06:01 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-11-2018

Estamos diante dunha recompilación de pequenos traballos que durante medio cento de anos veu achegando, sobre todo, a prensa diaria

Scripta Minora ou palabras maiores: Manuel Cabada

Valorar (8)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Vén de presentarse máis un libro dun filósofo galego que logo de facer a súa carreira académica e investigadora durante toda a súa vida activa fóra do país, agora, desde a súa xubilación da Complutense e Comillas, volveu vivir á nosa terra e dedicarse xa a tempo completo a pensar en Galiza, ao fin tamén desde Galiza, atento ao que acontece ao seu redor, ao que se publica, ao que se di, ao que se opina. Neste caso estamos diante dunha recompilación de pequenos traballos que durante medio cento de anos veu achegando, sobre todo, a pensa diaria a través da xanela que lle abre as “Cartas ao director”, ou a dixitais como neste mesmo medio “Terra e Tempo”. Independentemente de que a densidade se concentre máis na última etapa que na primeira, pois xa se teñen feito entregas de textos anteriores, o certo é que dá a oportunidade de ter unha visión global do autor e permítenos reflexionar sobre a súa evolución e, alén do seu caso particular, o propio proceso de toma de conciencia que o intelectual galego ten que facer a contracorrente do que supón precisamente a súa formación educativa na que todos somos adestrados na ignorancia polo propio e o desprezo polo que nos é próximo. Véxase senón a comparanza entre o primeiro texto publicado en alemán en Múnic de defensa da “hispanidade” (polo que comentou o autor que dicía, con afirmacións que hoxe non subscribiría) até o último que dá conta da súa conferencia con motivo da presentación dun libro sobre toponimia na Estrada, denunciando a súa deturpación colonial.

Mais tamén hai constantes, hai actitudes, sensibilidades e preocupacións que se manteñen permanentes. Este cuarto volume da colección que baixo o título Scripta Minora recolle os textos breves de Manuel Cabada Castro ten como subtítulo “Crónicas e escritos periodísticos [1968-2018]”. É dicir, recompila artigos, conferencias ou colaboracións que durante 50 anos reflectiron algunhas das inquedanzas divulgativas do autor a hora de incidir diante da opinión pública.

O libro comeza cuns textos sobre Karl Rahner en Alemán, Galego e Castelán que xunto con outros de semellante cariz supoñen un recoñecemento a quen admira ou influíu nel o no seu pensamento, ou simplemente unha lembranza de amizades que con motivo do seu pasamento quere deixar testemuño do seu recordo. Poida que pareza que estes textos que mesmo puidéramos cualificar de íntimos, nada achegan a quen non teña esa relación persoal que posuía o autor. Mais si que nos aportan moito sobre amar a vida, ser amigos da amizade, gozar das pequenas ironías, apreciar a busca da verdade, valorar a valentía da sinceridade. En definitiva, cuestións universais que na nosa vida cotiá nos afectan e preocupan a todos.

Porque se temos que atopar un fío condutor destes textos quizais teríamos que partir dunha resposta que recolle nun deles, a que dou a alguén que lle dixo que falaba Castelán porque el era universal. Retrucou Manuel que para ser universal había primeiro que ser concreto. Certo, seguramente este que se consideraba máis universal por falar a lingua dominante non é quen de pousar a súa cultura nun chan determinado. Na súa abstracción disóciase completamente do seu ser para non asumir a autoría dos seus propios actos. A que me refiro con isto? E agora entramos xa na filosofía de cheo se é que algunha vez deixáramos de estar.

Un non escolle onde nace, pero escolle todo o demais. Sobre todo escolle negar e renegar da súa orixe ou asumila. Eu penso que Manuel Cabada é dos que non foxen de si mesmos. E iso non é fatalismo, senón todo o contrario. O fácil é tratar de ser o que convén en cada momento, o difícil é apandar co que nos tocou ser e tratar de melloralo. Porque efectivamente, somos o que facemos co que fixeron con nós. Nós somos quen de facernos a nós mesmos, e nese sentido Manuel Cabada é un exemplo diso, pero non podemos crearnos a partir da nada. Para responsabilizarnos do noso propio ser temos que aceptar aquelo que nos veu dado. O bo e o malo. E esa aceptación é a primeira condición para poder mudalo, para tentar melloralo.

Manuel Cabada dá conta nestes textos de como partindo do seu entorno máis íntimo de amizades e familiar pon o que está na súa man para ocuparnos del. Efectivamente el ten unha formación, uns estudos, unha capacitación para analizar as cousas moi rigorosa e adquirida logo de moitos anos de esforzo. Mais iso implica tamén unha grande responsabilidade. El coñece persoalmente ou familiarmente persoas de valor que non son suficientemente valoradas. E vese na obriga de corrixir esta inxustiza.

Por iso o seu traballo de compilador e estudo da obra de seu tío Xosé Manuel Cabada Vázquez, autor do libro que inspirou o nome da Asociación Cultural “Vagalumes” de Tabeirós-Terra de Montes. E por iso ten que saír na prensa a retrucar a quen o acusa a el e a súa familia de tentar impedir a divulgación da súa obra ao aparecer nun dos libros a advertencia típica da editorial de que non se pode reproducir esta obra sen consentimento desta. Nada máis lonxe da verdade. Proba disto é que hoxe toda esta obra se atopa a dispor libre de calquera grazas a súa xenerosidade na páxina web de da A. C. Vagalumes: www.tabeirosmontes.com.

Mais como antropólogo e estudoso da cultura que é tamén se sinte interpelado polo que acontece na súa parroquia. A rapa das bestas podía ser estudada por calquera outro, pero ninguén o facía. Sendo de Sabucedo non podía permitir que seguira sen saberse como e porque existe esta tradición.

Tamén topamos textos que nos achegan tamén a súa erudición para un espazo máis amplo como é o do propio Concello da Estrada. Pero xa digo, que ninguén pense que un artigo sobre as festas patronais de Manuel Cabada se vai limitar a falar de San Paio, tamén vai topar nel un tratado filosófico sobre a palabra, a comunicación e o silencio.

E xa finalmente a nación. A súa defensa da nación en todos os aspectos. Dunha nación que é desprezada e negada. Manuel Cabada, galego de nación, non cre que sexamos máis que ninguén como ten que retrucar na prensa aos “antinacionalistas”, pero desde logo que si está convencido de que non somos menos e non temos menos dereitos que os demais.

Asumirse galego con todo o que isto implica non é doado. Cada vez ponse máis difícil e non é raro ver como hai que non o atura e deserta desta condición. Pero aquí nestes textos vemos como é posíbel, e quizais, non queda outra que soportar a nosa circunstancia de ser galegos. Aínda que sexa grazas a retranca para que isto sexa máis levadeiro, tal como podemos apreciar en moitos destes textos. O problema é que se pensamos que con baleirar todo o que temos de galegos, borrar todo rastro da nosa lingua e cultura para con iso créernos universais, non nos damos conta de que simplemente somos máis ignorantes e máis ridículos.

Este libro vainos axudar a ser concretos. Isto é, a ser galegos. Quizais poida semellar máis conxuntural ou apegado ao día a día, mais nel descubrimos nas súas breves reflexións ás cargas de profundidade que de xeito máis demorado xa se nos expón en outros do mesmo autor como o imprescindíbel “Galicia Raíces e Compromiso”. É un libro de pensamento que dá que pensar, é unha obra de erudición que nos empuxa a querer saber máis, é – en definitiva- filosofía da auténtica, da que te quen a ver coa vida cando fala da morte e non esquece aos mortos que viven en nós cando nos enfrontamos co mundo que nos tocou coidar.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal