20:33 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-01-2019

O nacionalismo español non precisa de autodefensa teórica ningunha, dado que o seu imperio é omnímodo fronte aos outros, que non poden ir máis alá de intentar simplemente afirmarse a si mesmos para sobreviviren

Nacionalismos, antinacionalismos e Galicia

Valorar (12)

MANUEL CABADA CASTRO



As razóns e as paixóns humanas non son dimensións que mutuamente se exclúen, tal como algúns dan por descontado. E isto ten abondo que ver coas liortas teóricas sobre os nacionalismos e os seus presuntos contrarios, os antinacionalismos. Pois nada pode ser subtraído á laboura do pensar. Quixera achegarme nestas liñas, a modo de breve comentario, a un par de escritos que caeron case casualmente hai pouco nas miñas mans. Dous deles son da autoría de José Álvarez Junco: Mater dolorosa. La idea de España en el siglo XIX (Madrid, 20035) e Dioses útiles. Naciones y nacionalismos (Barcelona, 2016). O terceiro é o amplo volume de Azar Gat, Naciones. Una nueva historia del nacionalismo (Barcelona, 2014). Ámbolos dous autores manterán posturas contrarias en relación co tema dos nacionalismos. Porén, dese choque teórico sería bo que puidera xurdir algún benfeitor alustro iluminador.

“Se han escrito miles de artículos y libros sobre los nacionalismos vasco, catalán o gallego, mientras que se ha dejado de lado el nacionalismo español”, dinos Álvarez en Mater..., 18-19. Coido, porén, que isto non debería considerarse excesivamente estraño, pois este último nacionalismo, o español, non precisaba de autodefensa teórica ningunha, dado que o seu imperio era omnímodo fronte ós tres anteriores, que non podían ir máis alá de intentar simplemente afirmarse a si mesmos para sobreviviren. Naturalmente el, como historiador, non podía ignorar isto, mais ó aludir a estes temas farao coa conveniente asepsia, suavidade e complicidade, digamos “patriótica”, para non desairar os ben pensantes, tal como é doado ver ó el comentar os comportamentos españolistas (de feito “imperialistas”) do “siempre la lengua fue compañera del imperio” de Nebrija, os intentos de uniformización lingüística dos territorios ou culturas peninsulares no tempo de Felipe IV ou Felipe V, a teor do funesto consello político do conde-duque de Olivares a prol de tal acción (Mater..., 76-79), ou a “provincialización”, co fin de uniformización, de todo o territorio hispano levada a cabo por Javier de Burgos en 1833 (Mater..., 535-536). O problema, con todo, é que non semella ser cousa doada analizar e xulgar axeitadamente os nacionalismos, incluído neste caso tamén o español, desde unha postura meramente “científica” ou “intelectual”, exenta por tanto, en principio, de calquera compromiso político persoal, por implícito que este sexa, por máis que o propio Álvarez non deixe de recoñecer que “todos tenemos una posición de partida; y no una posición intelectual, sino política y pasional” (Mater..., 24). Agora ben, Álvarez decide, pese a todo, apuntarse en último termo, a unha dicotomía, de recendo nidiamente kantiano, presuntamente existente entre nacionalismo e racionalidade teórica cando indica: “Las naciones no se sostienen desde el punto de vista intelectual, pero son atractivas desde el existencial, como lo son las creencias mágicas o las religiones, mundo al que, en definitiva, pertenece el fenómeno nacional” (Mater..., 17). Dalgún modo, o sentimento nacionalista pertencería, en consecuencia, para el a unha dimensión arcaica ou infantil, que a madureza humana tendería a superar, como o estado adulto supera a infancia (Cf. Mater..., 17-18). En Mater dolorosa, o seu autor é, así e todo, decididamente parco nas súas referencias ó nacionalismo galego, chegando incluso a dicir que este “nació en Madrid o en Buenos Aires” (Mater..., 596)...

As cousas cambiarán con todo a este respecto no seu escrito posterior Dioses útiles, onde por outra parte non deixará con todo xa de indicar inicialmente sobre a súa propia postura ideolóxica: “tengo la firme creencia de no ser nacionalista, en ninguno de los sentidos de este término” (Dioses, XVIII). Álvarez entende en calquera caso as nacións como “construcciones históricas” (Dioses, XIX), do mesmo xeito que as “identidades nacionales” son igualmente “construcciones de carácter contingente” (Dioses, 23). Considerará, pois, neste sentido a súa postura como “historicista o constructivista”, aínda que advertindo seguidamente –nun intento quizais de limitado xesto de cesión ante os seus críticos- o seguinte: “Pero no me considero un ‘modernista’ estricto, si tal término significa creer que la vinculación emocional de los individuos con las naciones es un fenómeno exclusivo de los dos últimos siglos. Antes, mucho antes, existieron ‘naciones’ [...]. Pero no eran identidades colectivas a las que se atribuía soberanía sobre un territorio. Esto último, y sólo esto último, es la clave del nacionalismo moderno. E incluso este nacionalismo se ha alimentado de tradiciones e identidades culturales procedentes de épocas anteriores” (Dioses, XIX).

Unha vez aclarado isto, cómpre indicar que en Dioses se aborda xa explicitamente o tema do nacionalismo galego no contexto histórico do grupo Nós e das Irmandades da Fala. Respecto dos persoeiros de Nós dise alí: “Políticamente, elevaron la reivindicación nacionalista gallega al nivel de la vasca y la catalana: no sólo consideraban a la nación gallega un hecho natural, una realidad orgánica, producto de la conjunción entre la raza –aria-, la tierra y la lengua, sino que la enfrentaban directamente con el Estado español, institución artificial que podía y debía desaparecer” (Dioses, 264). Porén, Álvarez tende a pensar que este tipo de reivindicacións nacionalistas galegas non van máis alá de pertencer a unha elite intelectual ou cultural con pretensións manipuladoras da opinión do pobo. “Galicia –pódese ler en Dioses, 252- posee, desde hace siglos [...] un arsenal de agravios creíbles, a partir del sentimiento de haber sido explotados o marginados por un centro político que unas élites reivindicativas podrían presentar como dominador o imperialista” (As cursivas son miñas). Ou –como se dirá aínda algo máis adiante (Dioses, 269)- “en el caso gallego hay datos étnicos sobrados para construir una identidad nacional: un reino medieval, una lengua, un territorio bien definido, un problema social alrededor de los foros, unos niveles de renta inferiores a la media española –hecho que puede presentarse como consecuencia de la explotación o dependencia colonial-...” (tamén aquí as cursivas son miñas). Tanto o “puede” como o “podrían” anterior semellan aludir, efectivamente, por parte de Álvarez a unha suposta (e xa mencionada) manipulación realizada pola intelectualidade política galega. Diríase que a “construción” do nacionalismo galego estaría baseada en realidade, segundo este autor, pese a todo, nunha visión ou “imaxinación” idealizada (por parte desa mesma intelectualidade galega) de como foron en realidade as cousas, tal como vén expresar Álvarez en relación coa época central do século XIX: “Como siempre, tanto los provincialistas como luego los federalistas y los nacionalistas encontraron en la historia, en ese pasado que imaginaban [cursiva miña] independiente y glorioso, la principal justificación para su afirmación identitaria y sus demandas descentralizadoras” (Dioses, 258). Unha ideación ou “imaxinación” que Álvarez non deixará así mesmo de estender, nesa mesma subterránea liña, ó “reino de Galicia” tanto na época sueva como con posterioridade á mesma (Cf. Dioses, 255).

En conxunto, pois, non podo subtraerme á impresión de que a erudita, aínda que sucinta e limitada, presentación que fai Álvarez do nacionalismo galego é a de que se deixan nela de lado dimensións importantes de orde ético, vital, emocional ou sentimental, das que en principio os enfoques estritamente históricos normalmente non se ocupan, mais que resultan ser ó meu ver esenciais para a comprensión dos nacionalismos. Tales dimensións semellan non ter cabida nunha abordaxe meramente descritiva ou limitadamente explicativa dos feitos humanos e precisan polo tanto da axuda dos estudos antropolóxicos, éticos, filosóficos, etc., desde os que se podería e debería abordar tal tema con menos perigo de previas e subconscientes, frecuentemente agachadas ou non verbalizadas, tomas de postura. E posibelmente radique xustamente nisto o nidia postura de Álvarez de rexeitamento do “primordialismo” (Cf. Dioses, XVIII, 43), fronte ó modernismo ou construtivismo, na súa visión dos nacionalismos, e tamén –en determinada coherencia con isto-  a súa aversión a enfoques relacionados con temáticas específicas da antropoloxía social ou cultural, cando por exemplo indica: “En el análisis de los distintos casos nacionales, he procurado rechazar todas las explicaciones que tengan que ver con esencias, mentalidades, caracteres colectivos o ‘formas de ser’ de los pueblos”  (Dioses, XVI).

O que aquí esquematicamente comento ten seguramente, polo demais, directa relación coa desenfadada crítica que lle dirixe Álvarez a Azar Gat, que pola súa parte intenta xustamente reivindicar os fondos –digámolo así- ocultos, antigos e podentes, nos que afunden as súas raíces os nacionalismos. Álvarez chegará a rematar a súa crítica ó investigador israelí deste xeito: “Gat no es [...] un intelectual que intenta comprender un problema, sino un abogado de la causa nacionalista” (Dioses, 21)...

Agora ben, por onde van as informacións e reflexións que nos ofrece Gat na súa, máis arriba mencionada, extensa obra Naciones. Una nueva historia del nacionalismo? Limitándome a realizar un reducido bosquexo das súas ideas fundamentais, hai que dicir que Gat se distancia en boa parte da visión básica dos nacionalismos de Álvarez. O talante de Gat non é, xa que logo, o do presuntamente frío e aséptico investigador ou historiador, que tenta (obviamente non sempre con éxito) deixar de lado os seus propios fondos pasionais, senón que os asume e integra na súa teoria sobre os nacionalismos, resultando ser así estes calquera cousa menos algo só “moderno”. Véxase como se expresa Gat: “Para empezar a hacernos cargo del colosal atractivo que posee el nacionalismo, de su ‘hechizo’ y de su natural incendiario –que sacudió, de hecho, las vidas de los teóricos modernistas [...]-, es necesario que comprendamos que apenas constituye la punta del iceberg. Las formaciones etnopolíticas, incluidos el nacionalismo premoderno y el moderno, se hallan presentes en toda la historia política y la historia en general y, aunque poseen no poca diversidad y están sujetas a transformaciones históricas de gran extensión, proceden de lo más hondo de la psique humana” [cursivas miñas] (Gat, 27). Cómpre advertir aquí que o subtítulo orixinal inglés da obra de Gat –a diferencia do subtítulo español- alude xa expresamente a estas “fondas raíces”: “The Long History and Deep Roots of Political Ethnicity and Nationalism”. De aquí que Gat se declare máis próximo ó “primordialismo” có “modernismo” na comprensión das nacións ou dos nacionalismos, indicando a este respecto que “en determinado momento –temprano- de la historia surgieron naciones” e que “el hecho de que se formen y desaparezcan [no] impide considerarlas ‘primordiales’ en ese sentido” (Gat, 10). O que ocorre é que –tal como advirte Gat- “el poder y el impacto de los imperios han creado en gran medida la ilusión óptica de que los estados nacionales y la conciencia etnonacional en general no constituyen un aspecto destacado de la historia premoderna” (Gat, 152. Cf. Gat, 150-153). Gat chega incluso a sospeitar, e non sen razón, que tras tal modo de pensar hai (como por outra parte ben saben tamén os filósofos) unha determinada “ideoloxía” que agachadamente condiciona este tipo de asertos. Velaquí, pois, como se expresa en tal sentido Gat: “En lugar, pues, de considerar que las naciones y el nacionalismo son un invento de la modernidad, fruto superficial de la manipulación política, cabe entender esta idea misma como creación modernista –y aun, en ocasiones, posmodernista-, aguijada por los programas ideológicos y políticos de nuestro tiempo, que obtienen de ella unos beneficios nada desdeñables” (Gat, 26).

Coido que esta reivindicación de Gat do “primordialismo” na comprensión do feito nacional non deixa de ser pertinente e importante para a reflexión sobre o nacionalismo galego, tanto máis canto que o anti-primordialista Álvarez Junco encabezará precisamente un apartado da súa obra Dioses útiles (p. 252) deste modo: “Galicia; fuerte primordialismo y débil nacionalismo”.





[20-01-2019 20:25] Abelardo X del Caño Varela comentou:

Moi boa reflexión sobre o libro e ideoloxía do Sr. Junco! Para mostra chega un botón: cando o autor sinala no apartado adicado a literatura do romanticismo o "apoliticismo" de Rosalía.....Todo un dechado de coñecemento!!!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña