18:29 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-02-2010

A súa leitura vainos ser moi útil para desvendar a mentira masiva que se cerneu sobre a Galiza historicamente e cuxos efeitos chegan aos nosos días

¿Por que lermos Rosalía de Castro?

Valorar (12)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Retrato de Rosalía de Castro


A estrea da edición dixital de TERRA E TEMPO non podía atopar mellor data: tal día coma hoxe, en 1837, en Santiago de Compostela, nacía a muller chamada a ser o símbolo de maior potencia e transcendencia da historia contemporánea da Galiza. Con efeito, responsábel que foi do primeiro monumento da literatura renacente do século XIX, Cantares gallegos, todas as tentativas literarias anteriores a ela ben poden denominarse pre-rosalianas, pois foi ela quen deu o salto definitivo para que as dúas entidades maiores -lingua, nación- subisen ao podio da cultura formal, en formato libro íntegro en galego, a través do uso do idioma como instrumento público e, por tanto, dignificado en por si. Así o entenderon os seus contemporáneos. Para os participantes, como ela, no mesmo combate rehabilitador da Galiza, a obra supuxo un auténtico despertador de conciencias e de vontades. Na emigración, un bálsamo curativo da xenofobia proxectada contra os galegos e un alimento importante para a autoestima mancada. Para os inimigos da causa galega, o inicio dun perigo evidente: a unión de literatura e defensa política do país.

O movemento a que a escritora pertence, como recorda Murguía, é literario e político a un tempo. Este escritor, como Pondal, Aguirre, Rodríguez Seoane, Alejandro e Eduardo Chao..., forman parte da xeración irmanada polo común desexo de elevación do país natal, mais foi a ela a quen coubo a gloria e a cruz de iniciala. A gloria recoñecida por unha minoría de leais á Galiza; a cruz, en forma de acoso e hostilidade social, por se atrever demasiadamente, isto é, por traspasar limites impostos ao seu sexo, ao papel a xogar pola súa nación en España e ao admisíbel nunha muller escritora. Mais a obra que ela deixou feita e publicada, así como a audacia das súas propostas e a rebeldía da súa personalidade foron -son- de tal potencia que todas, todos sen excepción, vivemos delas, mesmo os que a reverencian coa boca pequena e detestan, no fundo, todo o que ela significou.
Como todo gran clásico, protagoniza varias rupturas de profundidade, ás que nos imos aproximar esquematicamente:

1. A ruptura da lóxica binaria

Daquelas que cantan ás pombas i ás frores
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n´as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de que a terei?


Este poema é o inicial de Follas Novas (1880), a súa obra maiúscula. Son as súas credenciais, a súa carta de apresentación. Imposíbel concentrar en menos palabras tanta contestación filosófica, ideolóxica e moral: o cuestionamento dos sexos definidos por autoridade superior; o anuncio da transgresión; a interpelación a ela mesma, a nós, ao público conservador, ao grande edificio do masculinismo... Mais moito antes desta interrogación poética, xa proclamara valentemente a súa vontade rupturista: na prosa poética titulada “Lieders” (1858); no prólogo da súa primeira novela, La hija del mar (1859); no prólogo e mais na escolla da “meniña gaiteira” como portavoz-intérprete da colectividade, do povo a que pertence, nos Cantares... mencionados (1863); no poema “Eva”, en que esta, anxo inmortal, descende á terra para ser a esperanza das súas conxéneres; no ensaio “Las literatas” (1865), onde perfila ás claras o seu papel como escritora libre e xa se ten que defender da acusación (incribelmente viva até hoxe!) de que seu home é o que lle escrebe as obras que ela asina; na novela Ruinas (1866), onde realiza unha defensa entusiástica da independencia feminina ou, en fin, na súa grande novela El Caballero de las Botas Azules (1867), aínda hoxe modelo de feminismo, de modernidade e de radicalidade anti-burguesa.

2. De Galiza para o mundo...

Se hai un artista, un produtor cultural, que aúne na súa proxección valor nacional e alcance universal, é, sen dúbida, Rosalía. Ninguén soubo como ela aprofundar na caracterización de nós, galegos, e, ao tempo, formular os enigmas e inquietudes máis fondas do ser humano. E todo isto, en lingua galega, demostrando de facto a súa validade para todo tipo de asuntos, temas e combinacións poéticas. A súa obra é un inmenso painel onde encontramos desde poemas da máis recóndita intimidade até denuncias do sistema como non se atopan en forma poética en nengunha literatura europea do momento (“Ladraban contra min, que camiñaba” / “A xusticia pola man”, ambos de Libro Segundo de Follas Novas, “¡Do íntimo!”). Relevo especial van ter todas as súas pezas en que exterioriza a dúbida relixiosa ou a insuficiencia da crenza para entender os conflitos humanos. A sororidade, a preocupación mullerista de que fai gala en toda a súa obra, acada a súa apoteose no Libro Qunto desta obra, “As viudas dos vivos e as viudas dos mortos”, onde denuncia da emigración, elevación das duplas vítimas e subtil análise da diferenza psicoafectiva de homes e mulleres da mesma clase social e da mesma nacionalidade van darse a man de forma insuperábel.

3. Lingua galega, patria galega, povo galego

Rosalía de Castro pertence a unha clase social, a antiga aristocracia galega, a fidalguía vinda a menos economicamente, que tiña ante si dúas saídas, á altura da 2ª metade do XIX: a deserción, con asimilación-incorporación aos aparatos funcionariais do Estado e abandono correlativo da lingua, ou ben a alianza co país e os seus signos. Este segundo camiño é o que emprende a nosa escritora, alianza que levaba aparellada indisociabelmente a fusión co povo depositario do idioma, da cultura que cumpría reivindicar como tal e da defensa do mundo do traballo: simbiose, por tanto, de nación e clase social maioritaria, no idioma que as distinguía. Defensa non por casualidade maxistralmente realizada por quen, como muller, como galega e como escritora, estaba en óptimas condicións para comprender a cifra de todas as discriminacións:

[...] si non pode senón ca morte despirse o esprito das envolturas da carne, menos pode o poeta prescindir do medio en que vive e da natureza que o rodea, ser alleo a seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan todol-os labios [...]. Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ôs nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres [...] que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir á parte máis froxa e inxel da humanidade.

E voltamos á pergunta inicial. ¿Por que -ou para que- lermos Rosalía de Castro? Pensamos que a necesidade de o facermos vai moito máis alá de coñecermos un preci(o)so documento histórico, con carácter inaugural e fundacional. Dáse a circunstancia de que a súa leitura vainos ser moi útil para desvendar a mentira masiva que se cerneu sobre a Galiza historicamente e cuxos efeitos chegan aos nosos días. Fará asemade que reubiquemos o papel das mulleres na sociedade galega e ollemos a lingua galega asociada de maneira completa a todo o repertorio temático e formal. Esta executoria lingüística e cultural é o mellor antídoto contra a vella máxima de desprezar o que se ignora e, á inversa, ignorar o que se despreza... Máis actual, imposíbel...


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña