06:02 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-11-2018

Todas as alumnas e alumnos estudados que entraron no sistema escolar falando galego acabaron claudicando a causa da presión exercida na súa contra nese medio

Microespañolismos (e 3): Prezados agresores

Valorar (32)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Disposto a rematar esta serie de artigos dedicados a dar conta das agresións exercidas sobre alumnas e alumnos galegofalantes nos nosos centros escolares, debo revelar a fonte de información que serve de base tanto e este escrito como aos dous anteriores, publicados nos pasados meses de xullo e setembro. Trátase dos primeiros resultados dunha pesquisa en curso na que se estudan en profundidade os testemuños dun número de informantes e se comparan cunha observación directa exercida en primeira persoa durante anos. Non é un traballo no que falemos de porcentaxes ou de evolucións estatísticas sobre o uso da lingua. Esta pesquisa vai dirixida a relatar as experiencias, moitas delas terríbeis, de galegofalantes adolescentes en situación de singularidade, de descubrir as razóns últimas e máis íntimas do abandono da lingua galega por parte de moitos adolescentes vilegos e de desvelar as desiguais relacións de poder que se ocultan detrás de cada comportamento lingüístico.

Neste traballo, de momento inacabado, comezan a perfilarse moitos vultos inquietantes. Primeiramente, sucede que todas as alumnas e alumnos estudados que entraron no sistema escolar falando galego acabaron claudicando a causa da presión exercida na súa contra nese medio. O abandono da lingua galega comezou nalgúns deles aos nove ou dez anos, mais fíxose máis brusca e dramática na inestábel etapa da primeira adolescencia, sobre os trece ou catorce. Un sistema escolar adornado de días das letras e demais cerimoniais lingüísticos, oficialmente dedicado a dinamizar o uso do galego, acabou por se demostrar incapaz incluso de axudar a manter a lingua naqueles alumnos que xa a posuían de entrada.    

Un segundo perfil de alumnos e alumnas é o que decide mudar de lingua do español para o galego durante a adolescencia. Trátase dun alumnado –como non, dadas as circunstancias!- minoritario e medianamente ideoloxizado. Este alumnado tamén ha de pagar portaxes polo seu novo hábito lingüístico, que van desde o acoso máis directo e descarnado até a necesidade da adopción dun estilo de socialización máis selectivo que supón o abandono de vellas amizades e a incorporación a novos círculos, normalmente máis reducidos. O seu medio social non é capaz de encaixar o seu cambio de lingua cara o galego como algo normal e aproblemático.

Un terceiro grupo de adolescentes son os que se manteñen á espreita, acazapados detrás do seu hábito castelanfalante mais con vontade de mudar de lingua cara o galego ou, cando menos, de utilizalo de cando en vez coas amizades. Mais vista a experiencia dos máis arriscados, dos que se atreveron a dar o paso, e das reaccións que observan na súa contra, este tipo de alumnado agarda pacientemente até perder de vista o centro escolar para comezar a falar en galego dun xeito máis normal. O Instituto, concibido legalmente como un espazo de respecto e tolerancia, acaba no plano real sendo exactamente todo o contrario no que a hábitos lingüísticos do alumnado se refire, mais só cando o galego asoma a cabeza. 
   
Naturalmente, hai máis perfís. Hai, por exemplo, o das alumnas e alumnos que proveñen do medio rural e deixan de falar galego todos os días cando baixan do autocarro e entran pola cancela do instituto. E hai, como non, quen entre chanzas e risos de inocente aparencia ridiculiza aos seus compañeiros por seren demasiado baixos, demasiado altos ou por falaren en galego. En realidade, a maior parte da presión social que move ao alumnado galegofalante a claudicar como tal, e que obriga aos novos falantes a ter que aturar de todo o imaxinábel, non provén do profesorado senón dos propios compañeiros e compañeiras. A presión dos pares é a que máis pode á hora de modelar os hábitos lingüísticos. 

Esquézanse vostedes do clásico esquema do castelanfalante vilego presuntamente medio culto que se mete co galegofalante rural presuntamente inculto. Esta situación apenas se rexistra no contexto estudado porque o galegofalante rural aprendeu a mimetizarse e xa non exerce como tal cando lle pode acarretar problemas. As crianzas galegofalantes de hoxe proveñen de familias galegofalantes cultas, que falan unha variedade estándar do noso idioma. Os intolerantes que se meten con eles teñen normalmente unha orixe social e familiar moi diferente. A día de hoxe os agresores lingüísticos posúen un capital cultural moi inferior aos agredidos, e aínda así gañan a partida porque exercen desde unha posición de poder. O poder, como sabemos, non é só o que reteñen as institucións. O poder é unha corrente que percorre a sociedade. Quen nade a favor dela, sexa rico ou pobre, ten patente de corso. Pobres dos poderosos se non tivesen quen, de xeito consciente ou inconsciente, lles espalle a súa mensaxe, profundamente ideoloxizada, ao longo do corpo social.    
 
Así están as cousas e isto é o que hai, e hai que recoñecelo aínda que doia. Lembren: ningunha das situacións descritas nesta serie de artigos provén de tempos perdidos na historia do país senón que todas elas tiveron lugar nos últimos dez anos. O máis doado sería caer no desespero, mais nós non imos pór nin un pé nese terreo. Estamos a falar de condutas adolescentes e os roles sociais non están definitivamente marcados. Os agresores non fan senón reproducir acriticamente dentro do centro escolar o que respiran fóra. Agravada polo feito de seren adolescentes, a indefensión dos agredidos é a mesma que existe para todas as persoas galegofalantes, máis alá de operacións estéticas e de espazos moi puntuais, en calquera ámbito da sociedade.

Mais todo é reversíbel. As agresoras de hoxe poden ser as normalizadoras de mañá; hai referencias biográficas que así o testifican. A tarefa é, porén, complicada. Unha política lingüística que mereza tal nome debe procurar, cando menos, que unha rapariga galegofalante entre e saia do sistema escolar sen verse obrigada a mudar de lingua pola presión social. Para iso, igual que nos casos provocados por violencias verbais de tipo machista ou xenófobo, nos centros de ensino hai que traballar sobre todo coa parte atacante. Agresoras e agresores a tempo parcial, capaces a fin de contas de mudar hábitos lingüísticos nos demais, limitando severamente a súa liberdade. Verdugos e vítimas a un tempo, tamén oprimidos a par de opresores; persoas que parecen estar pedindo a berros que alguén as libere tamén a elas do seu papel, tal e como os que andamos nestas lides aprendemos no seu día do grande Paulo Freire.



[19-11-2018 13:21] Joám comentou:

Parabens pola excelente investigação que ilustra o verdadeiro etnocídio que estamos a viver. Por que a língua e a cultura formam o celme do concepto de étnia além de ultrapassadas e nocivas conotações racistas. O supremacismo espanhol continua a bater na nossa identidade com agressividade e efetividade conforme aos seus interesses. Eles bem sabem que apenas um estado sem minorias não espanholas pode achar coesão e estabilidade.

[17-11-2018 10:33] Miguel R. Carnota comentou:

Contesto o teu comentario, Paco.
No traballo ao que fago referencia existe un apartado destinado a dar conta e a estudar os ataques sobre alumnos galegofalantes en situación de singularidade por parte de membros concretos do profesorado. Existen, con certeza, aínda que en menor medida que aqueles que se producen por parte dos pares, e que son, segundo o testemuño dos e das informantes, os que máis inflúen á hora de impulsalos a abandonar o galego. Os ataques por parte do profesorado son normalmente producidos en público e teñen por obxecto ridiculizar o adolescente galegofalante diante dos seus compañeiros e compañeiras e/ou tratar de reconducilo con outros argumentos cara o uso socialmente maioritario nese contexto, o do español. Curiosamente, para os alumnos agredidos é máis doado recoñecer como tais os ataques do profesorado que os dos propios pares, algúns dos cales se ocultan ou se camuflan cos argumentos típicos nestes casos (“era de broma,” etc.). Hai dous discursos encontrados entre os propios informantes, un orientado a recoñecer ese tipo de acoso, outro a minimizalo, relativizalo ou incluso a negalo, aínda que, contraditoriamente, se afirme que esas actitudes dos pares foron capaces de facerlles abandonar o uso do galego.
A maioría do profesorado sitúase, como entendo que dis, nun limbo de inactividade. A proba é que somos poucos os que nos escandalizamos ao observar que as escasas alumnas e alumnos galegofalantes que entran no Instituto acaban mudando cara o español en cuestión de meses. A maioría, igual que a maioría da sociedade, ou non o ve, ou non lle importa ou o que case é peor: o abandono do galego como lingua normal parécelles usual e inevitábel.

[15-11-2018 12:41] Francisco Rodríguez comentou:

É un retrato da realidade que só se poden negar a ver os que prefiren vivir na inopia ou deixarse acomodar a unha versión tranquilizadora. Só teño unha lixeira dúbida en relación co que dis do profesorado. Non sei se non és en exceso optimista sobre a súa actitude ao respecto. Non o vexo tan neutral ou inocuo como ti das a entender. Cando menos, unha maioría non parece ser activa a favor do respecto ao uso do galego polo alumnado que o asume. Limítase a toleralo, parece. E iso xa se sabe o que significa tendo en conta o seu papel. Non creo que poda ser doutra forma coa política lingüística que se aplica oficialmente no sistema educativo. Actuar como burócratas neste aspecto conduce a renunciar a que o galego aboie nas aulas, e isto ten consecuencias, claro. Só hai unha minoría docente algo activa, dáme a impresión...Un retroceso evidente tamén neste campo. En todo caso, é moi útil e agradécese poder saber o que de verdade pasa na educación desde dentro dela

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal