16:47 Xoves, 17 de Xaneiro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-01-2019

Corresponde a todas as galegas e a todos os galegos contribuíren co seu gran de area para melloraren a calidade na utilización cotiá da lingua

Algunhas reflexións sobre a necesidade de aprimorarmos o uso da lingua

Valorar (17)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Durante o século XIX, cando o idioma galego comeza a ser estudado e reivindicado con certo rigor, un dos debates que se produciu asentou na necesidade de recuperar a autenticidade lingüística. Así, perante a relativa diversidade local, reparábase en que galego podería ser o máis xenuíno ou onde se debería ir procurar un “galego enxebre” ou até en que escritoras e escritores posuían o estilo máis recomendábel. Ao mesmo tempo, moitas das persoas que nesa época se ocuparon das dificultades sociais que tiña a lingua identificaron unha boa parte deses problemas nas influencias que o galego sofría a respecto do español, as cales, en moitos casos, chegaban a xerar unha variedade hibridizada. E quen realmente se preocupaba polo futuro do idioma fixo ás veces chamadas de atención para que ese estado de cousas non progredise ou, no mellor dos casos, para que recuase, pois percibíase con total clareza que unha das ameazas máis serias para a sobrevivencia do galego consistía precisamente na constante erosión a que estaba sometido: colectores de literatura tradicional, gramáticos, intelectuais comprometidos coa lingua, poetas etc. subliñaron, con maior ou menor acerto, con menor ou maior intensidade, e cadaquén desde as súas propias concepcións ideolóxico-lingüísticas, que o idioma se achaba nunha situación de perigo por esas perennes beliscadelas da, na altura, única lingua oficial. O compromiso coa recuperación real do galego, pois, confluía en todo o momento coa súa necesaria estilización, xa que se entendía que non se podía recuperar a forma cando a substancia tiña serias problemáticas internas.

Nos primordios do século XXI, isto é, máis de 150 anos despois, observamos que a situación non só non mellorou, como antes piorou en termos cuantitativos e cualitativos. Así, dun punto de vista interno, estruturas morfosintácticas características do galego, expresións e frases feitas idiosincráticas, léxico tradicional (e non estritamente pertencente ao ámbito camponés ou mariñeiro) etc. teñen de pasar polas alfándegas da falta de sistematicidade na utilización ou até do descoñecemento e do desuso, tal e como vén acontecendo desde as primeiras reivindicacións ao respecto no século XIX. Únese a todo isto, aínda, a circunstancia de que, nalgúns sectores da filoloxía galega, mesmo se deixa entrever certa conivencia relativamene a esa corrosión: o contacto de linguas –din algunhas persoas– trae consigo esa maridaxe entre os idiomas no mesmo territorio ou nos mesmos grupos de falantes; vira inevitábel, argúen outras, que o galego reciba interferencias, sobre todo do español, e esta circunstancia pode aumentar os recursos expresivos da masa de falantes.

Se decidirmos abrazar algunhas destas ideas, dá a sensación de que a lingua xa chegou onde tiña de chegar (administración, audiovisuais, mundo académico etc.) e que o pobo, ese mesmo pobo que a conseguiu conservar durante séculos, ten de continuar a empregar unha variedade fortemente interferida, grandemente desnaturalizada e cada vez máis hibridizada: non pode utilizar a propia lingua destonada de españolismos e asentada na súa tradición milenaria porque o habitual, na actualidade, é o contrario, isto é, que a empregue cuns niveis elevados de barbarización, até promocionados desde determinados programas televisivos. E, conforme con algunhas opinións, parece que ese mesmo pobo nunca será capaz de se exprimir cunha lingua sen interferencias, xa que ou ben non ten interese en o facer (pois xa fala un tipo de “galego popular” e isto vira suficiente, como se a única hipótese de identificación lingüística na Galiza co idioma propio sexa a das variedades coloquiais) ou ben os modelos que desde a oficialidade se proxectan na populación galegofalante espontánea non son capaces de recomendaren o contrario; parece ser totalmente suficiente esa variedade familiar fortemente interferida por elementos espurios en que repousan todas as *aceras, moitas *calles, bastantes *conexos e *conexas, todos os *pulpos ou a maior parte das *sillas, por pormos algúns exemplos.

Deixando de parte o léxico, tamén outros ámbitos da descrición lingüística se ven afectados por esas tolerancias contra natura. Así as cousas, sen entrarmos a valorizar –por infelizmente obvias– expresións como *Me dixo que viñeras mañá, *Se me fixeras caso, che axudaba etc., e tamén sen ningunha vontade de reprobación ao ouvirmos tales estruturas nos momentos iniciais das persoas neofalantes que tiveron a coraxe e a valentía de faceren o galego a súa lingua habitual, parece ter o mesmo valor unha cláusula do tipo É preciso vires que outra como É preciso que veñas, posúe o mesmo rango unha sentenza ao estilo dun Avisa cando chegares que *Avisa cando chegues e até poden ficar suprimidos valores expresivos de alta eficacia ao se rexeitar nun rexistro coidado construcións do tipo Xa lles eles dixeron o que penso, Nunca te alí vexas como me eu vin ou De o non sabermos a tempo, todo sería diferente.

Do noso punto de vista, aceptarmos con total naturalidade a presenza directa ou indirecta de influencias foráneas na lingua ou decantármonos pola preferencia daquelas fenomenoloxías e características gramaticais e lexicais coincidentes co español só porque se constata unha maior frecuencia de utilización non se converte unicamente nunha práctica asaz discutíbel, mais en certo modo contradí todo o labor de restauración interna e de dignificación que se leva facendo para o galego desde o século XIX. As variedades lingüísticas epigrafadas dentro do xa referido “galego popular” poden ser tan galaicas como populares sen por iso teren de recibir gratuitamente influxos alleos. A necesaria comprensión cara ás persoas neofalantes naqueles aspectos que lles puideren presentar certas problemáticas gramaticais ou lexicais non pode tornarse sinónimo dunha idéntica tolerancia para profesionais que viven do galego ou a través do galego ou para ámbitos en que o desleixo pola lingua se leva convertido en comportamento habitual (administración, discurso político, medios de comunicación etc.).

En obras dadas a lume en finais do século XIX e durante o primeiro cuartel do século XX, contrastivamente con algunhas opinións modernas, foi xa alertado o perigo que traía consigo esa españolización e, cando se puido, foi combatido cos medios existentes na altura. Sorprende, desde a época actual, que se non poña todo o empeño en tratar de evitar esa maré desnaturalizadora e que se entendan como algo nocivo para o idioma os esforzos destinados a frearen esas fortes e correntes turbas de barbarización. E tamén vira rechamante, a termos en conta o noso tempo, o empeño posto por algúns eruditos no Rexurdimento e nos primordios do século XX en procuraren o galego máis autóctone e xenuíno, cando, presentemente, dá a sensación de que todo ten doada acomodación na praxe habitual. A procura do denominado nos nosos tempos como ‘lingua de calidade’, ‘calidade da lingua’ ou ‘calidade lingüística’, a pesar de enformar unha das reivindicacións actuais máis relevantes vinculadas ao comportamento ético co idioma, deita as súas raíces xa no século XIX e mantívose, coas arritmias propias do proceso de recuperación do galego en que aínda nos achamos, até aos nosos tempos, nunha época en que nunca o idioma estivo tanto e tan ben estudado; de aí a nosa perplexidade para a comprensión de todo aquilo que dana ese proceso, pois dificilmente se pode recuperar e normalizar unha lingua cun alto grao de mesturaxe co español e notabelmente erosionada por este idioma. Como ilustra Sanmartín Rei (2009) ao longo do ensaio Nos camiños do entusiasmo, o modo de dignificarmos e prestixiarmos a lingua está intimamente ligado ao compromiso con esa práctica habitual do idioma que conscientemente aposta na súa calidade e que tamén propositadamente rexeita o desleixo gramatical abandeirado nese “total, que máis ten”. E, apropiándomonos dalgunhas das ideas contidas en artigos da obra de xa revelador título Língua e Cidadania organizada por Henriques & Simões (2004), cómpre tamén que as cidadás e os cidadáns da Galiza se impliquen nese pacto ético co idioma no sentido de empregaren, cada vez máis e mellor, a propia lingua.

En resumo, corresponde a todas as galegas e a todos os galegos, mais nomeadamente a aquelas persoas que fan uso público do idioma ou que teñen responsabilidades no seu estudo e promoción social, contribuíren co seu gran de area para melloraren a calidade na utilización cotiá da lingua. Non se pode dignificar nin normalizar algo fortemente desnaturalizado. Facemos nosa, por tanto, neste ano 2018 que acaba de comezar, aquela pregunta retórica de Antonio Losada Diéguez cando formulaba se, na realidade, “¿Debemos facer revivire a nosa lingua ou debemos axudar a matala?”. A resposta a esta cuestión ben pode provir doutro insigne galeguista da altura, Johan Vicente Viqueira: “É denantes de todo preciso que todos os galegos falen e escriban o galego como poidan. Mais isto non abonda; é preciso despois qu’o falen e escriban á perfeición”. Fagamos revivir o galego, por tanto, e tratemos de o empregar nuns niveis crescentes tanto de cantidade canto de calidade, xa que ambos os conceptos non son, nin moito menos, incompatíbeis.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal