06:01 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2018

Cuase todos os toponimistas coincidían en asociar a palabra ao seu sonido e significado actual

O nome de Labandeira: ou a historia dun trasacordo

Valorar (9)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Nun traballo anterior abordamos a explicación dos infinitos lugares galegos chamados de LAVANDEIRA, e do consecuente apelido que locen unha morea de compatriotas nosos.

Recollíamos, daquela, as teorías propostas nas explicacións usuais.

Cuase todos os toponimistas coincidían en asociar a palabra ao seu sonido e significado actual, ou sexa: un lugar á beira dos regueiros, onde se acostumaba a lavar a roupa, ou senón, unha referencia ás terras ao redor dun regueiro que eran “lavadas” nas enchentes.

O único disidente desas opinións é o experimentado filólogo e toponimista Eligio Rivas Quintas, que no seu libro   LINGUA GALEGA ( Historia e fenomenoloxia) escrebe , referíndose á LABACOLLA compostelán : “De lavar  ten tan pouco coma os regatos Labandeira que hai por toda Galicia;….”

Prefire, este autor relacionar a palabra con NABACOS ou NABEGOS ou a palabra NAVA.

No noso traballo de entón, optamos por relacionar unha LAVANDEIRA con unha superficie plana, pensando que podería ter relación con unha “palmentaria terra”, ou sexa unha terra chan.

Xa daquela, un leitor e paisano, XAN LOIS GALLEGO TORRADO nun amábel comentario, apontaba que, as LAVANDEIRAS que el coñecia, na zona de Oscos, non eran lugares nada chans e por tanto a nosa teoría non lle aquecía a aqueles íngremes lugares.

É hoxe, que mudamos de opinión, e velaí  o porqué :

Cando falamos dos MEIXONFRIOS que inzan pola nosa Terra, explicamos que ises nomes nada tiñan a ver coa frialdade, e todo coa FRIVOLIDADE; referíanse a redís ou curros para animais que eran FRÍVOLOS, ou sexa temporários, interinos, informais…

Pero hai algo mais que transmite a idea de transitoriedade e inconstancia e que o pode trasladar á toponimia:

E así que, hoxe preferimos derivar as nosas  LABANDEIRAS de un latino LABANS-TIS; pocedente de LABO, que se entende como algo que se bambea ou abalea; cousa vacilante,dudosa, inconstante, …

Daquela, pensabamos que o único bambeante na nosa toponimia eran as penas encabaladas ou CABALEIRAS que tamén deixaron a sua pegada na nosa toponimia.

Agora propomos, que esas LABANDEIRAS, debían ser outro xeito de chamar ao mesmo negócio; MALLADAS LABANDEIRAS, ou sexa corrais de pastoreo temporário, ou transitório, que ao lidar con animais, sería mais que prudente que estivesen perto de mananciais ou correntes de agua, para apagar a sede da “facenda”.

Deste uso, de armar tal tipo de alpendre ou pendellos, ao pé de fontes ou regueiros,  debeu proceder o equívoco de moitos toponimistas de asociar o nome  de LAVANDEIRA, a lavadeiros e enchentes dos regueiros.

Ise costume, de levar as greas de gando a millores pastos e armar alí corrais e malladas provisionais e temporários, debeu ser un uso moi común.

Se cadra, é orixe de moitas capelas e consecuentes romarias como OS CANEIROS de Betanzos, onde por un tempo os pegureiros moraban ao descampado en chouzos provisórios, costume que reproducen os festeiros de hoxe.

A festa xurdía ao fin da estación de pastoreo, cando se xuntaban os membros da aldea base cos pegureiros destacados no monte.

Agradecidos ao padroeiro ou padroeira, erguerian unha capela na cume do monte, e eso explicaría a orixe de moitas das nosas festas e romarias.

De esguello, co mesmo latin, LABANS-TIS, explicaríamos o nome do simpático paxariño da LABANDEIRA, cuxo apelativo , de LABANTARIA, faria referencia ao seu bambeante  rabiño ; WAGTAIL, ou “a do rabiño que abalea”, como  o expresivamente o notan  os ingleses.  



[22-11-2018 03:11] Dairas comentou:

E volta a vaca ao millo. Hai vida máis alá do latín...

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal