21:32 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-11-2018

Podemos afirmar que no primeiro cuartel do século XX houbo en todo o país un número ben alto de fabricantes do instrumento galego máis representativo

Perspectiva xeral sobre a fabricación de gaitas no primeiro cuartel do século XX

Valorar (6)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



As primeiras décadas do século pasado son comunmente subliñadas en termos culturais e políticos para a Galiza pola relevancia social e política que tiveron colectivos e organismos como as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o Grupo Nós ou o Partido Galeguista. Porén, sendo isto totalmente certo, houbo outros aspectos da cultura galega dun carácter máis tradicional que fican, hoxe en día, nun segundo plano ou que, cando menos, non se ponderan coa mesma recorrencia. Estamos a nos referir ao mundo da artesanía de instrumentos e, nomeadamente, ao da construción de gaitas. Neste sentido, reafirmarmos na actualidade que no país a gaita ten unha grande implantación sociocultural xa desde os tempos da Idade Media, como xa viña sendo reinvindicado dese o Rexurdimento, supón unha sentenza tan certa como asumida. En moitas rexións do territorio, como nas Rías Baixas ou en varias comarcas da actual provincia de Lugo, a figura do gaiteiro adquiriu, se callar, unhas maiores dimensións e proxeccións sociolóxicas e culturais do que noutras áreas da nación. De aí que a nómina de construtores de gaitas tamén tivo a súa importancia e deste aspecto vai tratar o presente artigo.

Podemos afirmar que nesa época correspondente ao primeiro cuartel do século XX houbo en todo o país un número ben alto de fabricantes do instrumento galego máis representativo, acorde coa relevancia cultural deste tipo de expresión artística e coa demanda de instrumentos na altura. En moitos casos, eses artesáns construían gaitas que despois eran afinadas ou postas a punto por outros gaiteiros ou por músicos profesionais, pois moitos carecían dos coñecementos precisos para o faceren. Comezando polo leste da nación, algúns de que se ten constancia, nin todos coas mesmas capacitacións e habilidades, eran Antonio López Quiroga e Somoza (Láncara, 1876-1949), Domingo Álvarez Rodríguez, alcumado "O Galfarro" (A Pumareda, A Veiga, 1865-1968), Fermín del Campo Rodríguez, máis coñecido como "Fermín de Grandas" (1896-1975), Xosé da Casa de Val, (San Martiño, A Pastoriza), Xosé María Cortón López (Santalla, Riotorto), Xosé María "De Luzán" de Cimadevila (Riotorto) Xosé Pérez, coñecido como "Pepe Xamposo" ou "Xan Poso" (Navia de Suarna, 1877-1987), Manuel Pájaro, de alcume "Pedresiñas" (Freixo, A Fonsagrada), Manuel Vinjoy (Balboa, Trabada, 1880-1974), Pascual "Da Caborquiña" (Rucereixa, Pedrafita do Cebreiro), Víctor José Rodríguez Murias, máis coñecido como "Víctor de Caioco" ou "O Caioco" (A Veiga, 1913-1930) etc.

Por seu turno, noutras rexións da Galiza tamén desenvolvían o seu labor diferentes artesáns e, como acontecía no caso dos anteriores, nin todos o facían con idénticos estándares de calidade. Na cidade da Coruña, conforme nos indica Ramón Rodríguez Palleiro no seu interesante libro Farruco de Montrove e os gaiteiros da Coruña, (2017), é obrigado falarmos do "Tintureiro", responsábel da construción das primeiras gaitas do coro Cántigas da Terra e doutras formacións, do cal actualmente pouco máis se coñece; o mesmo autor tamén nos informa que nesa localidade as fabricaba Ambrosio Calza, que destacou por as facer na tonalidade de Lá para o mesmo coro coruñés xa citado. Na área de Sobrado dos Monxes existían dous obradoiros de certa sona: o de Antonio García, de sobrenome, polo seu oficio, "O Ferreiro de Vilariño" (Castro de Vilariño, Sobrado dos Monxes) e o do gaiteiro da Anafreita (Friol, Lugo), en que, a carón de gaitas máis sinxelas, tamén se construían exemplares de "galleto" a catro voces, características desta zona. En Guntín, a uns vinte e cinco quilómentros da cidade de Lugo en dirección suroeste, ocupábase da construción de gaitas un artesán coñecido como "Liz de Guntín". Na vila pontevedresa da Estrada, por súa vez, viña desenvolvendo o seu labor cando menos desde o século XIX o obradoiro de García de Riobó, cuxos descendentes continúan hoxe co seu legado. Tamén no Val da Ulla, en finais dos anos 20 e nos primordios da seguinte década, traballaban no lugar de Ardilleiro Grande os irmáns Gómez, que, se ben que funcionaban normalmente por encargo, facían instrumentos que logo vendían nas feiras.

Na cidade de Pontevedra encarregábanse de surtir os músicos da zona os irmáns Benito e Constante Poceiro, uns artesáns de certa sona que fabricarían as gaitas para afamados grupos como Brisas do Río Ulla, Os Areeiras ou mesmo Os Campaneiros. Non lonxe de alí, na zona de Cambados, os encargos eran feitos a un construtor coñecido como Manuel de Marica, na aldea de Oubiña. En Manzaneda dedicábase á feitura de gaitas Xosé Hervella Cereixo (1884-1965), que, segundo se di, chegou a ter pedidos dos mesmos Trintas de Trives. Ramón Carril ocupábase desde 1918 da construción de gaitas na Rúa de San Pedro, en Santiago de Compostela, e os coñecementos del pasarían ao que sería un dos fabricantes más solicitados nos anos sesenta e setenta do século XX, como foi Basilio Carril (1914-1974), o seu primoxénito. Manuel Lago e o seu fillo Henrique destacaron na comarca de Valdoviño, sobre todo nas tonalidade de Dó e Si bemol. Ao paso, outros moitos fabricantes cuxos nomes hoxe descoñecemos facían o propio nas restantes comarcas do país e mesmo alén do oceano: na Galiza ultramarina é de salientar o verinés Xosé Manuel Posada Fernández (1886-1955), que compaxinaba en Cuba a súa faceta como gaiteiro coa de artesán e palleteiro.

Todos estes artesáns non vivían exclusivamente de construíren instrumentos, o que pode contrastar coa situación actual, pois hai profesionais que teñen a fabricación de gaitas como medio de vida. Moitos daqueles fabricantes tiñan coñecementos de ebanistaría ou carpintaría, como é o caso de Manuel e Henrique Lago, o que lles facilitaba inmenso o tratamento das madeiras. Algúns, os máis, compaxinaban a fabricación de instrumentos con labores derivados da agricultura ou do coidado de animais, ao paso que non faltaba quen soubese das artes de traballar os metais, como o xa comentado Antonio García, de quen se di que o músico e director de orfeóns César Manuel Sánchez López (1926-2010) o orientou para os punteiros se aproximaren da escala temperada moderna. Tamén se pensa que "O Rilo" de Betanzos (ca. 1847-1907) puido fabricar el mesmo os seus instrumentos, xa que vivía precisamente do oficio de ferreiro. E outro laureado gaiteiro que tiña coñecementos de traballar o ferro era Avelino Cachafeiro Bugallo, "O Gaiteiro de Soutelo", unha figura case mítica no mundo da música tradicional galega.

Outra característica común a todos eses artesáns é teren unha vinculación case exclusiva á procedencia xeográfica e sociocultural de onde proviñan. A maioría non costumaba sobordar a súa comarca máis inmediata no referente a encargos e grao de coñecemento por parte de gaiteiros doutras partes do país. A comunicación entre eles, salvando puntuais circunstancias, era escasa ou mesmo totalmente nula. Isto quere dicir, poñamos por caso, que moito probabelmente os fabricantes das zonas orientais de Lugo que citamos máis arriba descoñecerían o labor levado a cabo por Ramón Carril e viceversa, ao mesmo tempo que, de maneira análoga, os antepasados oitocentistas e dos primeiros anos do século XX de García de Riobó ignoraban a existencia do Xamposo nos Ancares ou do Tintureiro na Coruña. E de igual modo Antonio García e Manuel López López dificilmente ouvirían falar o un do outro. Aínda, algúns gaiteiros da década de 90 do pasado século se referían case en exclusiva aos artesáns da súa contorna: os gaiteiros do lugar da Brea (Roade, Sobrado dos Monxes) tocaban con instrumentos construídos polo Ferreiro de Vilariño e sinalaban a existencia do de Anafreita, mais non tiñan constancia doutros obradoiros que na altura había pola xeografía galega, algúns de recoñecido prestixio. Todo isto contrasta enormemente coa nosa época, en que fabricantes naturais de territorios diferentes están ao día do que fan colegas doutras áreas e inclusive doutros países, e non só polos contactos e intercambio de impresións que se producen nas mostras de instrumentos tradicionais, como a xa clásica de Pardiñas (Guitiriz, Lugo), mais tamén polo coñecemento recíproco derivado do avanzo das tecnoloxías.

Acudindo aos exemplares conservados de finais do século XIX e do primeiro cuartel da centuria seguinte, verifícase unha outra característica habitual neses artesáns, cal é o feito de cada un deles manter unha liña estética e acústica propia, vinculada ao que tradicionalmente se viña facendo en cada comarca: preferencias por certas tonalidades, diferentes sistemas de dixitación, determinadas liñas do torneado das madeiras etc. podían ser úteis para podermos localizar a zona de procedencia do instrumento e mesmo nalgúns casos a persoa que o construíra, pois naqueles tempos non era habitual que os artesáns empregasen carimbos para marcaren as cornamusas. Os exemplares fabricados na Mariña lucense, por exemplo, non eran idénticos nin tímbrica nin técnica nin organoloxicamente falando aos do sur do país, nin estes o eran relativamente aos provenientes do centro da Galiza nin estoutros se confundían cos do leste da nación.

Estas características que definían a elaboración de gaitas nos primordios do século pasado (isto é, vínculo á contorna xeográfica máis inmediata, falta de profesionalización laboral e polimorfía acústica e estética) contrastan coa situación doutras culturas gaitísticas afíns. Pode servir aquí como confronto como en finais do século XVIII e nos inicios do s. XIX se unifica a afinación e a estética de unha das cornamusas máis coñecidas universalmente, a gaita escocesa das Terras Altas, e como xa no século XIX había obradoiros deste instrumento que vivían exclusivamente da súa construción, con catálogos de modelos e prezos, complementos para o coidado da gaita etc. Unha situación similar non se produciría no caso da gaita galega até uns cento cincuenta anos máis tarde, o que costuma ser explicado, en parte, pola situación de anormalidade sociocultural en que deu sobrevivido o país, mais tamén porque, derivado do anterior, a eclosión a posta en valor da música de orixe tradicional non tería lugar até aos anos 70 e 80 do pasado século, despois do franquismo, coa subsecuentes demanda de instrumentos e exixencia na calidade musical destes. Pensemos que a unificación dos calibres interiores para as buxas, de forma a posibilitar que os tubos sonoros de diferentes fabricantes encaixasen nas construídas por outros artesáns, non chegaría até despois das reunións que darían orixe ao que acabou sendo a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, alá na década de 70 en Ortigueira.

En definitivo, os primeiros anos dos século pasado caracterízanse pola organización do movemento cultural e político na defensa dos sinais identitarios do país, mais tamén, desde outros ámbitos, pola existencia dunha notoria cantidade de artesáns de gaitas que dan conta da súa transcendencia sociocultural. E esa mesma importancia continúa hoxe, cunha nómina de construtores e intérpretes dunha extraordinaria calidade, contribuíndo así para a dignificación do instrumento nacional galego por excelencia e da música a el asociada.







Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal