tal nome. Singularmente no caso de Palestina, pobo que sofre e resiste con heroica dignidade a dominación israelí co coñecido apoio norteamericano. 

Acontece, porén, que a concentración convocada en Pontevedra, moi solidaria con Palestina, requería tamén de solidariedade con nós, co pobo galego. Porque a alocución dun -suponse- portavoz dos convocantes, significado dirixente do sindicato español CGT, realizouse integramente en español. Moi solidario, si, con Palestina, mais desprezativo co seu propio pobo. Pobre o país no que é máis doado ser solidario co de fóra que comprometerse co propio. Así pasa na Galiza. Toda a radicalidade cosmética dun sindicato de orientación anarcosindicalista, seica, mais tamén moi español, colide coa realidade máis próxima, aquela na que hai que actuar, e na que se pode (e debe) incidir. Dereitos políticos para Palestina, mais non para Galiza. Curiosa maneira de entender e aplicar o compromiso internacionalista desde unha nación sen estado.

Hai aínda moito toxo por rozar. Moito traballo por facer no tocante á clarificación ideolóxica. O nacionalismo galego non só ten que se facer valer na súa proxección internacional, senón que tamén, e sobretodo, na propia Patria. O uso do idioma nacional, non do imposto, é sinal inequívoco de pertenza a un pobo. E a práctica coherente do principio de autoorganización nacional certeza de exercicio consecuente coa nobre causa de liberación nacional. Na Palestina e na Galiza. Na Catalunya e no Kurdistán. Non é posíbel ser realmente de esquerdas, nunha nación negada, esquecendo ou desprezando o dereito de autodeterminación, non do punto de vista da abstracción teórica, senón da súa aplicación práctica diaria.

O pobo galego foi quen de construír, con esforzo, sacrificio e teimosía, un corpo nacionalista organizado que posúe xa unha relativa fortaleza e presenza estruturada nos ámbitos político, sindical e cultural. O suceso deste movemento libertador non vai radicar na asunción dunha comprensión indulxente ou simpática por parte de quen nega, na súa práctica lingüística e na súa estrutura orgánica sucursalista, a existencia mesma da nación. Todo o contrario, vai depender do medre, expansión social, clarificación desacomplexada e afortalamento do propio movemento nacionalista. Aquí e no Saara. En Córcega e en Irlanda. Para ser solidario cumpre saber primeiro o que se é, e asumilo. E logo proxectalo. Falar de adhesión e respaldo á loita palestiniana desertando da loita do teu pobo non parece ser moi congruente. Non queiras para os demais o que non asumes para ti. Porque nós tamén temos dereitos. A estas persoas e organizacións de obediencia española sería bo que, unha vez reclamada a solidariedade con outras xustas loitas noutras latitudes practicaran tamén aquí, aínda que for só un bocadiño, a solidariedade con Galiza. Nós tamén a precisamos.


[18-10-2010 15:36] Yeah comentou:

Falar castelhano na Galiza não é pior do que escrever o galego em castelhano... Respeitosamente

[16-06-2010 22:33] rocío comentou:

O quid é,que por riba de diferenzas que ninguén minimiza,compartimos o sufrimento da colonización,e a subcultura que a dominación xera reviste diferentes formas.A solidaridade,que co alén se reproduce por esporas,convertimola aqui en autoviolencia e negación da propia realidade como pobo.Moito país que desalambrar Bieito!!mais nesas estamos ,e bo é lembralo para manternos en pe cal Columna Trajana.

[16-06-2010 17:41] serea comentou:

Magnifico artigo Bieito. Parabéns.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña