06:03 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-11-2018

Casado, de verborrea facilona, agora fai como Rajoy, escapa dos xornalistas cando non lle convén

Hipóteses e teses

Valorar (5)

ADOLFO DE ABEL VILELA



No artigo de setembro dei por feito que o novo líder do PP era un cadáver político polo asunto do seu master, unha hipótese que non se cumpriu porque non tiven en conta o paternalismo conque o Tribunal Supremo mira ás criaturas dos partidos políticos que propuxeron aos que o compoñen. Non parece lóxico que si unha xuíza instrutora dunha mesma causa ve a posible comisión de varios delitos por parte de persoas non aforadas, que o Supremo non o vexa para unha que o é. Claro que á Xustiza e á Fe represéntaselles cega. Pero aínda así, sigo mantendo que Casado é un líder de circunstancias, para saír do paso, de pouco percorrido, a non ser que cambie de discurso. As enquisas que din que están manipuladas parece que non lle son favorables pero as eleccións andaluzas serán a proba do algodón.

Tirarse ao monte e seguir mentindo

Non é a primeira vez que o PP se tira ao monte sen necesidade. Fíxoo sempre que estivo na oposición aínda sendo a única dereita, agora ten que competir electoralmente con outros dous partido do seu espectro político e hai que diferenciarse, diferenza que consiste en moito patriotismo de bandeira.

As sesións nas cámaras son unha trifulca continua, que só sirve para autosatisfacción. Dubido de que chamar golpista ao presidente do Goberno lle de máis votos ao PP. A leal oposición nos temas de Estado aquí só a fai o PSOE. Seguir pedindo sen motivo a aplicación do artigo 155, máis duro, demostra que as dereitas, lonxe de axudar a encauzar un tema tan delicado e de non fácil resolución como o catalán, queren que perdure. O PP que o alentou, avívao por interese partidario, porque non sabe facer política sen a confrontación, necesita ter a un inimigo, fíxoo con ETA, utilizando sen escrúpulo ás vítimas, e aínda hoxe a bota en falta porque segue nomeándoa malia haber desaparecido.

Casado, de verborrea facilona, agora fai como Rajoy, escapa dos xornalistas cando non lle convén,  como é no caso das entrevistas e conversas de Cospedal e o seu marido co excomisario Villarejo. O PSOE é a causa de todos os males, incluso de que a que era secretaria do partido se entrevistará con el, porque "el PSOE creó una policía paralela". Sería aquela de Rubalcaba que din que inventou a Gurtel.

Polo que parece o PP tratou de montar unha estratexia para obstruir as investigacións levadas a cabo por orde xudicial, avisando aos implicados para que destruísen probas, como fixeron cos ordenadores de Barcenas. Está por ver como acaba este asunto e si hai responsabilidades pernais, pero o que está claro é que si as hai, aínda que estivesen prescritas, o escaparate non é moi presentable e a medida que se vaian celebrando xuízos e saíndo sentenzas que lles sexan desfavorables o será moito menos. Pero negaran as evidencias e seguirán mentindo.

O feito de que Casado sexa o presidente e Egea o secretario xeral, demostra que neste momento non son apetecibles os cargos, e algúns, como Feijoo, esperan a mellores tempos mentres os que están agora se van cocendo na súa bisoñez.

Outro factor a ter en conta nesta apatía polo liderado é que a partir de agora xa non haberá maiorías absolutas, senón gobernos de coalición, tanto pola dereita como pola esquerda. E aqueles partidos que se consideren de centro esquerda ou de centro dereita, terán que exercer de árbitros para fomentar o entendemento e evitar a radicalidad. Tal como está o panorama hoxe sería impensable unha coalición de goberno como a que sostivo a Merkel en Alemaña.

Valor das teses e ADN dos tribunais

Hai uns días que asistín á lectura dunha tese doutoral na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela por suxestión da presidenta do tribunal que me chamou para falarme do traballo de investigación que se sometía ao xuízo do tribunal composto por tres membros, dous catedráticos de dúas universidades, un experto no tema, e un profesor da de Santiago. O tema de investigación era sobre hoteis en Galicia desde 1779 ata 1948, non só desde o punto de vista artístico senón tamén do seu papel social. A miña amiga eloxiou o traballo e fíxome algunhas consultas dado que falaba de hoteis de Lugo e o doutorando citábame moito.

As intervencións dos tres membros do tribunal foron profundas pero tamén unánimes. Era unha boa tese, aínda que, como adoita ser habitual, fixéronlle, máis que obxeccións, suxestións para perfeccionalo. Cando o director dunha tese decide que hai que dar por terminado o traballo, é porque considera que está ben elaborado, e que se cumpren sobradamente os obxectivos marcados porque el tamén se xoga o seu prestixio. Detrás había o esforzo persoal e económico dun estudiante que dedicou varios anos percorrendo arquivos e hemerotecas, consultando bibliografía, falando con descendentes de antigos propietarios, recompilando planos e fotografías e elaborando o texto segundo o guión establecido.

Para xustificar a bondade do traballo o catedrático, coñecedor do tema, fixo alusión ás polémicas xurdidas nos últimos tempos sobre masteres e teses postas en cuestión, fronte ao esforzo e dedicación á investigación de alumnos e tamén dos directores que as dirixen.

Aproveite a quenda final en que se dá a palabra aos doutores presentes na sala para facer unha breve intervención sobre a frivolidade con que determinados partidos e políticos tratan este tema, sen dúbida froito dos seus intereses partidarios e da súa ignorancia.

Agora resulta que a calidade das teses de doutoramento vaise decidir en comisións de investigación no Senado ou no Congreso, ou nas dúas cámaras, simplemente por desprestixiar ao adversario, aínda que con iso desprestixe tamén á Universidade e ao colectivo de catedráticos e profesores.

Todo isto non fai máis que poñer de manifesto a baixa calidade da nosa clase política e da súa ignorancia. O lamentable é que entre eles tamén hai doutores, profesores e catedráticos que coñecen de primeira man o que se coce nas universidades. Que hai favoritismo e nepotismo sábese e practicase. Na Universidade non entran os mellores, senón os que queren os que están dentro, iso si, de acordo cuns criterios, uns obxectivos e outros subxectivos, que lles permiten vestir de legalidade as súas decisións. Catedrático é o que de cinco votos ten tres. Pero mal servizo lle fan á institución educativa si se poñen deputados e senadores a xulgar estas cuestións. Ben farían en dedicar o seu tempo a revisar as leis e normas que permitan que isto ocorra.

Os que fan acusacións de plaxio, aínda que se fagan as citas e se facilite a bibliografía utilizada, demostran que non teñen nin idea de como se fai un traballo de investigación. Na miña intervención non se me ocorreu acusar ao doutorando de terme plaxiado, porque, segundo a presidenta do tribunal "cítache moito", senón ao contrario, ese feito para min é de agradecer porque demostra que os meus traballos son útiles para outras investigacións ben específicas ou transversais porque completan ou corrixen o xa publicado.

A outra cuestión que tamén se pon en dúbida é a composición dos tribunais, da idoneidade dos seus membros e dos vínculos, ata o punto de que parece que haberá que pedir unha proba do ADN de cada un deles para asegurarse de que non hai parentesco co doutorando, e xa que logo, trato de favor.




    .

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal