06:02 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-11-2018

A palabra “nacionalismo” utilízase como cifra de todos os males, nunha torsión semántica que chega histericamente a igualar tese e antítese

1918

Valorar (33)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Un día con outro, a petar co mesmo martelo na mesma bigornia, a nova inquisición españolista e global ameaza cos novos culpábeis, coas novas bruxas a queimaren na fogueira: os “nacionalismos” e os “populismos”. Sen que cause vergoña, podemos ler como se cualifica Trump e a súa política de “nacionalista”. O macrocapitalista Monsieur Macron non dubida, en rememoración da primeira grande guerra, en contrapoñer a nai de todos os males, o “nacionalismo” ás bondades do “patriotismo”. Estarase a referir á grandeur francesa? Lembrará talvez os letreiros, en estabelecementos públicos bretóns, en pleno século XX, que prohibían cuspir no chan e falar bretón? Recordará o enorme “patriotismo” da OAS en Arxelia? Sobexan os exemplos de xenocidios secundados ou programados en calquer parte do mundo, como sobran os exemplos no Hexágono, cunha política de afrancesamento sen contemplacións.

Tal zunia persecutoria, acompañada da constante perversión semántica, é tamén o pan noso de cada día na prensa española e na editada na Galiza, exacerbada nestes tempos polo caso catalán. A palabra “nacionalismo”, en concreto, utilízase como cifra de todos os males, nunha torsión semántica que chega histericamente a igualar tese e antítese. A esta operación tense referido nestas mesmas páxinas Francisco Rodríguez en máis dunha ocasión.

Eu vou agora comentar o asunto desde unha perspectiva gramatical e centrada nun sintagma, “nacionalismo español”, tan caro aos historiadores académicos da nosa terra e tan comodamente instalado nas súas publicacións. Con algún deles teño discutido a non pertinencia deste conceito, con nulo éxito pola miña parte. Hai xa anos tiven tamén a ocasión de o debater co meu grande amigo e admirado mestre Rafael Ninyoles, mais con el si que me fixen entender e foime grato que me dese a razón. Non é o que procuro agora: pobre de min, competir coa elevada ciencia historiográfica! Só aspiro a, polo menos, ser lida sen reticencias ou reservas previas. Vaiamos á abordaxe da cuestión.

A investigación e análise histórica manexa o sintagma “nacionalismo español” e, cando cómpre, “nacionalismo galego”. Ambas son entidades que se recoñecen como reais e presentes na historia. Daquela, como o substantivo nunca se define (dáse por suposto o seu contido), será lexítimo pensar que posúe semantemas comúns e que a diferenza entre aquelas dúas expresións virá dada polo adxectivo. Transférese, pois, a este a carga semántica que lle correspondería ao substantivo. Na aparencia, o nacionalismo galego non se penaliza, mentres si se aplica o ollo crítico ao “español”. En aparencia. Algo así como o colesterol “bon” e o “mao”, dito en palabras vulgares. Por este camiño, o corolario lóxico condúcenos a concluír que unha certa ración de “nacionalismo” non é nociva, mais que a sobredose do mesmo pode ser mortal. Todo dependería da administración-dosificación da droga. Cuestión cuantitativa. De modo e maneira que, na secuencia histórica, teríamos, entrándomos xa en fariña, dous nacionalismos enfrentados, onde, naturalmente, o galego levaría sempre as de perder.

E unha servidora continúa perguntándose: para alén da utilización insidiosa e inquisitorial que mencionei ao comezo deste artigo, que utilidade pode ter utilizar o mesmo significante para significados absolutamente contrarios? Como se poden comparar  -a través da mesma forma lingüística-  movementos, accións, políticas… totalmente antagónicas? Hai cen anos, Ramón Vilar Ponte (Doutrina nacionalista, publicada en 1921, mais xestada desde 1918) xa se tivo que ocupar en esclarecelo. Como se pode submeter ao uso do mesmo substantivo unhas prácticas amparadas por todos os aparatos dun Estado, o español, coa alianza do supremacismo europeo-occidental,  e a ansia de existir politicamente (mínimo exercicio de liberdade e de conciencia) dun povo, dunha sociedade sen o menor recoñecemento público nen político, supeditada a ser un subconxunto degradado e vilipendiado (na súa lingua, na súa economía, na súa organización social, na súa cultura) dunha unidade superior? Agora practicamos o deporte de igualarmos en potencia, intencións e consecuencias o macroconxunto e o subxconxunto (dito na lóxica do españolismo)? Sinto expresalo así, mais este uso lémbrame a mentalidade aínda viva (hai moita criptomisoxinia do noso Señor!) de quen pensa que o feminismo é unha hipérbole, ao igual que o machismo, ambos perniciosos, ambos rexeitábeis, na ponderación dunha pretensa in medio virtus que, por suposto, non cuestiona a orde masculinista e a hexemonía capitalista. A xerarquía disimulada, en fin.

Teríamos, pois, que da exacerbación do tal “nacionalismo español” nacería a reacción, o nacionalismo galego. E así sucesivamente. Pouco importa quen ten exércitos, quen ten Armada, quen ten banca, quen se representa nos organismos civís e militares internacionais, quen posúe todos os resortes do Estado e da empresa para impoñer a súa lingua, para determinar o papel da economía “regional”, para utilizar a colonia como fornecedora de materias primas, bípedes humanos como carne de emigración ou carne de cañón, para abenzoar e promover a expulsión do seu territorio de miles de persoas, para dirixir, en suma, a política de drenaxe de recursos e de control das institucións.

Fagamos unha excursión aos dicionarios, que non se libran tampouco da trapela pactista. O da RAG achega dúas acepcións de nacionalismo. Eis a primeira: “Doutrina política que exalta o sentimento nacional”. Nesta, ollo!, o exemplo é: “nacionalismo alemán”. A segunda quer afinar máis: “Doutrina política que, no caso das nacións sen estado, defende a liberdade da comunidade nacional na decisión da forma política que quere adoptar para si”. Exemplo: “Teorías sobre o nacionalismo galego”. O Dicionario Galego Ilustrado Nós aponta: “1. Doutrina política que reivindica o direito dos povos con personalidade histórica determinada a se constituir en nazón. 2. Doutrina que subordina a política de un país ao desenvolvimento e grandeza do poderio nacional, concebido como un absoluto. 3. Preferéncia exaltada por todo o que é próprio da nazón à que se pertence, por veces con exclusón de todo o demais. 4. Política de nacionalizazón de todas as actividades políticas, económicas, culturais, etc. de un país. Sinóns.: Integralismo, patriotismo”. Ai, meu Deus, seguimos nas mesmas. Todo no mesmo lote. Case que escollemos a definición do dicionario de D. Eladio Rodríguez González, conmovedora na súa sinxeleza e inocencia: “Apego de los naturales de una nación a ella y a cuanto le pertenece”. Vexamos o que define o Dicionário da Língua Portuguesa, de Porto Editora, que anda algo máis fino: “Preferência pelo que é próprio da nação a que se pertence; patriotismo; doutrina política que faz da nação um absoluto; patriotismo intelectualizado e arvorado em doutrina”. E concluamos coa definición incluída no dicionario da RAE (ben que a da 19ª edición, 1970, que é a que manexamos): “Apego de los naturales de una nación a ella propia y a cuanto le pertenece (como se ve, inspiración directa de D. Eladio) // Doctrina que exalta en todos los órdenes la personalidad nacional completa, o lo que reputan como tal los partidarios de ella // Aspiración o tendencia de un pueblo o raza a constituirse en estado autónomo”.

Como se ve, mesmo que a lexicografía-lexicoloxía galega, portuguesa e española precisasen con urxencia dunha boa reviravolta hixiénico-científica, non podemos deixar de recoñecer que non dan pé á histeria represora que mencionámos ao principio. Tampouco á confusión que centra este artigo: a que usa a mesma nomenclatura para fenómenos e posicións cívico-políticas antitéticas. Por que hai tanto receio a falar de españolismo, ás claras, de imperialismo, de chauvinismo, de soberbo complexo de superioridade, da naturalidade da xerarquía que se quer pasar por atemporal e panhistórica?

Viaxemos afinal ao ano que dá título a este artigo. Hai cen anos, por estes días, o 17 e o 18 de Novembro exactamente, na cidade de Lugo (“sempre Lugo”, Castelao dixit), reunidos en “Asambleia magna” os “persoeiros das Irmandades da Fala” asinan e proclaman o Manifesto que dá orixe nada menos que á historia contemporánea da Galiza. “Autonomía integral pr-a Galiza”; “Igualdade de direitos pr-a muller”; especificación das “Facultades do Poder Galego”, con mención de todas as funcións administrativas, lexislación social, rexime tributario, potestade docente, rexime bancario, crédito agrícola, correios e telégrafos, ferrocarrís, portos francos, fixación das forzas de policía; cuestións xurídicas, con mención expresa da substantividade do Dereito foral galego e publicación das leis en galego; problemas económicos; aspectos artísticos, coa clara proclamación da “soberanía estética da Nazón Galega”. “Galicia ten direito  -conclúese-, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma”. A esta asemblea asistiron persoeiros de todas as Irmandades e estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, con adhesión de cinco federacións agrarias, once concellos, mais de 40 asociacións e “numerosísimas persoalidades de Galicia”. Instan, en fin, a difundir o máis posíbel este manifesto para “faguer púbrico o estado de opinión galeguista”.

Eis as credenciais do nacionalismo galego nacente, que como tal se define e reclama, que precisa, para autodefinirse e xustificarse, definir e explicar a propria nación, a rentes do chan, sen anteollos idealistas ou miméticos, e incorporando, por suposto, o máis avanzado do pensamento e praxe política do seu tempo. Velaquí temos un retrato dunha Galiza desperta, dunha Galiza en pé, que proclama a súa existencia, os seus dereitos e a súa dignidade. Deixo para quen isto ler (que xa vai longo de máis) o exercicio comparativo seguinte: acudan agora aos textos, á prensa, ás fontes… do denominado “nacionalismo español” da altura, segunda década andada do século XX e vexan de atopar algunha, unha soia, xustificación do mesmo substantivo para ambos casos. Cinco anos escasos despois, o xeneral Primo de Rivera perpetra o golpe de estado militar para resolver ditatorialmente a descomposición da monarquía; menos de dezaoito anos despois, o inicio da barbarie desatada na guerra civil española. En ambos casos, usouse o adxectivo “nacionalista”. Moitos anos despois, o goberno norteamericano de turno cualificou o do PSOE de Felipe González como de “jóvenes nacionalistas”: Do inglés procede tamén o uso pexorativo-degradado do adxectivo “radical”. Non é tempo xa de liberármonos dunha vez da escravitude-deformación interesada no uso da lingua? Non é esta, tamén, a autonomía e independencia de criterio lingüística, o correlato da liberdade e autonomía de pensamento?   





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal