21:30 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-11-2018

Ese discurso está enganchado e aumentan cada vez máis as actuacións e actitudes contrarias aos dereitos de quen somos galego-falantes

Din que estamos impoñendo o galego

Valorar (27)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Hai uns días tomando un café con unha persoa falábame da súa preocupación e desgusto polo feito de que un familiar seu, galego de nacemento pero que vive fóra de Galiza, estaba convencido de que é certo iso o de que en Galiza se está impoñendo o galego e que o español está perdendo presenza e pode entrar nunha situación de perigo.

O certo é que nas últimas semanas foron múltiples as ocasións nas que medios de comunicación que reciben cuantiosas subvencións da Xunta de Galiza teñen dado páxinas enteiras e amplos espazos na súa programación ás mentiras de persoeiros do españolismo, que coas súas mentiras están sementando intencionadamente o odio contra quen reivindicamos o dereito na práctica inexistente a podermos vivir no noso idioma. E está claro que fóra de Galiza, pero tamén en determinados ámbitos fundamentalmente urbanos do noso país, ese discurso está enganchado e aumentan cada vez máis as actuacións e actitudes contrarias aos dereitos de quen somos galego-falantes.

Poderían sinalarse multitude de situacións pero vou facer referencia só a unha da que fun protagonista.

Hai uns días morreu miña nai, ela era galego-falante e os fillos decidimos que todo o relacionado co seu enterro debía realizarse no idioma no que ela desenvolveu a súa vida. E certamente non foi nada doado conseguilo.

En primeiro lugar houbemos de aclararllo á funeraria, persoas moi profesionais na atención a quen está pasando un momento tan delicado como é o da morte dun familiar directo, pero que non foron quen de disimular o seu xesto de estrañeza diante da nosa petición de que todo debía ser feito en galego. A verdade é que a reacción daba a entender que estaban diante duns tipos raros, e o seu xesto non tería sido de maior sorpresa se lles tivéramos dito que queríamos todo en bengalí ou en quechua.

Pero a cousa non quedou nesa estrañeza senón que houbemos de preocuparnos nós de que a nota necrolóxica, as tarxetas, etc... estiveran escritas en galego e correctamente. Posteriormente no tanatorio houbemos de solicitar a corrección e tradución de diversos textos, non sendo posíbel conseguir algo tan simple como un libro de condolencias no noso idioma.

Boa mostra de que na nosa sociedade o idioma galego é de uso xeneralizado en todos os ambientes e situacións, froito desa imposición da que se fala, foi o comentario de varias das persoas que se achegaron ao tanatorio sinalando de xeito anecdótico pero moi clarificador da verdadeira situación, que cando preguntaron na recepción por nós a indicación da persoa que alí estaba foi “ah sí, los que hablan gallego están en la sala 6”.





anterior 1 2

[01-11-2018 12:39] Marta Dacosta Alonso comentou:

Tristemente esa é a nosa realidade. O que describes vivímolo punto por punto dúas veces cando foi o pasamento dos meus sogros.

anterior 1 2
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal