12:10 Luns, 22 de Xullo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-01-2019

A Cámara galega proceder a unha reforma da Lei de Símbolos (1984), só e exclusivamente no atinente á correcta reprodución da letra do Himno

Merecentes dun sainete

Valorar (35)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



En 2017  -ano do centenario da morte de Eduardo Pondal-  tiven a ocorrencia de escreber e publicar un libriño sob o título Himno Galego: Unha historia parlamentar (inconclusa). Tratábase da miña particular recordación do escritor galego, naquela efeméride, que pasou sen pena nen gloria por parte da cultura oficial, e, en concreto, dunha súa peza clave, a letra do Himno nacional. A peripecia parlamentar descrita referíase aos intentos, desde 1996, por a Cámara galega proceder a unha reforma da Lei de Símbolos (1984), só e exclusivamente no atinente á correcta reprodución da letra do Himno, deturpada ao longo dos anos e precisada da restitución á súa textualidade verdadeira, isto é, ao que Pondal realmente escrebeu. Esta autenticidade textual coñeciámola grazas aos traballos de moitos anos do profesor Manuel Ferreiro e así o resumimos no noso opúsculo, que foi apresentadona Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, A Estrada, Caldas de Reis, A Ponteceso, Carballo ou Madrid, mais que foi dado a coñecer, en primeirísimo lugar, ás seguintes institucións: Parlamento de Galiza, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega. A razón desta entrega formal tiña a ver con ser a primeira das citadas a responsábel da mudanza legal, e, no caso das outras dúas, por seren aquelas ás que o Parlamento, no seu día, solicitara un ditame adhoc (xunto co pedido ao profesor Ferreiro) sobre o pretendido cambio-restitución da letra orixinal. Foron elas tres, por tanto, as que privilexiamos na información do asunto e na petición  -máis unha vez-  de que se procedese á mudanza necesaria, por respeito ao que o poeta compuxera e, por certo, para aproveitar tal actualización a prol dunha campaña escolar e social en xeral de coñecemento da letra íntegra do Himno, da súa interpretación enteira, en letra e música, tal e como figuran na Lei de Símbolos mencionada. As e os portavoces dos catro grupos parlamentares, así como o Presidente do Parlamento, escoitaron atentamente a nosa petición. O mesmo podemos dicer do presidente da RAG e as-os académicos que o acompañaron, ou do presidente na altura do Consello da Cultura Galega.

O Parlamento, en fin, decidiu solicitar informes (como había quince anos) ao doutor Ferreiro, á Real Academia Galega, ao Consello da Cultura Galega e mais ás universidades. O primeiro dos citados enviou o seu hai un ano, no mes de Xaneiro de 2018: cuarenta páxinas, con abondosos anexos (probas documentais), que non se limitan a reproducir o informe de 2002 senón que incorporan novos razoamentos e xustificacións a prol da modificación-restitución solicitada. No mes de Febreiro, achega a súa resposta á Cámara o Instituto da Lingua Galega, cuxo “Consello Científico interpreta que o que se nos solicita non é  tanto unha opinión técnica sobre unhas modificacións precisas e concretas, como unha valoración acerca da oportunidade ou da conveniencia de modificar o texto oficial do himno galego. En relación con isto, ao non se tratar propiamente dunha cuestión de carácter ecdótico ou filolóxico, materias nas que o ILG podería ter algunha autoridade científica, senón dun asunto de natureza eminentemente política, consideramos que o ILG non pode nin debe emitir ningún pronunciamento ao respecto”.

Tamén en Febreiro de 2018, envía o seu informe o Consello da Cultura Galega, a través dunha “Comisión de expertos”, presidida por Rosario Álvarez (vicepresidenta na altura) e “integrada por Dolores Vilavedra (coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación), Ramón Maiz (coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade) e Maximino Zumalave (coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas)”, que ditaminan que, en non habendo “ningún outro documento nin nova argumentación” verbo da que motivou o informe de 2002, “esta Comisión entende que a institución xa respondeu no seu día e que, analizados de novo os argumentos esgrimidos, non hai motivos para un cambio de parecer”.

A Real Academia Galega envía o seu informe en Abril de 2018. Nel limítase a lembrar que esta institución xa se pronunciou sobre esta cuestión no plenario celebrado o 22 de Febreiro de 2003 e “Recoñecendo o grande interese científico das análises filolóxicas desenvolvidas arredor do poema “Os pinos” de Eduardo Pondal, non se aprecian novos elementos de xuízo nin argumentos bastantes para modificar o seu ditame previo. Polo cal, ratifícase no mesmo, que acompaña este escrito”. Coido que paga a pena reproducilo:

A Real Academia Galega emite un informe negativo sobre a modificación da letra do himno, baseándose nos seguintes argumentos:

a)    Hoxe a letra do himno xa non corresponde exclusivamente a Eduardo Pondal, senón que é patrimonio de todo o pobo galego, que o adoptou co seu texto actual, polo que en principio non parece prudente modificala.

b)    Unha característica de toda a obra de Pondal é a continua depuración e reelaboración dos seus textos, polo que resulta difícil coñecer cal é a versión última do seu texto para constituírse no Himno galego.

c)     Pondal en todo caso coñeceu a versión do himno co texto actual, e nunca manifestou a súa desconformidade con el.

d)    A substitución da palabra chan, que figura na versión actual, por clan, implicaría un reducionismo que probablemente non sería ben entendido, xa que hoxe clan posúe determinadas connotacións non sempre positivas.

Finalmente, no mes de Maio do sempre citado 2018, o profesor Anxo Angueira Viturro, como representante da Universidade de Vigo, envía o seu informe, en que recoñece que “non son especialista” e expresa a súa opinión de que, “como filólogo, sería partidario, sen dúbida pero tamén coa cautela aquí expresada [“un proceso que vai máis alá de asuntos propiamente ecdóticos ou estritamente filolóxicos”], dunha restauración textual seguindo as propostas ecdóticas do profesor Manuel Ferreiro”.
Coido que están debidamente descritas ou resumidas as posicións de cada quen. Todo isto fai parte dunha documentación parlamentar á que tiven acceso, non porque as institucións oficiais que levo citado (a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega) tivesen a ben devolver a deferencia dunha comunicación persoal, tendo en conta a entrega en man do opúsculo que cito no comezo deste artigo e que fixera moi en primeiro lugar. Manca finezza. Mais, en fin, isto é o de menos. O de máis é o seguinte.

A RAG é unha institución centenaria; o CCG, un organismo estatutario. Ambas institucións receben fondos públicos, de todas e todos nós, galegas e galegos. A primeira ten por encomenda estatutaria principal a  promoción e defensa da lingua galega. O segundo, o alto papel de asesoramento aos poderes públicos en materia cultural. O grau de endogamia, soberba e desprezo de que usan verbo de iniciativas que elas non controlan é dificilmente descritíbel. Os argumentos do informe da RAG, por exemplo, son desmontábeis un a un, por prexuiciosos, anti-científicos e falsos, en definitiva: o povo galego non tivo arte nen parte nas mudanzas da letra do Himno (caso de chegar a coñecelo e a podelo cantar); Pondal SI se queixou en vida de modificacións na súa letra; o rexeitamento, en fin, da palabra “clan” supón aplicarlle ao escritor, en macabro flash back (que diría CarvalhoCalero) a emenda á súa propria creación. E todo isto por parte de quen se erixe en dono da lingua, da filoloxía, do saber gramatical e da vixilancia normativa! En que mans está o pandeiro! A RAG, en quince anos (2003-2018), renovou amplamente o seu Plenario. Nada importa. O seu real ditame é como a monarquía española, que se pretende eterna, inmutábel e pontifical. Roma locuta, causa finita. Informáronse as novas e os novos académicos do que tiñan que votar ou obedeceron mansamente ordes superiores?

Información. Adxunto aquí unha información pública, que calquera pode consultar na páxina web do Grupo de Investigación ILLA, da Universidade da Coruña. Son as publicacións do doutor Ferreiro atinentes ao Himno ou que conteñen, dentro da xeral sobre Pondal, información a el referida:

  –[1996] De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1996, 1ª ed. (55 pp.) [D.L.: C-432-1996].

  –[19972] De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 1997, 2ª ed. revisada (72 pp.) [ISBN 84-87847-97-8].

  –[2001] Pondal, Eduardo: Poesía Galega Completa. Volume II: Poemas Impresos. Ed. de ..., Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, 2001 [Introdución (XIV pp.) + Textos e Variantes (120 pp.) + Notas críticas (214 pp.)] [ISBN 84-7824-144-2](As páxinas co texto do Himno e as notas ocupan, respectivamente, as páxinas 16-20 e 142-170).

  –[20073] De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego, Santiago de Compostela, Libraria Couceiro, 2007, 3ª ed. corrixida e acrecentada (146 pp.) [D.L.: C-2174-2007].

  –[2007] O Himno Galego. Documentos Históricos (1890-1907),A Coruña: Universidade da Coruña / Universidade de Santiago de Compostela / Universidade de Vigo, 2007 (108 pp.) [ISBN 978-84-9749-271-3].

  –[20074] De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego, Santiago de Compostela, Edicións Laiovento, 2007, 4ª ed. revisada (112 pp.) [ISBN 978-84-8487-132-0].

  –[2007] “O Himno. Historia, texto e música”, en Barreiro Fernández, Xosé Ramón &Villares, Ramón (eds.): Símbolos de Galicia, Consello da Cultura Galega / Real Academia Galega, 2007, pp. 105-192 [ISBN 978-84-96530-46-1] (en colaboración con Fernando López-Acuña).

  –[2008] “A expresión cantada da Nación: Historia do Himno Galego”, Terra e Tempo, 145-146, xaneiro-xuño, 2008, pp. 51-57 [ISSN 1575-5509]

  –[2009] “Os himnos nacionais (entre a Galiza e o Brasil). Sobre a deriva textual do himno galego”, en Tato Fontaíña, Laura &Maleval, Mª do Amparo TavaresMaleval: Estudos galego-brasileiros 3. Língua, literatura, identidade, Rio de Janeiro, De Letras/EdUERJ, 2009, pp. 21-48 [ISBN 978-85-60559-08-4].

  –[2017] “Os Pinos, o nacemento dun himno”, enEduardo Pondal, o cantor do eido noso, Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, pp. 75-96 [ISBN 978-84-8487-360-0] (Este capítulo é refacción do artigo de 2007 en Terra e Tempo).             Rec.: Xurxo Martínez González, “Pondal nos estudos de Manuel Ferreiro”, Grial, 2017, 215: 106-107.

  –[2017]Pondal, Eduardo: Os cantos eran da Patria (120 poemas). Introdución, edición e notas de Manuel Ferreiro, A Coruña: Real Academia Galega(479 pp.) [ISBN 978-84-946005-7-9] (As páxinas co texto e notas do Himno e ocupan as páxinas 308-313).

A letra auténtica do Himno, en definitiva, está máis que probada documentalmente. Adnauseam. Pero é que, a maiores, a RAG e o CCG nensequerrespeitan (ou len) o que eles mesmos publican. En 2007, coordenado por Xosé Ramón Barreiro (presidente na altura da RAG) e Ramón Villares (do CCG), publica o CCG o volume Os símbolos de Galicia. Nel, figura un estudo (80 páxinas) de Manuel Ferreiro e Fernando López-Acuña titulado “O Himno. Historia, texto e música”, en que figura a letra xenuína do mesmo, ao igual que no volume do primeiro editado pola propria RAG en 2017, tal e como consta na derradeira entrada da bibliografía pondaliana que reproducimos arriba. De por parte, as e os académicos, caso de teren a tentación de se informaren e de se afastaren do principio non escrito da obediencia debida, tiñan ben doado facéreno: Fernando López-Acuña é académico correspondente e supoño que non tería inconveniente en facilitar a información directamente. A RAG custodia o legado de Eduardo Pondal: a el poderían acudir, caso de non se fiaren da documentación e probas achegadas polo doutor Ferreiro.

Alguén dirá que este é un tema menor e secundario. Podo estar de acordo (aínda que para ser un tema menor, non se comprende tanta carga de penalización). Mais non é un tema menor que se siga cantando o Himno mutilado, reducido ás súas dúas primeiras estrofes. Non é un tema menor que se descoñeza a súa letra. Non é un tema menor que, após 35 anos da promulgación da Lei de Símbolos (Lei 5/1984), nen a Xunta, nen a RAG nen o CCG tivesen a ben enviar unha copia fidedigna de letra e música a orquestras, bandas, corais, centros escolares... Plebea tarefa para tan altas institucións, que así respeitan a lexislación galega e os símbolos que pertencen “ao pobo galego”! Que sarcasmo! Non é, en fin, un tema menor que ese “pobo galego” pague institucións que fan gala de tal grau de ignorancia, menosprezo da investigación académica e sectarismo político. Si, sectarismo político. Aí lle doe. Non se aborrirán de tanta cerrazón, de tanto intercambio de favores, de tanta masaxe mutua? Non terán a ben, sequer sexa nun minuto dos seus elevados pensamentos e esforzadas tarefas, pararse a pensar que pode haber algo de razón, algo de ciencia filolóxica, literaria ou histórica, fóra dos muros das súas institucións? Poder académico, poder cultural e poder político: todos tres a alimentárense mutuamente, en exercicio perverso: o PP, titular da Xunta e maioritario no Parlamento Galego, ten a súa coartada inmobilista no ditame da RAG e do CCG. Estes xa se adiantan obedientemente a cumpriren as previsións daquel (reparen, por favor, no xogo: o Parlamento estima que é un tema “filolóxico” e por iso convoca o parecer da RAG e do CCG; estas institucións devolven a bóla, cualificándoo de tema “político”...). E así sucesivamente.

Si, así sucesivamente. Chega o óleo de Castelao “A derradeira leición do mestre” á Galiza: clamor artístico-testemuño elocuentísimo da denuncia do fascismo-españolismo que quixo aniquilar o nacionalismo galego, representado por Alexandre Bóveda, o mártir asasinado un mes despois de o exército golpista iniciar a traxedia guerracivilista. Mensaxe histórica intragábel para os cipaios de arestora, nonsí? Pas de problème. Reconvértese-manipúlase a mensaxe de Castelao e, como na lexenda da estampa orixinal e mais no título do cuadro dela derivado, aparece a palabra “mestre”, devén a exposición sobre el montada nun discurso sobre os mestres, a súa importancia e a represión sofrida na guerra civil española. Todo vale. Se hai que o facer, faise. Tal cal a práctica de Pérez Varela, cando foi titular da Consellaría de Cultura e levou adiante a construción da malfadada Cidade da Cultura.

Falei arriba de soberba. Non é só que estes mandaríns da cultura galega se adapten, se acomoden, se retribúan mutuamente, alimenten adoito o endogrupo... Non, é que negan que por fóra deles exista algo como favorecer o debate, intercambiar a información, contribuír a coñecermos a historia do país ou, simplesmente, apertura de miras. Son vaticanistas. O xefe pontifical nunca ha de ser discutido. Palabra de Dios. Te alabamos, Señor. Propóñolles, en fin, que preparen un sainete para o que lles facilito título posíbel, un sinxelo dístico: ¡VIVA LA AUTONOMÍA, SIEMPRE QUE SEA MÍA!





[17-01-2019 21:16] Luisa comentou:

Pois estaría bien ir cantar o himno nacional con bandas,se cumpre,a eses "antros"a ver se enteran de a quen tenhen que servir.
Sinto orgullo de ser muller GALEGA ao ler os seus artigos,nestes tempos de feminismo.... global?.

[17-01-2019 13:57] Zouma comentou:

Non hai máis que dicir. A cultura galega está en mans de mantidos vendidos ao sistema estatal. Galiza non existe fora dos verdadeiros patriotas que a temos como nación. Compren iniciativas populares e dos partidos e organizacións nacionalistas que espallen polo país, redes sociais, etcs a verdadeira letra do noso himno nacional.

[17-01-2019 12:42] Francisco comentou:

Óptimo! Así é, Pilar....Todo inamovíbel, nada modificábel, e moito menos contribuír a que socialmente a idea de Galiza exista con relevo e asunción colectiva en calquera aspecto.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña