06:31 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-11-2018

Galiza Nova é hoxe unha organización plural, aberta e unitaria, que desde unha posición autocrítica detecta os seus erros e pon en valor os acertos

Sobre a XV Asemblea Nacional de Galiza Nova

Valorar (4)

NAVIA RIVAS DE CASTRO



Galiza Nova celebrou o pasado día 24 de novembro a súa XV Asemblea Nacional. Parece que foi onte cando comezabamos o anterior período xa no 2016. Un cambio de dirección con Alberte Fernández á cabeza, e moito traballo político por diante. Coa perspectiva de dous anos, eu non podo facer máis que valoralos moi positivamente. Tivemos os nosos erros, as nosas subidas e baixadas no ritmo de traballo. Porén, conseguimos innovar, fomos quen de manter un bo ritmo de traballo e tivemos campañas con boa acollida tanto en medios coma na sociedade, coma a da Semana da Patria, que nos deu voz en tódalas comarcas do País.

Podemos dicir, polo tanto, que estamos no camiño e que hoxe Galiza Nova traballa ben, está máis e mellor asentada no territorio, medra en militancia e tamén en interese de moitas mozas e mozos cara á nosa organización. Unha Galiza Nova que conta ademais cunha boa posición no terreo das organizacións internacionais da esquerda e das nacións sen estado, e que aposta polo traballo LGTBI e feminista, coa recente ratificación do seu Protocolo de actuación fronte ás agresións machistas e lgtbifóbicas nesta XV Asemblea Nacional polo conxunto da organización.

Galiza Nova é hoxe unha organización plural, aberta e unitaria, que desde unha posición autocrítica detecta os seus erros e pon en valor os acertos. Pero tamén, na miña opinión, unha Galiza Nova que deber ter como o seu principal reto actual facer máis útil o seu traballo, intensificar o traballo pola base e chegar a toda a mocidade do noso país. É certo que cada vez máis mozas e mozos dirixen o seu interese cara a nós, que se manifestou en arredor de 400 persoas que se puxeron en contacto connosco nos últimos dous anos, ben para sumarse ó proxecto ou ben para solicitar información. É certo que no contexto histórico no que estamos resulta especialmente difícil incorporar esas persoas ó traballo, xa que para moitas custa desenvolver traballo político ben por falta de tempo ou pola grande inestabilidade laboral e de estudos. Mais en todo isto teremos que seguir reflexionando e elaborando liñas de actuación nos vindeiros dous anos.

O sistema que xoga nunha lóxica en que todo está ó servizo do capital, incluíndo as estruturas políticas, onde os estados cada vez teñen menos soberanía, vémolo na Unión Europea, 100% dóciles ao servizo das estruturas antidemocráticas do Banco Mundial e o FMI. Caso máis grave aínda é o dunha nación sen estado coma a nosa, que nin Estado dócil, que nin sequera iso. Coa soberanía dos pobos, tamén están en cuestión as condicións de vida da clase traballadora e os dereitos democráticos. Mesmo a nosa seguridade. Por iso temos que saber ver máis alá, o noso papel como organización non é importante só no contexto galego, senón no contexto global na medida en que estamos inseridos na loita contra o capitalismo e o imperialismo como a súa fase actual en plena expansión.

Neste contexto, ten máxima importancia a militancia xuvenil e a dedicación que moitas e moitos poñemos no traballo político, e que entendemos como fundamental para mudarmos a sociedade na que vivimos e construírmos o país que merecemos.
Por isto reafirmamos o proxecto nacionalista como a alternativa para os problemas do día a día da mocidade galega. Temos unha organización que paga moito a pena, que acumula xa 30 anos de loita incansable, que goza de boa saúde e ten moitas batallas por diante.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal