09:15 Venres, 23 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-12-2018

A clase obreira industrial no mundo occidental, chegou a ser o cerne da vangarda laboral no combate contra o Capital

Suxeito revolucionario e a clase obreira hoxe

Valorar (12)

FRANCISCO GRAÑA



Na sociedade capitalista, as e os traballadores libres vense obrigados a vender a única propiedade que teñen, a súa forza viva de traballo, a os propietarios dos medios de produción e a subsistencia en troque dun prezo, salario, para poder satisfacer as súas necesidades vitaís. Desta maneira establécense as relacións salariaís. O traballo asalariado é a relación propia, xunto co diñeiro,  do modo de produción capitalista O Capital a el vencellado,é tamén unha relación de produción. Sen traballo asalariado non existiría o Capital, e sen Capital tampouco existiría traballo asalariado, ambos  os dous compleméntanse necesariamente.

Mais, para que xurdira a existencia de traballadores libres, foi necesario todo un proceso histórico de expropiación e individualización, a partir dunha acumulación primitiva, constituída grazas ao espolio e saqueo das colonias por medio das guerras. Paralelamente os labregos foron expulsados das terras de Occidente polo ferro e pola fame, para usalos como carne de cañón na conquista de novas terras. Este proceso trae consigo a deshumanización xeral, debido a ruptura dos ligames naturaís e sociaís coa terra e as familias.

Ruptura cos vinculos naturaís coa terra, ao ser desposeídos os seus habitantes  dos  medios de produción e do territorio como laboratorio de traballo e desenvolvemento humano.A ruptura, como ser social, dos lazos familiares, ate o clan e a nación. Os dous aspectos  conforman a esencia do ser humano. A destrución  remata coa súa conversión en individuos, libres de todo vincallo que non sexa a dependencia absoluta do diñeiro para subsistir, ao ser sumidos na pobreza en tanto que traballadores que viven da venda da súa forza de traballo.

Esta nova mercadoría que portan as e os traballadores, a forza de traballo, diferéncianse de todas as outras, incluido o diñeiro (mercadoría que se pode intercambiar por todas as demáis ), porque é a única que ten a cualidade de xerar valor, plusvalía para o Capital nas relacións salariaís . Porén a pobreza, foi e é a condición, sine qua non, do desenvolvemento capitalista, coa riqueza acumulada noutro polo, o Capital. Sen pobreza non pode haber capitalismo.

O concepto, suxeito revolucionario estivo asociado, (noción que se amplia a proletariado ao englobar aos labregos e as masas empobrecidas) a unha porción minoriaria do conxunto laboral, vencellado, aos novos centros        industriaís. Foi medrando coa industrialización grazas ao saqueo colonial, ate facerse maioritaria na Europa e Occidente.O paradigma deste proceso é Inglaterra convertida nun pais industrial coa liquidación da agricultura. A acumulación de Capital nas metrópoles foi feita a costa do espòlio das colonias e das nacións oprimidas da periferia europea e mundial, como Irlanda, Escocia, Galiza....en Europa.

A clase obreira industrial no mundo occidental, chegou a ser o cerne da vangarda laboral  no combate contra o Capital; e en efecto as súas loitas obreiras, favorecidas polas concentracións industriais en grandes fábricas, lograron moitas reivindicacións económicas e sociais.  Foron radicais e numerosas, sendo protagonizadas  nas nacións da Europa Occidental principalmente, por esta porción da clase traballadora esencialmente. Mais non conseguiron romper coa estabilidade do sistema capitalista en ningún destes países, e avanzar cara unha alternativa socialista consistente.

Nas dúas guerras mundiaís inter-imperialistas, os gobernos burgueses das nacións occidentaís, manipularon as e os traballadores apropiándose dos seus sentimentos patrióticos, e perderon a conciencia de clase co chauvinismo, racismo e insolidariedade.  Empurraron aos pobos,  confrontando en exércitos as masas obreiras das distintas nacións nas guerras promovidas no seu interese, polas súas burguesías. Poñéndose  ao servizo do Capital imperialista dos seus países, a clase obreira destas nacións abandonou todo proxecto de emancipación. Aquí cabe a expresión e se confirma a perfección, de que “os obreiros non teñen patria”, xa que lle foron arrebatadas polas burguesías imperialistas do gran Capital no seu proveito, conseguindo presentar o seu interese como o interese  de toda a Nación.

As guerras inter-imperialistas tamén deron pé as primeiras revolucións socialistas nas nacións da periferia do sistema capitalista mundial, onde si, as minorias que forman as clases obreiras industriais, cumpriron un papel relevante na dirección do proletariado dos procesos revolucionarios periféricos, nos que a loita de liberación nacional foi o factor determinante, como via obrigada para a emancipación dos pobos nestas revolucións  anticapitalistas e antiimperialistas.

Entre o nacionalismo e o internacionalismo proletario, non existe contradición algunha. O movemento obreiro de cada pais non está en contradición coa súa conciencia de clase, senon todo o contrario, é precisamente baixo as formas nacionaís  de autooorganización, como se poden defender con éxito os intereses internacionaís do proletariado. Co patriotismo a loita de clases proletaria reviste necesariamente formas nacionaís. A este respecto afirmaba o búlgaro Dimitrov, “O cosmopolitismo sen Patria, que nega o sentimento nacional non ten nada en común  co internacionalismo proletario”, George Dimitrov, Secretario da Internacional comunista 1934-1943.

Na Galiza, o chauvinismo non ten cabida no patriotismo galego, en tanto que Nación proletaria  que soporta dende hai moito tempo  unha relación de colonialismo, achándose sometida a un caduco Imperio español. Ainda hoxe mantense grazas a existencia do Imperialismo capitalista. A liberación nacional é a precondición necesaria para a liberación social, e o nacionalismo galego é a autoorganización, sen dependencias, que constitúe  a forza política e social emancipadora imprescindíbel. O sentimento nacional e o patriotismo galegos, son a condición do seu internacionalismo e antiimperialismo.

Nos últimos cincuenta anos a forza de traballo sofreu cambios moi importantes, chegándosea se considerar nalgúns medios que tiña deixado de existir como suxeito revolucionario. Nada máis lonxe da realidade. Estas mudanzas teñen relación coas novas tecnoloxías introducidas polo Capital nos procesos produtivos, para desvalorizar a forza de traballo. Combinadas coa deslocalización das industrias na Globalización, deron ao traste cos Estados de Benestar, permitindo eliminar as vantaxas salariais e sociais recibidas polos traballadores de Occidente, en pago a sua alianza de clases cos Gobernos imperialistas para participar no espolio dos pobos periféricos e no combate ao antigo bloque soviético.

Con todas estas modificacións a clase traballadora asalariada medrou na súa totalidade ate converterse nunha maioría social abafante en todo o mundo. Na composición da forza de traballo, agas nos países con economías mixtas planificadas, “o exército de reserva” formado polas traballadoras e traballadores en paro, reune unha parte variábel   salientable e absolutamente necesaria para o Capital, co fin de reducir o prezo da forza de traballo empregada.Así hoxe temos, unha clase traballadora atomizada, con múltiples formas de relación laboral na que a precariedade é dominante; traballadores a tempo parcial, causal, temporal, intermitente, multi-traballos.....e a forza de traballo circula como outra mercadoría calquera, moitas veces en precario e sen a protección que reciben as outras.

Galiza segue sendo unha gran exportadora de forza de traballo, debido a súa dependencia e condición colonial, que impideu neste caso, a formación dun gran centro urbano industrial e comercial no pais para a absorción da poboación excedente do rural, a diferencia de Euskadi con Bilbo, e Catalunya con Barcelona; hoxe Madrid, segundo a CIG, é a primeira saída para a forza de traballo galega cualificada, para o resto principalmente na hostalaría en Canarias. Na Galiza os movimentos migratorios sempre teñen un saldo moi negativo para o pais. O rural xa non existe, e a poboación urbana disminúe, o cambio de rumbo é máis que necesario.

Coa Globalización, o gran Capital, especialmente o especulativo e financeiro, xa non necesita Patrias nas que escudarse, fíxose cosmopolita por conveniencia pero non “proletario”, senon globalista, atacando calquera nacionalismo por anticuado e reaccionario, contrario a modernidade e o desenvolvemento económico do Imperialismo capitalista. O seu principal obstáculo son as nacións que non se deixan dominar e se opoñen coas loitas de liberación nacional, con alternativas anti-capitalistas e anti-imperialistas.

Pero unha nova dificultade engádese ao gran Capital, pois rexurde o seu problema endémico coincidindo coa Globalización, a crise económica estrutural agravada coa ecolóxica. A caida da Taxa Media de Ganancia é unha tendencia inexorábel incontrolabel no funcionamento do sistema, causada por un desmesurado capital , exceso de oferta e sub-consumo polo lado da demanda, quese resolve mediante a conquista e a expansión, mais esta vía xa está esgotada e só queda a destrución de parte do capital constante, ben polas guerras ou pola competencia entre os capitalistas por acceder a maior taxa individual de ganancia (beneficio empresarial), nun entorno de caída da taxa media xeral, cuia suma redúcese dando lugar a super-beneficios en poucas empresas e moitas quebras nas outras. Non hai para todas.

As contradicións entre os distintos sectores  do Capital, unido a decadencia ea perda de poder do Imperio ianqui ten causado unha tensión máxima, pero non a ruptura.  Maniféstase nunha confrontación dentro do Capital, entre o financeiro e o industrial principalmente, entre o globalismo e o proteccionismo.

O Capital, da man do proteccionismo volve a recorrer ao patriotismo chauvinista, aproveitándose das  favorábels condicións que lle presta a migración dos pobos famentos de outras culturas alleas a Occidente. Un éxodo promovido po las guerras imperialistas globalistas. As masas obreiras do occidente imperialista volven a caer no mesmo erro e  apúntanse con afervoamento a este novo patriotismo racista e chauvinista, propio do pasado fascista . Trump é un exemplo, e a tendencia a guerra  fortalécese como saida a esta contradición do Gran Capital.

A división producida no núcleo do Gran Capital debilita o Imperialismo , pero aínda mantense unido por enriba das súas diferencias, fronte as grandes potencias asiáticas de economía mixta; modelo que as inmuniza  do contaxio das  crises e divisións internas do Capital, pero non  das súas contradicións externas, polas agesións  que impulsa. De ahí proven a súa superioridade, coa planificación fronte ao caos xeral de Occidente. O Club Bilderberg lamentaba con envexa que o Capitalismo non puidera ter unha planificación parecida ao sistema soviético para poder regular o Capital, algo imposibél, porque leva no seu ADN a anarquía na produción e a distribución.

O caos do Imperio capitalista, no seu conxunto e en cada nación, só pode ser atenuado temporalmente e de maneira ficticia cun novo fascismo, promovido polo gran Capital e apoiado polas masas obreiras de cada pais, co que novamente se manifesta nestas o seu carácter ambiguo .A masa obreira de cada nación poderá recuperar a súa conciencia de clase e non someterse a o Capital, só se asume o patriotismo internacionalista cortando o paso ao fascismo. Doutro xeito a loita reivindicatica non acumula capacidade para poder exercer, con instrumentos estatais propios, o poder político no seu interese de clase,e xa que logo, transitar no Socialismo para acadar a súa emancipación.

O Imperialismo aínda no poido abrir unha brecha entre as potencias alternativas, como no pasado   na   “Guerra fria”, coa “coexistencia pacífica”, a pesares de que traballa con perseveranza neste obxectivo, mais ate de agora non se visualiza unha división entre Rusia e China.

Para acadar os seus propósitos, o Capital non ten prexuicios e aproveita no seu interese, todas as ideoloxias , sentimentos,emocións,relixións e doutrinas, que lle poden servir para manter e ampliar o seu poder; nacionalismo, comunismo, socialismo, anarquismo, liberalismo..... facendo nelas as modificacións oportunas. Esta manipulación é tan evidente que non necesitamos poñer algún exemplo dos moitísimos que  existen e se anotaron. Mais non pode en ningún caso deixar de xenerar permanentemente contradicións sociais e políticas, a loita de clases, e de novo a emerxencia das maiorias sociais, do proletariado,  como suxeito revolucionario. 

Tamén estes conflitos poden e deben favorecer a loita de clases vinculada a Soberanía dos pobos e nacións oprimidas do mundo, incluida a nosa, como xa ten acontecido na Historia. Galiza non ten nada que perder, acaso  se cadra as súas cadeas que non lle fan ningún ben, ainda que os españolistas de todos os cores digan o contrario.  




[05-01-2019 15:47] Palmira Quintas Cospedal comentou:

Lamento ver unha vez mais outro análise cargado de argumentos formais desvinculados da realidade sociolóxica e económica de Galicia. A clase obreira do centro do sistema fai anos que perdeu o protagonismo dos procesos emancipadores. E isto non é por casualidade. O capitalismo adaptou, no marco da globalización, formas mais sofisticadas de organización da producción arrebatándolle aos traballadores a capacidade que tiña de paralizar toda unha rama productiva e paralizar a economía dun país, ao mesmo tempo que incoorporou a unha parte deles aos procesos consumistas fraccionando así o seu sentimento de pertenza a unha clase social. Paralelamente, como correctamente se descrebe no artigo, o sistema, sumido nunha crise estrutural moi profunda, está xerando un excedente de man de obra prescindible que non require para seguir medrando e que sofre condicións sociais de absoluta marxinación e pobreza e de explotación brutal, cando temporalmente incoorpóranse ao proceso produtivo. Estas circunstancias fan que a clase social emancipadora se defina sobre parámetros históricos cambiantes e o peso do proceso emancipador recaia sobre aqueles que teñen o denominador común de ser prescindibles, sen valor algún para o sistema, que non sirven nin como forza de traballo. Na miña opinión, todo isto está acontecendo en Galiza onde a condición de galego é outro elemento mais que forma parte do denominador común da discriminación de clase.

[14-12-2018 22:14] Dores comentou:

Artigo ben interesante. Parabéns ao autor.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña