06:03 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2018

evidente que vivimos tempos contraditorios nos que se practica unha cousa e se defende a contraria. Abonda con seguir unha sesión parlamentar para entender o que digo

Politicamente correcto

Valorar (7)

MARICA CAMPO



É evidente que vivimos tempos contraditorios nos que se practica unha cousa e se defende a contraria. Abonda con seguir unha sesión parlamentar para entender o que digo. Unha boa parte das súas señorías, tras botar sapos e cobras pola boca -disque unxida co óleo da democracia-, aplican a lupa e aínda o microscopio á hora de xulgaren as palabras dos seus adversarios políticos.

Porén, o malo é que son lupas ou microscopios interesadamente deformadores, sempre no propósito de servir á dialéctica do enfrontamento, de ver no ollo alleo a palla do politicamente incorrecto. Son episodios que lembran o “crucifícao” bíblico onde, como é sabido, dixese o que dixese, o Cristo ía ser sentenciado a morte. (E acudo á Biblia porque, crentes, agnósticos ou ateos, atoparán nela exemplos para canto acontece).
Mais, se cadra, as mentes nubradas por sectarismos do signo que sexan, non son capaces de seguir o discurso dos seus opoñentes e quedan co que lle convén ao propio. Ou peor aínda: ancorados aos seus móbiles e tabletas, derreados nas súas cadeiras, non están afeitos a escoitar máis dun minuto seguido. Fican con palabras soltas que despois unirán a conveniencia.

Un sistema que afirma querer mudar a situación das mulleres, que reproba todos os crimes machistas; mais non só non implanta medidas claras, senón que desmantela moitas das que existen, rema no mesmo sentido que o infausto grupo da Manada. A deputada e portavoz do Bloque no Parlamento galego, Ana Pontón, en ningún momento afirmou que o presidente da Xunta formase parte desa manda de bestas. Simplemente o convidou a demostrar a súa non adhesión a ela con actuacións eficaces. Naturalmente que lle colleron o ravo polas follas e, na teima descualificadora de que viven, racharon as vestiduras diante dun país disposto a crer que o iceberg só é a punta, malia esfarelarse decote contra a súa mole mergullada.

Así, a verdade e a mentira son a mesma cousa e nada mais se diferencian no volume da megafonía con que son espalladas.

(Verbo do politicamente correcto, neste caso aplicado ao ámbito da escrita, seméllame un serio perigo para a creación literaria cando non existe un criterio claro. Conspicuas e conspicuos críticos confunden no subconsciente autor, voz narradora e personaxes para tirar conclusións falsas. Un relato en que todos os personaxes sexan feministas, poño por caso, non reflicte a realidade e carece de conflitos que fagan reflexionar sobre este asunto. Porén, é bastante frecuente que, persoas que se consideran a si mesmas arquetipos da ortodoxia feminista, veten roles e feitos que se cualifican por si sos).

Non son politicamente correctos os chistes machistas e seguramente non deben selo. Recollen os tópicos de sempre representando as mulleres como parvas, torpes nas tecnoloxías, frustrantes da liberdade dos homes, sogras insufríbeis e demais lindezas polo estilo.

Secasí, non podemos cualificar de feministas os chistes que lles dan a volta aos anteriores. Se o feminismo non é a outra cara do machismo, como certamente non o é, non pode adoptar os seus métodos poñéndoos do revés.

Mais todo, en positivo, é reciclábel. Un chiste dese tipo pode ser o punto de partida dun debate ou reflexión que nos faga notar a inxustiza histórica que se exerceu contra as mulleres.

O quid da cuestión, volvendo ao comezo, sería atopar palabras imposíbeis de retorcer, frases que non permitisen ser recortadas pola tesoira da mala fe, textos que se resistan á manipulación. É pedir algo inalcanzábel, ben o sei. Aínda así, convén non llelo poñer doado.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal