19:52 Sabado, 16 de Xaneiro de 2021
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-12-2018

Ccomo denunciaba Castelao, o retrato da España “eterna”: clericalismo, militarismo, capitalismo

Dogmas vaticanos

Valorar (34)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Sempre me vén á mente, nos primeiros días de Decembro, o mesmo pensamento, e de feito xa escrebín sobre el hai anos. Trátase do convivio de dúas festividades: unha consagrada a un dogma da Igrexa Católica; a outra, a un outro dogma, ideolóxico-político neste caso, a Santa Constitución. Sempre me chamou a atención  -desde nena-  a linguaxe eclesiástica. Daquela, na lonxincua infancia, había expresións que non entendía, claro está, mais que cumpría repetir. Que sería aquilo do “comercio carnal”, por exemplo, cando meu pai tiña un comercio? Ou o da “frugal colación”? Que era exactamente unha “bula”? E os louvores á Virxe da ladaíña após o rezo do rosario, en solemne latín? Desde logo, tiñan un carácter máxico. Nada se nos explicaba, nada perguntabamos (eu, polo menos). Tempo había pasar para saber de que falabamos. Mais volto ao rego do que quero significar.

Os dogmas católicos ou verdades de fe. Por sobre o antiquísimo da maternidade virxinal de María (século V), semella incontestábel que dous dogmas decretados no século XIX son resposta ou reacción ao librepensamento, ao empuxe do socialismo como ideoloxía, ao marxismo como filosofía e como derivada política, á liberdade e independencia de criterio, á defensa do cristianismo evanxélico ou, en xeral, a calquer desvío heterodoxo da relixión oficial. De 1854 (papa Pío IX) data o dogma da Inmaculada Concepción, en virtude do cal se excluía a María, a nai de Xesús, do pecado orixinal común a toda a especie humana. Cumpría deshumanizala para “merecer” así ser a nai de Cristo. Só sete anos após publicado e ordenado este novo dogma, Rosalía de Castro publica o seu poema “Eva” (1861), auténtico torpedo antidogmático na liña de flotación do catolicismo oficial (“Non existe nengun plantexamento máis absolutamente radical nen heterodoxo na literatura, ou feminista española do século”, en palabras de Francisco Rodríguez [1988]): Eva, a pecadora por antonomasia, a tentadora de Adán, a introdutora do pecado no mundo, a causante do pecado orixinal con que todos naceríamos, transmutada en redentora; en redentora de quen?: da metade da humanidade irredenta, das mulleres.

En 1870 (Concilio Vaticano I), con Pío IX tamén como titular do Papado, a xerarquía da Igrexa Católica decreta un outro dogma, igualmente importante: a inefabilidade do Papa, cando fala por revelación divina, isto é, ex cathedra. Aínda, no ecuador exacto do século XX, baixo a tiara de Pío XII, instáurase un novo dogma: o da asunción de María aos ceos. O novo dogma sobe a unha muller ao ceo; oitenta e nove anos antes, Rosalía de Castro baixara unha muller á terra, aquela Eva, “mujer en quien esperan las mujeres!”.

Século XXI. A monarquía parlamentar española, o cumio de toda democracia para o pensamento dominante, conserva (bon símbolo da súa orixe franquista, ditatorial), no día 8 de Decembro a festividade da Inmaculada Concepción (patroa da arma de Infantaría, non patroa de Artillaría, como eu pensaba e un bon amigo moi versado me aclarou), ao igual que se mantén como feriado e apoteose do españolismo o 12 de Outubro, advocación da Virxe do Pilar (vaia por Deus!), patroa da Guarda Civil, de Correos, da Raza, da “Hispanidad”, da “descoberta” de América e aínda non sei se lle penduran máis asociacións á tal Virxe, co pequena que é a súa titular, a da catedral de Zaragoza: tan diminuta a imaxe como enorme a columna e o riquísimo manto: velaí onde tanto se lle pende! En fin, como denunciaba Castelao, o retrato da España “eterna”: clericalismo, militarismo, capitalismo.

Dous días antes  -esta xa de novo cuño-, no 6 de Decembro, por tanto, o Día da Constitución. A Santa Constitución. A pedra filosofal, a indiscutida e indiscutíbel, a nai, o pai e o tutor de toda democracia, de todo progreso, de todo cambio arrombador do rexime anterior. Como puro dogma tratada, como puro dogma imposta, como pura verdade de fe impartida aos fregueses. Pobre do que discrepe! Pobre do que ouse desvendar a súa radical impostura democrática, a súa continuidade en aspectos esenciais do rexime anterior. Hai xa ben anos que o noso querido e admirado Victorino Gutiérrez Aller analisaba como tres das cuestións máis debatidas no tardofranquismo: a forma do Estado (monarquía / república: debate mutado polo PCE e polo PSOE en ditadura / democracia); a estrutura territorial do mesmo ou o problema nacional; a definición económica (capitalismo) pasaron íntegras ao texto constitucional. Que dicer do artigo 2: “La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles, y reconoce y garantiza el derecho a la autonomía de las nacionalidades y regiones que la integran y la solidaridad entre todas ellas”? Que lingüista, politólogo ou todólogo será capaz de negar a evidente analoxía-descendencia dos “Principios Fundamentales del Movimiento” (a unidade “intangible” de España; a patria única)? Que “autonomía” se concede a “nacionalidades” (naturalmente, a concesión da única “nacionalidad” admitida, a española, é competencia do Estado) e a “regiones”?: a tutelada directamente polo Estado español ou, noutras palabras, a exercida nominalmente con tal de que non se exerza de verdade. Ou que dicer do artigo 3.1.: “El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho de usarla”? Acaso este artigo non invalida, de raíz, calquer pretensión de dotar de normalidade plena ás linguas que non son a dogmaticamente dotada de deberes e dereitos universais? (para todo o “pueblo español”, porque outro non se recoñece, non existe legalmente).

Velaí os dous cabos ou extremos actuais, no oeste e no leste do Estado: a Galiza e Catalunya. Eis os fillos da “autonomía”: o reforzo da dependencia / a súa radical insuficiencia para dotar de contido respeitoso da súa semántica á palabra “autogoberno”. Velaquí os fillos históricos da Constitución española vixente.

1977-1978. Coido que un dos maiores acertos do nacionalismo galego contemporáneo foi mesmamente, neses anos de xestación e parto do texto constitucional, expresar, defender, analisar, divulgar... o NON razoado á tal Constitución. Outros caíron do cabalo moito máis tarde, e aínda hai quen fala da necesaria “reforma” da mesma, por vella e vedraia, por caduca, non por negadora de dereitos colectivos e nacionais básicos. Mais un dogma non se reforma: elimínase ou acátase obedientemente. Un dogma ou verdade de fe non se razoa, non se cuestiona, non se fragmenta, non se admite do mesmo unha porción para discutir outras.

Por que falo repetidamente de dogma? Como en 1870 (dogma, como dixemos, da infalibilidade papal), este artefacto ideolóxico-político é cerradamente circular: ao igual que Pío IX decreta a súa propria infalibilidade, os haxiógrafos do constitucionalismo actual voltan sobre si mesmos: decretan a bondade imperativa e excluente do que eles proprios elaboraron, promulgaron e impuxeron. Limpa democracia, abofé! A poder de sinceridade non camuflada en eufemismos ou elipses, hai, de entre eles, quen así o recoñece: o xurista e recentemente premiado Muñoz Machado (un dos tres candidatos a presidir a Real Academia Española: como debe ser, todo na casa, viva a endogamia académico-política!), verbo daquel artigo 2 que citei arriba, expresa que nel reside a auténtica “cláusula de perpetuidad” absolutamente inmodificábel, esencial e eterna como os dogmas vaticanos.

Con este dogma como arma, en fin, o Goberno español actual, co seu presidente á cabeza, claro está, viaxará a Barcelona para nela celebrar a reunión semanal do Consello de Ministros, como hai meses realizou en Sevilla. Sevilla é España. Barcelona, Catalunya. Mais trátase de marcar territorio, como os lobos, trátase de tomar pose, máis unha vez, da propriedade cuxa titularidade non se pode discutir. Unha verdadeira provocación. O eufemismo, por boca do señor Sánchez, presidente do goberno español, comprácese en afirmar que viaxan a Barcelona por “aprecio” aos cataláns. Xa podían demostrar todos eles o “aprecio” español con actuacións políticas de diálogo, comprensión, respeito e negociación. Mais non hai tal. Máis dun ano de prisión preventiva; castigo; represión; caricatura; vinga, en definitiva. A España eterna e inamovíbel. Canta modernidade!

Mais eu, como galega, indígnome por unha outra cuestión asociada. O tal Consello de Ministros terá lugar na Cámara de Comercio barceloní, en pleno centro da cidade. Máis de mil efectivos de corpos policiais do Estado (galegos, entre eles) van ser deslocados á capital catalá para garantiren a seguranza da tal reunión gobernamental. A canto se eleva o custo de semellante operación? Canto nos vai supor, na parte alícuota correspondente, ás galegas e aos galegos? Coa contracción-redución orzamentaria pública coñecida e recoñecida, que peito hai que ter para xustificar semellante dispendio? Será posíbel que teñamos esquecido o Consello de Ministros celebrado na Coruña (en perfeita sintonía Aznar-Vázquez, presidente español e alcalde da cidade na altura) após a catástrofe do ‘Prestige’? Valeu acaso para “compensar” a Galiza de semellante ignominia? Nen sequer se cobraron as indemnizacións nen os aseguramentos a feito...

Dogmas vaticanos, dogmas políticos. Cuarenta anos despois, na mesma praza do Obradoiro onde se ergue, con maxestosidade insuperábel, a Catedral compostelana, a GALIZA NACIÓN humana, por galegas e galegos soportada, viveu de novo. Benia a quen a deseñou e executou. Foi Leonardo da Vinci, seica, quen escrebeu que a teoría é o capitán e a práctica, os soldados. Temos a “teoría”; apliquémola á práctica. Co tempo que leve.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña