06:03 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-12-2018

A revolución dixital que veu como unha grande oportunidade para achegar obxectividade e posibilidades de información a un mundo dominado polos xornais máis influentes, estase a converter nunha perigosa ferramenta en mans pouco aconsel

Fake News, postverdade, e eleccións

Valorar (17)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



Achéganse eleccións municipais e europeas e medra a preocupación sobre a forza que podan exercer políticos con nula praxe democrática, delincuentes con intereses electorais, ou mesmo gobernos estranxeiros con intereses particulares. Jair Bolsonaro, Donald Trump e Vladimir Putin son exemplos globais da utilización sistemática da mentira máis descarada con efectos devastadores para os seus opoñentes. O acceso de determinados personaxes políticos ao poder é a proba de que a manipulación das emocións a través de Internet estase a converter na arma electoral máis poderosa na actualidade.

A masiva utilización por parte da cidadanía das redes sociais e as aplicacións de mensaxería instantánea, dotan a estes medios de grande poder e capacidade para facer chegar as mensaxes aos potenciais votantes. Mentiras camufladas como novas, vídeos que tentan desmentir publicacións negativas, mensaxes de desconfianza sobre enquisas ou sobre o sistema electoral, e até falsos apoios de persoeiros de renome son actuacións con dous obxectivos: por unha banda mobilizar a favor dunha determinada postura ideolóxica a persoas sensibles as mensaxes emitidas, e por outra banda  minar as posibilidades do contrario a través de informacións falsas que fan que desistan de votar ou se desmobilicen os convencidos.

A tecnoloxía do Big Data pode obter información, a través das opinións en redes sociais, de posibles votantes, de persoas que son sensibles a segundo que tipo de mensaxe e declaración, xente que non te votaría pero que tras un bombardeo informativo e de escoitar aquilo que quere escoitar  debúllaselle un escenario totalmente distinto. Por outra banda tratan de minar as posibilidades do contrario a través de informacións falsas sen pudor algún que fan que posibles votantes cambien o sentido do seu voto ou queden na casa.

A axencia de comunicación Cambridge Analytica no referendo do Brexit, e tamén na campaña electoral de Donald Trump, marcou tendencia influíndo nas emocións da cidadanía para que uns votaran e outros non segundo interese marcado. Un dos xeitos máis doados de manipular ás persoas é por exemplo dividir o mundo entre "eles" e "nós": son esas burbullas nas que sen darnos contas acabamos nas redes sociais, grupos nos que falar cos que pensan coma min, converténdonos nun obxectivo facilmente manipulable.

Entón como diferenciar unha nova falsa? Recentemente a Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) publicou un decálogo para detectar unha falsa nova. Empeza sinalando que teñen titulares moi rechamantes, difíciles de crer, e pon as súas sospeitas naquelas novas que son anónimas. As fontes destas soen ser descoñecidas, e case sempre son exclusivas, e falan de feitos e datos que dificilmente é posible verificar noutros medios. Os formatos non son os habituais e obvian a data da nova. Por outra banda habitualmente teñen grallas ortográficas e soen vir acompañados de imaxes ou vídeos sacados de contexto e baixa calidade. Para rematar, se teñen ligazóns, estas son simuladas e case sempre dan erro ou teñen fallos.

Sempre se tende a sinalar a ferramenta como a culpable e neste caso tamén. Son as novas tecnoloxías as culpables de todos os males de este mundo e da deriva que este parece tomar? O de sempre, un coitelo pode servir para xantar, para cociñar ou para asasinar. O responsable é a persoa que o manipula e solo ela é a culpable. Pasa o mesmo na Intelixencia Artificial e a súa aplicación  en todas as facetas da vida. A xente pensa que un algoritmo é un método para tratar de chegar a unha verdade obxectiva, temos unha fe cega en eles porque pensamos que hai unha autoridade científica detrás e en realidade é algo tonto, un sistema de perfís demográficos xerado a partir do Big Data. Determina, por exemplo, se tes posibilidades de comprar unha casa en base a uns criterios. As veces opínase que estes son de esquerdas ou de dereitas. É evidente que un algoritmo, unha decisión baseada nel, estará determinada pola persoa que o programou e será o que este sexa: sexista, racista e todos os istmos que se nos ocorran ou ningún.

Fálase as veces de Posverdade. A Posverdade ou mentira emotiva é un neoloxismo que describe a distorsión deliberada dunha realidade, co fin de crear e modelar a opinión pública e influír nas actitudes sociais na que os feitos obxectivos teñen menos influencia que as emocións ou as crenzas personais. Denomínase concretamente Política da Posverdade aquela na que o debate se enmarca nas emocións desconectándose dos detalles da política pública. Resúmese como a idea de que "o feito de que algo aparente ser verdade, é máis importante que a propia verdade"

Rematamos cun consello para protexerse das novas falsas: Transparencia e interacción. O alcance do dano se pode amortecer si se establece unha política de comunicación transparente, que enganche ao público e nos protexa de posibles mentiras. Publicar habitual e continuadamente nas redes sociais consegue xerar seguidores que nos defenderán ante estas trolas. Pódense utilizar tamén contas como #malditobulo, #bulos, #stopbulos, etcétera, para denuncialos.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal